| 6 de abril de 2021

O feminismo apela ás institucións europeas ante a inacción das estatais

Fai uns días a Plataforma do Feminismo Radical de Galicia -PFRG- recibiu resposta á petición de intervención dirixida ao Defensor del Pueblo o pasado 8 de marzo pola vulneración reiterada de dereitos fundamentais das mulleres por acción ou omisión de institucións públicas e representantes dos cidadáns.

Na súa resposta, o Defensor del Pueblo non aprecia razóns para promover ante o Tribunal Constitucional ningún dos recursos solicitados, referíndose aos “2 recursos de amparo”, que en realidade eran 4 e ao de inconstitucionalidade, presentados xunto a “13 sinaturas”, aínda que en realidade eran máis de 150 peticionarios os que asinaban o documento. Entendemos que o cálculo político non se rexe polas regras aritméticas, aínda que celebramos o relativo avance se o comparamos co cálculo que o Sr Echenique facía do feminismo crítico coas teorías de xénero, circunscribíndoo a “4 ou 5 que se chaman a si mesmas feministas”.

Unha das peticións que trasladábamos no noso escrito era a promoción de recurso de inconstitucionalidade contra a Lei 17/2020. Esta lei, aprobada polo Parlament de Catalunya, ven a cambiar parte do contido da Lei 5/2008, do dereito das mulleres a erradicar a violencia machista, modificando o suxeito ao que vai dirixida a mesma, que ata entón eran as mulleres, polas mulleres transxénero e cisxénero e as persoas non binarias, coa fin de respectar a diversidade de xénero.

Todo isto, a pesar de que no Real Decreto Lei 9/2018, de 3 de agosto, de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero evócase a Resolución 48/104, de 20 de decembro de 1993 das Nacións Unidas na que se define a violencia contra a muller como todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino e que a definición de xénero recollida no Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica, incorporado ao noso ordenamento en 2014, define o xénero como os papeis, comportamentos, actividades e atribucións socialmente construídos que unha sociedade concreta considera propios de mulleres ou de homes.

Resolución 48/104, de 20 de decembro de 1993 das Nacións Unidas

Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica. Estambul, 11 de maio de 2011

Atendendo a ambas consideracións, resulta claro que a violencia de xénero ou violencia machista é a exercida contra as mulleres por razón do seu sexo e como resultado de atribucións e comportamentos baseados en construcións sociais que asignan ao home un papel dominante sobre a muller.

Así pois, a modificación do suxeito ao que van dirixidas as medidas de protección da Lei 5/2008 non só obvia a razón da violencia contra a que di actuar, senón que pretende blindar un construto social no que se amparan as diferenzas efectivas entre homes e mulleres, e nas que se basea a mesma violencia.

Por outra banda, no artigo 70 de la Lei 17/2020, establécese que “as mulleres transxénero que non teñen a mención de xénero rexistrada como muller na documentación oficial equipáranse, aos efectos da presente lei, ás demais mulleres que sufriran violencia machista na medida que se recoñecen como mulleres”.

Sobre este artigo caben varias consideracións. Por una banda, unha lei de ámbito autonómico non pode arrogarse competencias relacionadas coa condición rexistral, como o recoñecemento dos dereitos atribuídos ás mulleres e a súa aplicación a individuos que non os teñan recoñecidos legalmente e, por outra banda, a arbitraria autodeterminación de persoas de sexo masculino como transfemininas. Sen ningunha evidencia que sosteña esa afirmación, abre a porta á fraude por parte de vitimarios que queiran eludir o agravante de violencia de xénero ou que queiran desprotexer á vítima real á que xa non serían de aplicación as medidas protectoras desta lei por non darse as condicións ineludibles de ser unha violencia exercida por homes contra mulleres. Ademais, a inseguridade xurídica xurdida da arbitraria autoatribución da condición de muller sen máis requisito que a manifestación verbal do interesado pode ter outras consecuencias igualmente graves, como o acceso aos espazos seguros nos que son protexidas as vítimas de agresión sexual ou violencia machista por parte de homes violentos, que se autodeterminen como mulleres co único obxectivo de agredir a esas mulleres vulnerables ou aos seus fillos.

Ao respecto desta inseguridade e a fraude á que poderá dar lugar, o Defensor del Pueblo sostén no seu escrito que o perigo ou desprotección que poida derivarse da autodeterminación como mulleres por parte de persoas de sexo masculino de xeito fraudulento, poderá ser obxecto de reparación por vía de impugnación na vía xudicial ordinaria ou, no seu caso, na vía de amparo constitucional”. É dicir, non nega a inseguridade xurídica e os efectos que esa arbitraria norma poidan producir, pero a súa solución non pasa por evitar a perpetración do delito, senón por recordar que existen sistemas de denuncia -no caso de que a vítima aínda conserve a vida, claro-.

Cando o Sr Fernández Marugán asina a resolución coa que da carpetazo a este asunto, propoñendo a vía xudicial para denunciar unha posible fraude na autodeterminación de xénero, parece descoñecer que esta pode tornarse en demanda cara a propia denunciante por parte do denunciado que, segundo o artigo 30 da Lei 11/2014, de 10 de outubro, para garantir os dereitos de lesbianas, gais, bisexuais, transxéneros e intersexuais e para erradicar a homofobia, a bifobia e a transfobia, aprobada igualmente polo Parlament de Catalunya, “Inversión da carga de proba” “...corresponde á parte demandada (é dicir ao que cuestiona dita identidade), ou a quen se impute a situación discriminatoria, a aportación dunha xustificación obxectiva e razoable, suficientemente probada, das medidas adoptadas e da súa proporcionalidade” e, de non poder demostrar a fraude, que non precisa de probas materiais para acreditar ningunha identificación de xénero, enfrontaríanse ás sancións tipificadas no seu artigo 35, que pasan por sancións pecuniarias, incapacidade para contratar coa Administración ou recibir subvencións públicas durante un ano.

Pero, o Defensor del Pueblo -ou dunha parte do pobo- aínda engade que a nosa interpretación se centra en que a norma toma a definición de mulleres transxénero a partir da autoidentificación como tal, pero que podería darse o caso de que, aínda sen mención rexistral do dito cambio, poden estar en plena transición, podendo existir situacións de disforia de xénero. Con todo isto evidénciase o gran descoñecemento por parte do titular desta entidade sobre a diferenza entre transexualidade e transxenerismo e o pouco rigor amosado resolvendo un asunto para o que non se documentou.

Non atopa o Alto Comisionado das Cortes razón para considerar que esta lei vulnere ningún dereito constitucional dos que lle corresponde protexer. E unha lei con este obxecto, tal como establece a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, é dicir, a integridade física e moral, a liberdade e seguridade e a igualdade e non discriminación por razón de sexo.

Non obstante, no seu escrito xustifica a inadmisión considerando circunstancias equiparables á oposición de algúns colectivos ao matrimonio igualitario, xa que a unión de parellas do mesmo sexo non menoscaba os dereitos das unións de persoas de diferente sexo. É dicir, que a desprotección das vítimas de violencia de xénero e a súa exposición a novas situacións de violencia é equiparable, ao seu entender, co desfrute dos dereitos nacidos da unión de persoas do mesmo sexo. Ocórresenos que, á hora de situar o noso entendemento na máis rancia das doutrinas, podería ter posto exemplos aínda máis edificantes como o dereito ao voto.

Finalmente, no que respecta á nosa petición de promoción de catro recursos de amparo, tampouco aprecia vulneración constitucional na inacción das institucións fronte á práctica ilegal de alugueiro de ventres a través de empresas que ofrecen este servizo no noso país, considerada na Instrución de 18 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado, sobre actualización do réxime rexistral da filiación dos nacidos mediante xestación por substitución “un fenómeno no que se produce unha grave vulneración dos dereitos dos menores e das nais xestantes”, continuando máis adiante coa afirmación de que “resulta ademais claro que a lucrativa actividade das axencias mediadoras que operan neste terreno non pode considerarse axustada a dereito”. Non obstante goza do branqueamento de administracións como a Generalitat de Catalunya, que incluso ofrece asesoramento ao respecto, as universidades públicas que ofrecen charlas informativas normalizando esta práctica ou as feiras da maternidade subrogada que se celebran periodicamente sen que a fiscalía ou as forzas de orden pública consideren necesario intervir.

Como tampouco aprecia vulneración constitucional no intervencionismo das comunidades autónomas na educación dos nenos a través de protocolos escolares que promoven teorías acientíficas sobre identidades de xénero sen que os pais autoricen ou consintan ese adoutrinamento, que se realiza á marxe do seu coñecemento.

E, para rematar, o Defensor del Pueblo tampouco aprecia ningunha vulneración constitucional na desprotección das mulleres críticas coa identidade de xénero que son ameazadas nas rrss con mensaxes como “En este perfil pateamos, despellejamos, descuartizamos y matamos terfas”, “Que asco las putas terfs les metería un navajazo a todas”, “Yo me animo a matar un par de Terfs solo necesito que me las acerquen”, “Terfa muerta abono pa mi huerta”, “Menos matar vacas y más matar Terfs” e moitas outras mensaxes de descrédito das feministas abolicionistas, moitas asinadas polos propios representantes dos cidadáns nos parlamentos estatais ou autonómicos, dos que achegamos exemplos no noso escrito.

Ante a impotencia producida polo desinterese que parece ter espertado no Defensor del Pueblo, último baluarte de protección dos dereitos dos cidadáns fronte á acción de administracións e institucións públicas, diriximos a nosa petición cara ás institucións europeas, cursando peticións dirixidas á Defensora do Pobo da UE e ao Parlamento Europeo, a través de dous escritos que vimos de remitir.