| 19 de febreiro de 2021

Que nos leva a crear a Plataforma do Feminismo Radical de Galicia?

A dramática situación actual das mulleres e do feminismo foi o detonante para que este grupo de feministas de todos os territorios da Galiza decidíramos xuntarnos e crear esta plataforma co fin de aglutinar forzas contra a ofensiva patriarcal que nos ataca agora dende un novo fronte, co mesmo propósito de sempre, que adiquemos a nosa existencia a facerlle a vida máis sinxela a algún home.

As organizacións galegas máis coñecidas que se supoñen feministas, atópanse secuestradas por persoas que incriblemente defenden ideas contrarias ao feminismo. Organizacións que promoven ideoloxías, accións e políticas que danan ás mulleres, que non serven para liberar ás mulleres, senón que constrúen novos muros para nós, novas trampas, novos problemas co mesmo fin de sempre.

Observamos dende fai anos como a causa feminista, se dilúe en nome da necesidade de inclusión de todas as loitas dentro da nosa loita, tamén aquelas que son contrarias aos dereitos das mulleres. A defensa da nosa emancipación ocupa un segundo, terceiro ou cuarto lugar, no que se supón é o movemento feminista galego.

Atónitas, vivimos como a ideoloxía feminista é manipulada para validar calquera outra causa. Hoxe a xente percibe o feminismo do mesmo xeito que percibe unha marca comercial que vende moitas camisetas, axendas, chapas, bolsos, merchandising de tódolos tipos, mentres as ideas verdadeiramente revolucionarias do feminismo son tapadas e camufladas para sumar voces. Voces e voces de mulleres, e tamén homes, que din ser feministas. A pretensión é que o feminismo sexa calquera cousa, menos o que en realidade é. Baleirar a palabra do contido real e facer unha marca que serva para vender a ilusión dun mundo igualitario, mentres nos dan máis do mesmo, machismo de toda a vida, patriarcado adaptado aos novos tempos.

Falar da abolición dos xeitos de explotación das mulleres máis humillantes, é practicamente tabú no corazón destas organizacións. Suponse que esquecernos de nós evita conflitos. Sendo Galiza o lugar onde se desarticulou a rede de trata máis importante de todo o estado coa Operación Carioca acontecida en Lugo, non podemos nomear a trata nos manifestos feministas. Preguntámonos entón, para que serve este pseudofeminismo a día de hoxe? Ou máis ben, a quen serve?

As ideas abolicionistas son relegadas polas organizacións a unha posición histórica, pasada e antiga. Difunden o “mantra” de que caer na prostitución pode ser libre elección e que a súa erradicación é imposible de lograr; cando sabemos que xa existen países practicando a abolición da prostitución. Para algunhas supostas feministas é lícito reivindicar o mercado da carne de muller na prostitución, no porno ou na xestación subrogada, como algo liberador e empoderante. Para máis inri, agora, quérennos colgar o sambenito do “xenerismo queer” por lei e converter así os estereotipos contra os que loitamos, en categorías xurídicas. Rexer as nosas vidas en base ao sexismo, dicindo que é progreso, alegando que é necesario para evitar suicidios, e esquecéndose de que reforzar os estereotipos construídos en base ao sexo, reléganos de novo ao lugar máis baixo da escala social.

Semella que calquera cousa que defenda unha muller, ou un home, ten a capacidade por arte de maxia en converterse en feminista, coa simple vontade dunha persoa, de que así sexa. Estase difundindo a crenza de que o feminismo non é un movemento social que loita pola emancipación das mulleres, senón que é o que a cada unha ou a cada un lle pete que teña que ser. Estase tirando pola chan a loita feminista a cambio de followers. Inténtase que todo o mundo poida identificarse co feminismo alegando que calquera cousa pode ser feminista.

Ser muller non significa ser feminista, moito menos ser home. O feminismo ten unha raíz, ten unha base teórica materialista, ten un suxeito político ben definido que é a muller, pola razón de ser muller, é dicir, polo seu sexo. O movemento feminista non pode agrupar a defensoras da emancipación da muller e ao mesmo tempo a defensoras da escravitude sexual, da pornografía, da explotación reprodutiva, e do xénero como esencia feminina ou masculina.

O feminismo ten unha postura clara en canto a estes temas e é que temos que loitar para erradicalos e conseguir unha vida libre de opresións patriarcais, onde deixemos de ser o segundo sexo, onde deixemos de vivir as nosas vidas para facerlle a súa máis cómoda aos homes, onde deixemos de ser a outredade. Onde non teñamos que usar o noso corpo para satisfacer a demanda de carne, a demanda de descendencia, nin ser a escusa para introducir delirios acientíficos no ordenamento xurídico que danan ás mulleres, ás nenas e aos nenos.

Atopámonos atrapadas nunha sociedade cada vez máis machista, pero ao mesmo tempo medra o movemento feminista. Non será que o movemento feminista sufre un ataque dende o seu interior? Non será que incluír unha postura e maila súa contraria no mesmo movemento ten como única pretensión controlar o carácter revolucionario do feminismo, calar ás feministas, usar a técnica da chantaxe emocional como toda a vida se usou na nosa contra? Non será que hai idearios que soamente se poden introducir no feminismo con estas tácticas?

O posmodernismo é unha lacra na loita social en xeral, pero no movemento feminista, tocou todos os marcos. Non podemos máis. Se o feminismo fora un barco, isto sería coma vivir o naufraxio do Titanic. Mentres a orquestra segue tocando, a nosa loita vaise desarticulando.

A capacidade de convocatoria da folga feminista do 8 de marzo é tal que a sensación xeral da poboación é que estamos nun momento de avance social para as mulleres, pero por suposto nós, ás mulleres que creamos esta Plataforma, non vemos ese avance, senón máis ben un retroceso e unha perda de dereitos ante a máis que probable aprobación da lei de autodeterminación de xénero. Vivimos dende fai anos situacións tan insólitas coma que ese feminismo difuso se sume incondicionalmente e preste a súa voz a asociacións transactivistas que mesmo defenden os ventres de alugueiro, figurando como asinantes dun manifesto a favor da explotación reprodutiva das mulleres.

Temos asistido a charlas feitas na Galiza, nas que en nome do feminismo apelaban a voluntariedade das mulleres prostituídas, ás que chaman traballadoras sexuais; charlas onde atacan ás mulleres feministas abolicionistas, chamándonos “vellas”, coma se a idade dunha muller quitara lexitimidade aos seus argumentos. Chámannos “hexemónicas”, mentres esoutra banda defende postulados machistas e neoliberais que atentan contra nós e contra a infancia, ostenta o poder nas organizacións que tiñan que servir para acadar a emancipación das mulleres e que teñen as súas tropas despregadas no estado.

Non imos marchar para a casa, nin nos van botar fóra do movemento, como predican algunhas mulleres que se supoñen feministas polas redes socias. Non somos catro, somos moitas máis e non imos debater, nin facer achegas sobre quen é o suxeito do feminismo, cando non existe posibilidade de debater algo que é tan evidente. Estamos fartas de que traten ao feminismo coma a nai abnegada que se deixa a si mesma para o final.

Estas feministas temos claro que non imos practicar a abnegación. Queremos ser libres, queremos ser consideradas iguais, queremos tomar decisións políticas que nos atinxen directamente e non imos pedir permiso para facer nada do que teñamos que facer para defender a nosa causa. Non aguantamos máis. Non lle debemos nada a ninguén como para quedar caladas.

Diferentes mulleres a título individual, de todas as xeracións, con diversos oficios, diversas procedencias, militantes activas en organizacións históricas, ou noutras construídas recentemente por mor desta desfeita, xuntámonos para coller o temón dun barco a deriva no que estamos a piques de afogar. Coa nosa unión faremos tremer os cimentos da sociedade que nos mantén no rol perpetuo de coidadoras de todo e de todos menos de nós mesmas. As mulleres feministas temos un movemento social duns 300 anos e non o imos vender no “todo a cen”, nin o imos a agasallar ao inimigo.

Convidámosvos a enfrontar as novas e vellas ameazas patriarcais neste ataque, nesta mofa constante, nesta historia de usurpación.

Esta é unha mensaxe para todas aquelas mulleres que permanecen impertérritas ante tal deriva. Sumádevos a nosa iniciativa, aglutinádevos connosco, participade con nós do feminismo e deixade atrás ideoloxías e prácticas que danan as mulleres: Somos máis do 51% da poboación mundial e so xuntas poderemos acadar os nosos fins.

QUE VIVA O FEMINISMO RADICAL!