| 21 de febreiro de 2021

Imaxe: elcorreo.com

Día Internacional da Muller Traballadora, 8M: orixe e deriva

8 de marzo, Dia Internacional da Muller Traballadora. Un día importante para as mulleres a nivel internacional. O día no que se materializa ó movemento feminista. A historia que emana desta conmemoración é complexa e acolle moitos acontecementos clave do feminismo. O conto comeza a principios do século pasado, a ambos lados do Atlántico, durante o último terzo da segunda onda do feminismo (mediados s. XIX ata o final da 2ª GM). As mulleres reivindican os seus dereitos laborais, civís e académicos, así como os sindicais e políticos, o dereito ao voto e á administración dos seus propios bens; maniféstanse, convócanse en folga e reúnense en conferencias nacionais e internacionais; loitan de forma conxunta dende diferentes ámbitos e prácticas.

Varias datas son destacables destas primeiras décadas do s. XX. Entre elas está o 8 de marzo de 1908 cando miles de traballadoras téxtiles saíron ás rúas de NY baixo o lema “pan e rosas” (rememorando as proclamas de 1857, que foron recuperadas tamén durante a Revolución Rusa de 1917), para reclamar tanto a seguridade laboral e sindical como a calidade de vida. Dous anos máis tarde ten lugar a II Conferencia Internacional das Mulleres Socialistas en Copenhague (26 e 27 de agosto de 1910); nesta proclámase, a proposta de Clara Eissner Zetkin, por unanimidade o Dia Internacional da Muller Traballadora, para reivindicar a loita polos dereitos das mulleres. O 25 de marzo de 1911, poucos días despois do DIMT celebrado ese ano o 19 de marzo, ten lugar un dos acontecementos máis sinalados do século. Incéndiase en NY unha fábrica de nome Triangle Shirtwaist, na que morren máis de 140 mulleres, moitas delas inmigrantes, de entre 14 e 40 anos. Varias cousas despréndense deste suceso, por unha beira a creación do International Ladies Garment Workers Union, sindicato que loitaría por mellorar as paupérrimas condicións laborais e sociais deses tempos; e por outra beira a cor morada como símbolo feminista. Contan algunhas voces que as telas que esas mulleres cosían eran desa cor, que se tomou para representar ao movemento, e por tanto, tamén ao DIMT. Xa que, ademais, tamén a compartían as compañeiras do sufraxismo inglés e posteriormente as mulleres socialistas de finais de século; tamén actualmente relacionamos a loita feminista á cor morada, e ao 8M.

A ONU declarou décadas despois, en 1975, o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. Dous anos despois, durante a súa trixésima segunda sesión, cambiouse a nomenclatura a Día Internacional da Muller traballadora e a Paz Internacional.

Podemos dicir que, o 8 de marzo, é un día para conmemorar o movemento feminista e os logros das mulleres de maneira colectiva, pero tamén para recordar a situación de opresión que vivimos, así como as derivadas discriminacións e desigualdades as que estamos intrinsecamente ligadas as mulleres polo feito de nacer como tal, polo noso sexo.

Como podemos ver, as raíces colectivas do DIMT distan moito da realidade que hoxe en día vivimos. O feminismo é moito máis que o 8M. Que ese sexa o día elixido para conmemorar as súas reivindicacións non significa que ir á manifestación de devandito día convértache por encantamento en feminista. De uns anos para aquí o feminismo, como movemento social e político con máis de 300 anos de historia, con unha teoría de referencia, un suxeito político e unha axenda, estase desdotando de significado. E iso estase a plasmar tamén neste día conmemorativo.

Se calquera dos eixes que sustentan o feminismo, mencionados nas liñas anteriores, deixan de selo (por exemplo, se o seu suxeito político non son as mulleres, se non se atende ás teóricas feministas, ou si a axenda deste non versa sobre a consecución de dereitos para as mencionadas), o resultado de dito cambio sería moitas cousas, mais nunca podería ser feminista. Tomando a famosa frase de que o que non se nomea non existe, podemos ver como as mulleres, como suxeito presente, perderon progresivamente espazo dentro do propio día que se lles adica. De Día Internacional da Muller Traballadora, pasamos a Día Internacional da Muller, despois a 8 de marzo e por último a 8M, onde están aí as mulleres?

A opinión pública tivo un papel esencial durante a última metade do século XX e todo o XXI; os medios de comunicación e as novas tecnoloxías permitiron convocar a cantidades inxentes de persoas en escasos días, así como xerar muros e espazos de información e debate. Isto posibilita unha maior influencia da opinión pública por parte dos medios de comunicación de masas, que son quen de mobilizar centos de milleiros de persoas por todo o mundo e condicionar as súas opinións e actitudes. Estes dependen de factores externos tales como a ideoloxía ou intereses comerciais variados, que distorsionan as reivindicacións políticas e aprópianse culturalmente dos movementos sociais en pro de beneficios económicos. Podemos ver neste estudio1 sobre dous periódicos de tirada nacional, representantes de diferentes ideoloxías, o número de veces que se menciona a palabra muller (ou algo que faga referencia unicamente as súas realidades) nos titulares do Día Internacional da Muller Traballadora (entre 2001 e 2010).

Seis termos máis frecuentes nos titulares do DIMT (2001-2010) abc.es

Fonte: Ballero I., D. e Oller A., M. (2012)

Seis termos máis frecuentes nos titulares do DIMT (2001-2010) elpais.com

Fonte: Barredo I., D. e Oller A., M. (2012)

Como podemos ver fan alusión a causas diversas, pero lonxe das posturas da axenda feminista; ningunha nos menciona directamente, debemos aferrarnos a igualdade, e como moito a aborto; polo demais non nos vexo visibilizadas por ningures. Aínda que agora con iso de que “hai homes que tamén abortan”, quen sabe, igual non é cousa só de mulleres, non si? E mesmo, que igualdade queremos se “a violencia non ten xénero” e ademais somos unhas “privilexiadas”?

A loita feminista non está fragmentada, pero a opinión pública sobre esta é unha realidade que non podemos obviar. Precisamente é as portas deste 8 de marzo cando está a piques de saír unha nova lexislación que relega a causa da nosa opresión, o noso sexo, “á autopercepción do corpo” ou “a libre autodeterminación dunha identidade de xénero sentida”. O borrado das mulleres e a eliminación ou estigmatización dos nosos corpos é unha realidade coñecida polas feministas radicais. Ningunha feminista pode comprender como o día das mulleres, o Día Internacional da Muller Traballadora non se pode facer o simbólico triángulo cas mans porque é excluínte, ou non pode haber grupos non mixtos, onde non se pode falar de embarazo, lactancia, menstruación, dos nosos corpos…; un espazo no que non podemos pedir a abolición da prostitución, da explotación reprodutiva, da pornografía, do xénero. Onde queda, entón, o feminismo? Onde quedan as orixes do 8 de marzo? Onde quedan as vindicacións das nosas referentas? Quedaron esquecidas entre frases pegadizas, pancartas con purpurina, publicacións en redes sociais, batucadas, discursos baleiros de axendas propias, de movementos de novo cuño, insultos, TERF, agresións, invisibilización… A pouca transcendencia que as mulleres conquistamos escápasenos baixo as falsas promesas da esquerda posmoderna. Mais aquí estamos, e non temos pensado marchar.

Ante esta situación o feminismo radical lembra o pasado e desvincúlase de movementos ou teorías que neguen ás mulleres e que pretendan silenciar o discurso feminista a través da apropiación do noso movemento.

Á vista de tal panorama, realizouse unha enquisa para poder ter unha idea sobre a posición do radfem de cara a asistencia ó DIMT, e as razóns que empuxan a estas mulleres a tomar devandita decisión. A mostra conta con 62 mulleres, e foi recollida entre os colectivos asociados a PFRG, todos eles afíns ao feminismo radical dentro do territorio galego. Realizouse a través da plataforma de Google Forms.

Os resultados máis destacables son os referentes a incidencia sobre a asistencia á manifestación do DIMT. Esta, en anos pasados, foi moito máis secundada polas feministas radicais, tal e como podemos ver nos seguintes gráficos. Anos atrás case a totalidade das mulleres (95,2%) asistiron este día á marcha feminista, mentres que actualmente (no pasado recente e no futuro próximo) a cifra descende ata un 22,6%.

Asistiches previamente a manifestacións e actos relacionados co DIMT?


Decidiches non asistir ao DIMT no pasado recente ou no futuro próximo?


Cabe ter en conta tamén a desigual ocupación do noso tempo en tarefas de coidado, así como as nosas realidades laborais, as cales tamén inflúen á hora de poder asistir, ou non, á folga o día 8 de marzo (DIMT). Para ver o efecto destas circunstancias podemos observar o gráfico que aparece a continuación. Neste podemos ver como un 77.4% das mulleres non se viron condicionadas nin por tarefas de coidado nin pola súa situación laboral, fronte a un 22,6% que si.

A decisión de asistir víuse mediada por unha situación laboral ou de coidados?


As razóns que empurraron ás devanditas mulleres a tomar esa decisión son variadas, tanto para asistir como para non facelo. Tal e como vemos no gráfico seguinte, as que se manteñen, e deciden asistir a manifestación, fano por cinco razóns principais (por orden de preferencia): “visibilizar ó movemento feminista”, “mostrar a unidade do feminismo non cedendo os seus espazos” (igualadas en porcentaxe), “vindicar as accións colectivas como irrenunciables” e por último “manter a presencia do feminismo dentro dos medios de comunicación”.

Por que decidiches ir?


Para rematar, falar sobre as razóns que levaron a estas mulleres a non acudir á manifestación. Estas divídense en seis grandes bloques. Con maior porcentaxe (66,7%) destacan os que se refiren a “non asistín porque sinto que se perdeu o foco (inseguridade sobre que reivindico: feminismo como paraugas para outras problemáticas sociais)” e “rexeito o ambiente festivo, publicitario e a mercantilización das accións”. A continuación, atopámonos con un 64,4% de mulleres (case igualado aos valores anteriores) que non asistirían “pola presenza de colectivos non abolicionistas, os cales entorpecen as nosas reivindicacións”. Ao redor do 50% podemos ver as tres opcións restantes (en orde decrecente): “non me sinto representada”, “pola presenza formal de colectivos non feministas (partidos políticos, outras asociacións/institucións)” e “por mor da pandemia por COVID-19”.

Por que decidiches non ir?


Por último destacar as demais razóns que, con menor porcentaxe, fixeron ás feministas radicais decidirse por non asistir á manifestación do Día Internacional da Muller Traballadora. É de destacar que o 31,1% das mulleres manifestan o medo a ataques de colectivos antifeministas, mentres que ningunha manifestou medo a represión por outros axentes. Este bloqueo das ideas feministas foi motivo de expulsión de agrupacións dunha das participantes: “botáronme en 2019 do grupo no que participaba por compartir no grupo de Whatsapp un artigo dunha feminista radical coñecida”. Esta realidade viuse, tristemente, nas reivindicacións pasadas, nas que mulleres abolicionistas sufriron violencia física e verbal por parte de grupos antifeministas e seguidores da teoría queer. Isto pode ter influencia en que o principal medo das manifestantes sexan os ataques dende dentro, e non á represión por parte das forzas do estado, ou de colectivos tradicionalmente antifeministas que non se atopan nas mesmas manifestacións e accións. Algunhas participantes poñen o foco na necesidade de enfrentarse a estes movementos: “boto moito en falta que organicemos accións que molesten contra a chamada lei trans, aínda que non poidamos manifestarnos”, “hai un protagonismo absoluto de transexuais e transxénero”.

Esta enquisa tiña como finalidade a elaboración de documentación para a Plataforma do Femnismo Radical Galego. A percepción dende o feminismo da actualidade do DIMT é interna e non responde a obxectivos xerais. O seu valor é só informativo. O confrontamento colectivo necesario para algunhas compañeiras, ten relación coa falta de asociacionismo (4,4%), a insuficiencia do bloque non mixto (20%) e o desencanto co movemento (26,7%), cuestión relacionada coa deriva á que foron moitos dos colectivos e agrupacións nos últimos anos, mal chamados “feministas” e “feminismos”.