| 6 de marzo de 2021

Manifesto da PFRG no Día Internacional da Muller Traballadora

A Plataforma do Feminismo Radical de Galicia quere facer público o seu desligamento das Plataformas 8M estatais e, nomeadamente, de Galegas 8M. Polo tanto, non apoiamos nin as súas convocatorias, nin os seus posibles manifestos.

En pasados anos moitas de nós apoiamos e, incluso colaboramos, coa devandita plataforma na organización das reivindicacións do 8 de marzo; mais perante a deriva “queer neoliberal” e carnavalesca das actuacións de tal día non podemos, en honestidade, cós nosos valores feministas seguir a colaborar e ser parte dun espazo que xa non nos representa.

Galegas 8M tanto en anuncios, cartelaría como en manifestos fan mención ás “axendas”, mais con todo non ser representativas da axenda feminista senón totalmente antagónicas coa mesma. As reivindicación máis básicas do feminismo, como a abolición da prostitución, a abolición de xénero, a prohibición dos denominados “ventres de alugueiro” (que agocha a realidade da explotación reprodutiva e venta de bebés) o aborto libre, ou unha investigación médica que teña en conta a fisioloxía feminina, tal como acontece cas demandas das mulleres con endometriose... aspiracións feministas que son constantemente silenciadas por estas plataformas —disque feministas— máis preocupadas por non molestar ao neoliberalismo queer que polos dereitos das mulleres e as crianzas.

As compañeiras feministas radicais reciben por parte destas asembleas pretendidamente dialogantes pero que esgrimen, cun suposto “consenso” convites non exentos de violencia verbal, a abandonar tales lugares que son espazos que construímos nós mesmas. E, polo que puidemos ver e lamentar o ano pasado nalgúns lugares do estado, este convite violento non foi tan verbal, senón físico. Polo tanto, as asembleas 8M xa non son espazos seguros para mulleres, a violencia machista, moi disfrazada pero machista, fixo entrada nas nosas manifestacións, ata o punto de non podermos garantir a seguridade de mulleres e crianzas.

Por outra banda, como feministas de esquerda, criadas na loita obreira, mais tamén como parte da metade de poboación que continúa a ser oprimida e tendo que berrar cada ano polos miles de asasinatos de irmás, de violacións, ou as máis de 167.000 denuncias anuais de maltrato... Por isto, por respecto as vítimas, por respecto a nós mesmas e as familias das que xa non están, tampouco podemos formar parte dun espectáculo festivo máis próximo ao entroido que a unha reivindicación xusta e política.

Isto non é unha rendición. Recuperaremos o 8 de marzo como o que nunca debeu deixar de ser, o Día Internacional da Muller Traballadora. Loitaremos os 365 días do ano para que as nosas mans poidan formar outra vez o símbolo mundial da vulva e as nosas voces poidan berrar pola liberdade da MULLER.

Somos MULLERES, somos forza e somos “fartura de loita”