| 4 de abril de 2021

Mamá, cóntame un conto!

Chega a hora de durmir e, como cada noite, a miña filla pídeme que lle conte un conto. Quizás podería contarlle algún dos que formaron parte da miña infancia: “Branca Neves e os sete ananos”, “Cincenta”, “A Bela Durminte”, “A Sirenita”, “A Bela e a Besta”,... Espera un momento..., por que todas son princesas?, é que a xente que non posúe sangue azul non poden sucederlle cousas extraordinarias? Un pouco clasista, non si?

Branca Neves, ou como perpetuar o estereotipo da coidadora. Ide tranquilos os sete á mina que aquí me quedo eu facendo, eu soa, todas as tarefas do fogar.

Cincenta: pásome toda a noite a bailar contigo e logo non te lembras da miña cara? En serio? Un baile no que, por riba, acudín como gando a unha feira para que ti escollas esposa.

A Bela Durminte: unha fada malvada bótache un meigallo, pínchaste o dedo co fuso dunha roca -porque todo o mundo sabe que ningunha muller de ben pode resistirse a coser- e te sumes nun sono profundo do que só espertarás por un “bico de amor verdadeiro”, ou como quedarse en coma e que un completo descoñecido veña a abusar de ti. A importancia do consentimento para cando?

A Sirenita, unha princesa que, unha vez máis, namórase perdidamente dun humano e renuncia a súa voz a cambio dunhas pernas. Para que ía querer falar si é fermosa?

A Bela e a Besta, ou como ser secuestrada por un tío moi peludo e malhumorado que te trata fatal e permanecer ó seu lado esperando que cambie.

Pensando neles detidamente, caio na conta de que a maioría ten dúas características comúns: desenvólvense nun mundo de fantasía e as personaxes femininas son figuras pasivas e secundarias, mulleres submisas, compracentes, frívolas e que compiten entre elas dunha forma que fai quedar a “Forocoches” como unha panda de irmanciñas da caridade. Case todos teñen un gran compoñente machista nas súas historias; os personaxes masculinos proxectan roles que son imposibles: homes fermosos, valentes e fortes que, superando todos os obstáculos, alcanzan o trunfo, namentres que elas esperan a ser rescatadas.

Queda claro, pois, que estes contos infantís establecen roles asignados dependendo do sexo, algo que nenas e nenos poden tomar como referente a imitar e que dificultarán que se poidan proxectar en outros modelos diferentes.

Se as mulleres non temos exemplos de mulleres valentes, protagonistas e independentes, dificilmente poderemos aprender que tamén podemos ser así. Da mesma forma que os homes, senón teñen referentes coidadores, sensibles e colaboradores, en lugar de competidores. E o mesmo pasará cos homes, se só teñen como referente modelos masculinos competidores, en lugar de referentes coidadores, sensibles e colaboradores.

Nós medramos con estes estereotipos sen sabelo, pero agora que temos á nosa disposición tantas ferramentas e posibilidades, erradicar estes conceptos arcaicos da vida das nosas fillas e fillos é das mellores cousas que podemos ensinarlles. Para elo, por sorte, hoxe en día contamos con literatura infantil que amplía e equilibra o imaxinario obviando os nefastos roles de xénero que tanto dano fan.

Aí van algunhas suxestións:


1. Concepción

“Abride escolas e se cerrarán cárceres” Concepción Arenal.

Miranda nos descobre a vida de Concepción Arenal, ou como ela a chama, Conchita, activista social e pioneira do feminismo.

Concepción forma parte da colección “Miranda”, que recolle as biografías de mulleres prominentes da historia, escrita por Itziar e Jorge Miranda.

Arenal foi experta en Dereito, pensadora, periodista, poeta e pioneira no feminismo español. É considerada a precursora do Traballo Social en España. Ao longo de súa vida e obra denunciou a situación das cárceres de homes e mulleres, a miseria nas casas de saúde ou a mendicidade e a condición da muller no século XIX. Toda unha heroína e un exemplo a seguir


2. No somos princesas, somos guerreras

Once recoñecidas autoras e activistas únense nun álbum de contos para abordar temas imprescindibles para as feministas do futuro.

Son once relatos reflexivos, repletos de sororidade e esperanza, onde as protagonistas non son princesas, senón as guerreiras que este mundo necesita.

Os contos abordan temas como o acoso, o abuso sexual a menores, a falta de representación feminina no mundo do cine e a literatura ou os roles sexistas dunha forma sinxela e comprensible para as máis pequenas.


3. Daniela Pirata

Daniela soña con converterse nunha das mariñeiras do barco pirata Caimán Negro. Para facelo enfrontarase a todas as probas que lle propón o capitán, e supéraas todas de forma sobresaínte. A pesar diso, o temible capitán non lle permite converterse en pirata por ser muller. O resto da tripulación, en cambio, apoia a Daniela e, no só se converte en pirata, senón que será a nova capitana do Caimán Negro.

A desigualdade empeza desde a primeira infancia, por iso son tan necesarios exemplos que desfagan os roles de xénero e permitan ás máis pequenas vivir libres de estereotipos.

Daniela é unha nena moi segura de si mesma, libre e loitadora.

Este é un conto moi recomendable para a idade preescolar.


4. Persépolis

Persépolis é a historia autobiográfica da iraní Marjane Satrapi, a historia de cómo creceu nun réxime fundamentalista islámico que a acabaría levando a abandonar o seu país.

A historia comeza en 1980, o ano no que Marjane viu que non podía ir á escola sen levar o velo. Este tipo de detalles anecdóticos serven para comprender que implicou a Revolución islámica e a posterior caída do goberno liderado por o sha Mohammad Reza Pahleví.

Persépolis é unha novela gráfica imprescindible, adecuada para que as adolescentes coñezan e comprendan a represión da cultura islámica na vida das mulleres e a fraxilidade do noso “estado do benestar”. Ningún dereito alcanzado pode darse por sentado e pode retrocederse en liberdades ante calquera cambio social ou político. A loita feminista nunca debe descansar.


5. Rosa Caramelo

Un clásico dos anos 70 que, desgraciadamente, segue moi presente. O libro de Adela Turin narra a historia de Margarita e a súa manada de elefantas, que teñen que comer unhas flores que saben moi mal para poder ser de color rosa. Amais levan zapatos e pescozo de esa mesma cor pero, qué sucede? Margarita come e come pero sigue sendo gris.

Margarita preguntase por que os elefantes machos poden ser grises sen que ninguén lles moleste. Amais, eles pásanse o día xogando e non teñen que levar incómodos zapatos nin un ridículo pescozo rosa.

Este sinxelo conto fainos reflexionar sobre as imposicións dos roles de xénero; ben sexa por vestir con saia e tacóns, ou modificar o noso corpo para adaptarnos ós roles que nos asignan.


6. La Princesa Rebelde

Susana é unha princesa aburrida que espera a chegada do seu príncipe azul. Cando por fin aarece, Susana dáse conta de que a vida dunha princesa no é o que esperaba e encontrará un aliado para empezar unha nova vida onde menos o esperaba...

Esta historia de Anna Kemp e Sara Olgilvie é ideal para desmontar o mito do amor romántico.


7. Las princesas también se tiran pedos

Laura chega a casa un día e lle asalta unha dúbida: As princesas botan peidos?

“Las Princesas también se tiran Pedos”, de IIan Brenman e Ionit Zilberman é un libro irreverente, estupendo para desmitificar esa aparente perfección que sempre se lle atribúe ás princesas de conto. Laura entende enseguida que non fai falta ser princesa nin príncipe, que todas as persoas somos iguais e, ó fin e ó cabo, todos e todas botamos algún que outro peido!


8.Pippi Calzaslargas

A historia que creou Astrid Lindgreen en 1945 da nena máis independente e autónoma da historia, foi censurada en España durante o franquismo por considerar á pequena demasiado impertinente e “antipedagóxica”.

“A nena máis forte do mundo”, como ela mesma se definía, era a protagonista da súa propia historia. Esta icona feminista de tantas xeracións, arrasou con todos os estereotipos de xénero; dende que as mulleres debían ser doces, delicadas e elegantes, ata que as mulleres deben comer de forma delicada e escasa, para que os homes vexan o débiles que son.


9. Yo voy conmigo

“Gústame Martín, pero non me fai caso”..., ata onde estamos dispostas a cambiar para gustarlle a os outros? Ata deixar de recoñecernos a nos mesmas? Raquel Díaz Reguera fainos reflexionar sobre a importancia de amarse a unha mesma, tal como somos. A protagonista fai unha viaxe interior, na que se vai desfacendo dos seus trazos máis persoais para agradar ó mozo que lle gusta, ata non recoñecerse a si mesma, para ó final recuperar todo iso que a fai ser ela mesma.

“Mis alas son iguales
a las de los pájaros
de mi cabeza.
Ahora sé,
que yo voy conmigo
y me miro y me veo.
Tengo alas”


10. Mafalda

Quino regalounos a esta gran referenta: Mafalda, inconformista, curiosa, inquieta, perspicaz e terriblemente irónica. Mafalda analiza o mundo e trata temas como a familia, a política, o futuro e as inxustizas coa mirada clarividente dunha pequena filósofa.

“Ó final, como é o asunto? , un vai levando a súa vida adiante ou é a vida a que se leva por diante a un?”