| 15 de marzo de 2021

Medicalización en menores: detractores e censura mediática

Á luz da nova etapa lexislativa que parte do Ministerio de Igualdade vense necesarias unha serie de reflexións que é imprescindible non deixar esquecidas debaixo da alfombra. Que efectos pode ter a medicalización temperá en menores de idade? Que ten que ver a ideoloxía transxénero? Que pasa coas persoas que se arrepinten de tomar certas decisións irreversibles? E cas que deciden falar sobre isto?

Xa dende fai décadas viñeron a suplantarse os estudos feministas polos estudos de xénero, que baixo un benévolo disfrace se foron solidificando (Valcárcel, 2020). Foi nesta transición que se xerou toda a armazón que sustenta á teoría queer.

O conxunto normativo que establece en que consiste ser home ou muller é o que chamamos xénero e tamén sabemos que cursa cos seus propios trebellos e tecnoloxías. Do mesmo xeito sabemos que é exitoso sempre nun grao, pero case nunca completamente. Pois o gran descubrimento é que… non só o xénero se constrúe, senón que tamén o sexo se constrúe. (Valcárcel, 2020: 252)

Diso imos falar nesta redacción, da construción do sexo. Nos cambios físicos inducidos que atravesan aquelas persoas que queren transicionar no seu sexo. A transexualidade inclúese no “Manual de Diagnóstico Clínico dos Trastornos Mentales” (DSM) na terceira edición de 1980.

Nos adolescentes e nos adultos a alteración maniféstase por síntomas como preocupación por eliminar as características sexuais primarias e secundarias (p. ex., pedir tratamento hormonal, cirúrxico ou outros procedementos para modificar fisicamente os trazos sexuais e desta maneira parecerse ao outro sexo) ou crer que se naceu co sexo equivocado. (APA, 2002: 246)

Na versión 5 do “Manual de Diagnóstico Clínico dos Trastornos Mentales” (DSM 5) da Asociación Americana de Psiquiatría (APA) o termo utilizado é “disforia de xénero” (en nenos [302.6–F64.2] e en adolescentes e adultos [302.85-F84.1]), coñecido popularmente como transexualidade. A organización Mundial da Saúde (OMS) na súa undécima edición da Clasificación Estatística Internacional de Enfermidades e Problemas Relacionados coa Saúde (CIE-11) clasifícaa dentro do apartado “condicións relacionadas coa saúde sexual”. Paradoxalmente, inclúe tamén a “incongruencia de xénero”, que define como:

Unha marcada e persistente incongruencia entre o xénero experimentado por un individuo e o sexo asignado. O comportamento e as preferencias nas variantes de xénero por si sos non son unha base para asignar os diagnósticos neste grupo. (CIE-11 a setembro de 2020)

A transexualidade, en orixe, tipifícase como trastorno da saúde para que os custes derivados da terapia de modificación corporal (atención psicolóxica, tratamento hormonal, cirurxías de reasignación de sexo, etc) sexan asumidos, ben parcial ou totalmente, tanto por sistemas sanitarios públicos como por aseguradoras privadas (Mas, 2017). Na Sanidade Pública non pode haber tratamentos para “non enfermidades” ou “non trastornos”. O aumento, nos últimos anos, das persoas que deciden someterse a este tipo de cambios pode vir explicado por varias razóns nas que non entraremos agora, pero que poñen de manifesto a necesidade se crear un debate aberto sobre esta realidade na que non só poidan falar os pertencentes a colectivos transactivistas senón tamén profesionais da medicina e da psicoloxía, así como outros axentes sociais e políticos.

Calquera sociedade que especializa os seus tipos de personalidade segundo o sexo, que insiste en que calquera trazo −amor aos nenos, interese na arte, valor fronte ao perigo, locuacidade, falta de interese nas relacións persoais, pasividade nas relacións sexuais; hai centos de trazos que foron especializados así− está inalienablemente unido ao sexo, prepara o camiño que conduce a inadecuacións da peor orde. (Mead, 2006: 271)

Isto que expón Mead non son máis que as imposicións sexistas do xénero, que coma o sexo son dicotómicas. Ca intrusión da teoría queer, calquera disidencia con respecto ao que se nos ven imposto polo noso sexo (o xénero) significa que es trans, é dicir, que a túa “identidade de xénero” non se corresponde co sexo “asignado ao nacer”, tal e como se pode apreciar no borrador da “Lei trans”. Isto non é mais que un disparate, pois resulta entón que todo o que non acepte a feminidade nin a masculinidade como eixes reitores da construción da súa personalidade, serán irremediablemente vítimas de estar nun corpo equivocado. Non é que estean mal os roles aos que debes acollerte, polo que hai que abolilos; senón que o teu corpo non se adapta, ou non acredita, ás imposicións de dito “constructo” social, polo que tes que cambialo.

A transición médica conta con catro períodos diferenciados. O primeiro deles é prepuberal (atención psicolóxica), seguindo co inicio puberal (bloqueo puberal e primeira fase do tratamento), tras este o/a adolescente en maioría de idade sanitaria –maior de 16 anos– e finalmente adulto/a (os dous últimos con terapia hormonal cruzada con bloqueo de segunda fase, sendo os que máis controversia crearon entre os profesionais da saúde) (Guerrero, Barreda y González, 2015). A continuación, na seguinte imaxe, podemos ver os efectos adversos e os riscos aos que se expoñen as persoas que toman o devandito tratamento. Tendo en conta tamén que moitos deles son irreversibles e moitos outros descoñecidos, ademais de xerar unha cantidade nada desprezable de casos de infertilidade.

Fonte: Guerrero, Barreda y González, 2017, p. 49.

Sinalar, por outra banda, a porcentaxe de persoas que superan a disforia de xénero unha vez pasada a etapa da adolescencia: entre o 75% e o 95% segundo a doutora Michelle Cretella; entre o 50% e o 98% segundo o DSM-5; e entre o 60% e o 90% segundo a doutora Debra Soh (Contreras, 7 de febreiro de 2021, par. 11). Estas cifras son esclarecedoras ao verse acompañadas co incremento de nenas que foron atendidas na clínica Tavistock, en Reino Unido, onde incrementou o número de nenas atendidas en máis dun 4000% en menos de dez anos. Segundo a American Society of Plastic Surgeons o número de persoas transmasculinas aumentou un 289%, mentres que a das persoas transfemeninas só nun 41%.

Incluíndo secuelas psicolóxicas e esterilizantes, os bloqueadores hormonais están expoñendo a nenos e nenas, sen posibilidade de consentimento ou conciencia, a danos de por vida. Vulnerando así o benestar superior dos e das menores e sacando á superficie unha neglixencia do propio sistema, así coma un abandono por parte das institucións. Facendo alusión ao artigo 27.2 do borrador da “Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans”:

O tratamento hormonal no caso das persoas menores de idade comprenderá o tratamento para o bloqueo hormonal ao comezo da puberdade, para evitar o desenvolvemento de caracteres sexuais secundarios non desexados; e o tratamento hormonal cruzado (...) Informarase á persoa menor e aos seus representantes legais sobre a posibilidade de pospor ou reducir a medicación, respectando en todo caso a decisión da persoa interesada.

Falaremos, a continuación, sobre varias persoas que tomaron posición sobre este tema. Contaremos as experiencias daqueles e daquelas que se arrepentiron de facer a transición, ou do xeito na que a fixeron; ademais das problemáticas que acompañan a este tipo de procesos. Destacaremos libros que foron obxecto de críticas e de censura, tanto por parte dos colectivos transactivistas como por parte de plataformas como Amazon. Os e as autores/as foron postos no centro da diana por sacar a debate un tema controvertido como son os efectos derivados dos tratamentos hormonais en menores “transxénero”.

A primeira da que falaremos é Abigail Sherier, unha periodista estadounidense que publicou en 2020 a controvertida obra “Dano Irreversible: a tolemia transxénero que seduce ás nosas fillas”. Nela fala sobre o significativo aumento da transexualidade en mulleres adolescentes e a influencia dos medios de comunicación e as RRSS na toma de esta decisión (así como o grupo de iguais, familiares, os centros educativos, activistas, institucións varias) ademais dos profesionais médicos, e especialistas pediátricos que lles achanzan o camiño para conseguir acceso a hormonas e cirurxías. A escritora subiu un fío a Twitter onde contaba a súa experiencia co xigante Amazon, que rexeitou os anuncios publicitarios do seu libro cambiándoos por outros que “celebran a transición de xénero en adolescentes”. A editorial de Sherier falou sobre a cancelación de todo aquel con opinión disidente nestes termos e da pouca tolerancia científica e narrativa. Non bastante con iso, Target anunciou que deixaría de vender “Dano Irreversible” por difundir ideas, que son segundo a empresa, tránsfobas. Resulta sorprendente este cualificativo tendo en conta que a autora tivo decenas de encontros con persoas a favor da ideoloxía transxénero para poder entender os motivos que os movían, podendo construír así unha armazón sólida sobre a que sustentar a súa obra.

Outro dos autores que foi obxecto de acoso foi Ryan T, Anderson, pola súa obra “Cando Harry se converte en Sally: respondendo ao movemento transxénero”. Nela trata as experiencias daquelas persoas que tentaron a transición cambiando os seus corpos, pero que non se atoparon mellor; de adultos que transicionaron cando eran nenos pero que se arrepentiron de someterse a tratamentos tan drásticos. Anderson expón que a terapia máis beneficiosa é a que se centra en axudar ás persoas a aceptarse, unha comprensión vital para evitar que os nenos e as nenas se vexan influenciados por terceiros para facer cambios irreversibles. “Cando Harry se converte en Sally” entrou na lista dos máis vendidos de Amazon, ofrecendo un "enfoque equilibrado da política pública sobre a identidade de xénero, e unha avaliación sobria dos custos humanos de equivocarse na natureza humana" (Flood, 23 de febrero de 2021, par. 3). Se buscamos na páxina da devandita empresa non atoparemos o libro de Anderson, senón que, pola contra, veremos outras obras con visións completamente opostas, como por exemplo “Deixa que Harry se converta en Sally: Respondendo ao movemento anti-transxénero”. Como podemos ver, grandes plataformas coma Amazon situáronse de forma reiterada da beira da censura, tendo unha liña editorial ben reducida onde os libros que non coinciden co que se espera por parte do comerciante son directamente retirados ou acompañados de obras opostas, tentando que os visitantes acaben comprando unha visión completamente diferente da que buscaban nunha primeira pescuda.

Pódese falar tamén sobre o caso de James Caspian. Axudou a centos de persoas a facer os seus tránsitos durante máis dunha década, e formou parte de varias asociacións de apoio e axuda. Máis dunha publicación ou iniciativa de James, foi rexeitada por non “gustar” ou “convir” ao organismo receptor de dita información. Non tardou en darse conta de que se supoñía que non debía falar sobre iso, e finalmente, foi bloqueado pola Bath Spa University por ser politicamente incorrecto.

Moitas autoras e autores falan sobre este tema nun debate que pretenden abrir a toda a poboación. Recóllense diferentes testemuñas (pais, nais, académicos/as, profesionais da saúde, activistas, transexuais, voces do colectivo LGB, e mozas detransicionadoras) preocupadas pola actual tendencia á transición médica de nenos/as e adolescentes. “Nado no teu propio corpo”, un libro editado por Heather Brunskell-Evans e Michele Moore e publicado por Cambridge Scholars; “Borrado Feminino: o que hai que saber sobre a guerra das políticas de xénero contra as mulleres, o sexo feminino e os dereitos humanos” de Ruth Barrett; “O xénero doe: unha análise feminista das políticas da transexualidade” baixo a autoría de Sheila Jeffreys… O obxecto deste escrito é poñer sobre a mesa un debate aberto sobre a transexualidade en menores, pois ao utilizar o termo de nenos/as transxénero estamos desprotexendo á infancia e resgardando a propia ideoloxía (Davies-Arai, 2018). Todas aquelas persoas que se opoñen á teoría queer e ás correntes transactivistas máis reaccionarias son silenciadas polas críticas e a “cultura da cancelación” en medios, rrss, editoriais, institucións, plataformas comerciais. O movemento feminista négase a claudicar ante esta barbarie e esfórzanse para poder manter un debate profundo e significativo sobre as crecentes correntes que negan os dereitos das mulleres e da infancia. Varias son as preguntas que veñen á nosa cabeza en canto a este tema tan controvertido… E os posibles factores psicolóxicos inconscientes que subxacen á disforia de xénero, cales son? Moitas somos conscientes de que facer esta pregunta fainos vulnerables ás acusacións de transfobia, pero… non é acaso importante considerar alternativas ao tratamento hormonal e a cirurxía para sempre, e mais si se trata de nenos e nenas? Por que estigmatizar culturalmente as enfermidades mentais, en troques de encararse a elas? Esa estigmatización xorde, probablemente, dun medo moi arraigado á nosa propia tolemia (Withers, 2018).

Como podemos ver, as voces disidentes son acaladas hasta puntos insospeitados. Moitas das obras que se opoñen á censura están escritas en lingua inglesa, o que xera a barreira do idioma e fai necesario recuperalas e darlle un pouco de luz (como podemos ver tódalas obras anteriores foron traducidas ao galego a partir dos títulos orixinais), podendo ver así con claridade a realidade que subxace nestes termos. Que non os coñezamos non quere dicir que non existan, aí están e son un exemplo de como a liberdade de expresión e o debate aberto son imprescindibles en temas desta índole, baixo o atronador silencio (cando non apoio e comuñón) das institucións e das políticas públicas, dos medios de comunicación, e redes sociais, de colectivos LGTB e do sistema de saúde.

A desinformación é a base fundacional da ausencia da capacidade crítica; se non hai lugar nin sequera a debate como imos apoiar un cambio lexislativo do cal descoñecemos os efectos, ou... si os coñecemos?

BIBLIOGRAFÍA

  • Asociación Americana de Psiquiatría [APA]. (2002). DSM-IV-TR. Breviario. Barcelona: Masson.
  • Contreras, F., J. (7 de febreiro de 2021). Confusión transgénero y abuso de menores. Libertad Digital. Recuperado de: https://www.libertaddigital.com/cultura/2021-02-07/francisco-jose-contreras-confusion-transgenero-y-abuso-de-menores-6706112/
  • Davies-Arai, S. (2018). The Transgender Experiment on Children. En Brunskell- Evans, H. and Michele M., Transgender Children and Young People: Born in Your Own Body, GB: Cambridge Scholars Publishing.
  • Estatística Internacional de Enfermidades e Problemas Relacionados coa Saúde (CIE-11) (setembro de 2020). Recuperado de: https://icd.who.int/browse11/l-m/en#/http%3a%2f%2fid.who.int%2ficd%2fentity%2f411470068
  • Flood, B. (23 de febreiro de 2021). Amazon accused of ‘absurd and unacceptable’ censorship after book questioning transgender movement vanishes. Fox News. Recuperado de: https://www.foxnews.com/media/amazon-harry-became-sally
  • Guerrero, F., J., Barreda, B., A. y González, C., I. (2015). Pros y contras de los tratamientos hormonales desde el punto de vista de la endocrinología pediátrica. Rev Esp Endocrinol Pediatr, 6(2), 45-51.
  • Mas, G., J. (2017). Del transexualismo a la disforia de género en el DSM. Cambios terminológicos, misma esencia patologizante. Revista Internacional de Sociología, 75(2), 1-12. doi: http://dx.doi.org/10.3989/ris.2017.75.2.15.63
  • Mead, M. (2006). Sexo y temperamento en tres sociedades primitivas. Barcelona: Paidós Surcos.
  • Shrier, A. (2020). Irreversible Damage: The Transgender Craze Seducing Our Daughters. EEUU: Regnery Publishing.
  • Shrier, A. [AbigailShrier] (14 de julio de 2020). Now, Amazon has sold the TITLE of my book as a keyword for ads of other books ones celebrating gender transition for teens. So even if you enter the whole TITLE into @amazon, Amazon will try to get you to read something else [Tuit]. Recuperado de: https://twitter.com/AbigailShrier/status/1282854531575853057?s=20
  • Valcárcel, A. (2020). Ahora, feminismo. Cuestiones candentes y frentes abiertos. Feminismos (6ª Ed.). España: Cátedra.
  • Withers, R. (2018). The view from the consulting room. En Brunskell- Evans, H. and Michele M., Transgender Children and Young People: Born in Your Own Body, GB: Cambridge Scholars Publishing.