| 27 de marzo de 2021

Cando son os pais os que abren as xanelas

Hai uns anos, cando os heroes dos cómics saltaron á pantalla a través de grandes superproducións, empezaron a darse casos de nenos que, convencidos de que os seus desexos de voar e levantar autobuses cunha man estaban ao seu alcance, tentaron alzar voo dende xanelas e azoteas, nalgúns casos cun final terrible.

O único xeito de evitar que os nenos se autolesionen é educalos no coñecemento da realidade material dos seus corpos e capacidades e que aprendan a aprecialos. Se queremos aos nosos fillos non podemos facerlles crer que poden voar ou que son invulnerables, porque entón estaremos facendo que a súa felicidade dependa de algo que xamais obterán e os expoñeremos ás lesiones que eles mesmos poderán inflinxir sobre os seus corpos.

Hai uns días alguén publicaba nas rrss o enorme orgullo e satisfacción, con esas verbas, dunha nai ante «a menopausa do seu fillo de 15 anos». Cando o lin quedei estupefacta.

Que pode ter pasado nos últimos anos para que tantos pais amorosos celebren a automutilación dos seus fillos adolescentes como un grande acontecemento de liberación? Que lles fai pensar que os enormes problemas de saúde que supón unha menopausa tan precoz é o mellor que poderían desexarlles? Acaso lles explicaron que non poden voar, como tampouco poden cambiar de sexo, porque iso é fisicamente imposible? Que pasará cando dentro duns anos unha altísima porcentaxe deses nenos que saltaron pola xanela farmacolóxica das hormonas e histerectomías se atopen con corpos danados que non lles representan nin satisfán?

A resposta está na «ventana de Overton», ou como unha idea inasumible e condenable socialmente pode chegar a converterse nun dereito obxecto da máxima protección, seguindo unha secuencia coidadosamente programada.

Precisamente onte lía un artigo asinado por Hoenir Sarthou no que analizaba o fenómeno do altruísta empeño de grandes fortunas xurdidas da especulación, por promover causas que «casualmente» están sendo obxecto dunha enorme empatía social, inédita ata ese momento. Esa empatía, cando non visceral paixón, normalmente está asociada a unha medida estratexia de comunicación, creando de feito necesidades, agravios e realidades descoñecidas ata entón. Unha desas novas realidades que gozan do favor altruísta de grandes inversores é a da autoidenficación, o dereito a ser aquilo que fisicamente non podo ser, pero fármacos e cirurxía mediante, podo parecer (con máis o menos éxito); a convicción de que os desexos son dereitos cando o capital o atopa oportuno.

Pero, cal é o interese deses ricos benefactores por colaborar en tan desinteresada causa?

Pois, nun recente artigo da xornalista Elena Armesto dábasenos unha pista ao respecto: «A industria da identidade de xénero pasou de valer 8.000 millóns de euros anuais a máis de 3 billóns (con «b») en só 5 anos».

Un podería agardar que ante evidencias tan de moledoras, todos os demócratas que ata onte clamaban que se pode nacer en corpos equivocados e que opinar o contrario é transfobia, estarán facendo acto de contrición e recoñecendo publicamente que foron obxecto dunha manipulación de consecuencias terribles, pero iso non vai pasar.

Entre outras cousas, non vai pasar porque aqueles que alcanzaron certo prestixio social, intelectual ou político como grandes defensores dos dereitos e liberdades, non poden cuestionar un recén nacido dereito básico ata que a opinión pública teña cambiado de parecer e este deixe de ser considerado como tal, porque facelo podería condenalos ao ostracismo social ou político e dende as atalaias morais, as vistas son inmellorables.

Que pasará cando estes agora menores crezan e se vexan como experimentos fallidos? Cando deixen de tomar o veleno que fai de dique para a súa verdadeira natureza e esta se mesture con aquela creada nun laboratorio? Cando ansíen por riba de calquera outra cousa recuperar esa normalidade que na adolescencia parece a peor das sentencias?

Imaxino que os altruístas mecenas xa terán prevista esa nova necesidade, dado que o volume de rapaces, e sobre todo rapazas, que se están lanzando por esa xanela é descomunal. Imaxino que xa estarán traballando na nova estratexia de comunicación, pola que se esixa o novo dereito á normalidade, por suposto da man da farmacoloxía e a cirurxía, porque os dereitos son unha cousa moi seria, e non podemos deixar que os nosos mozos se suiciden pola nosa falta de comprensión.