| 4 de abril de 2021

Como Alemaña se converteu no «bordel de Europa»

Modelo laboralista versus abolicionista.

Un dos debates máis acalorados do feminismo é o da prostitución. As posturas máis polarizadas son as que avogan pola legalización por un lado, e pola abolición, polo outro. Pode haber posturas intermedias, pero as anteriores son bastante irreconciliables.

As posturas abolicionistas buscan erradicar todas as formas de prostitución porque se trata dunha institución patriarcal e capitalista. Este modelo tende a destacar responsabilidade dos clientes e dos proxenetas, e consideran as mulleres prostituídas como vítimas ás que hai axudar e apoiar para que poidan deixar de ser explotadas sexualmente.

O modelo legalizador distingue entre prostitución forzada e voluntaria. Só a forzada tería categoría de delito e sería condenable. No caso da prostitución “voluntaria”, avoga pola súa despenalización, tanto de clientes como de prostitutas e asígnalle a categoría de traballo, concedéndolle dereitos e obrigas laborais a todas as persoas que traballan para a “industria do sexo”.

Unha das súas defensoras máis emblemáticas é Gayle Rubin. No seu famoso ensaio “Thinking Sex” de 1984, cuestiona o sistema de valores atribuídos á sexualidade. Considera que existe unha “xerarquía sexual social” na que a zoofilia, homosexualidade, sadomaso, prostitución, o “amor interxeneracional”,... non son aceptados socialmente. Na súa opinión, cando existe pracer sexual por unha das partes, abonda para que sexa considerada sexo e deba ser aceptada. Emporiso, no caso concreto da prostitución, considéraa como unha práctica social inocua e, polo tanto, unha ocupación laboral máis. Sostén que se o comercio sexual fora legal, poderían investirse máis cantidades de diñeiro no comercio sexual e as traballadoras sexuais poderían organizarse, loitar por mellores salarios e liberarse do estigma que conleva esta actividade. É dicir, todo son beneficios, para as traballadoras sexuais, que ven regularizada a súa situación, e para o Estado-Mercado, porque produce beneficio económico.

Como se pode ver, impera a lóxica económica neoliberal, a ética queda fóra do debate sexual, mestúranse prácticas sexuais con e sen consentimento e se dá unha transformación da linguaxe, empregando termos que dulcifican a realidade: de prostitutas ou mulleres prostituídas, pásase a “traballadoras sexuais”; de prostitución ou explotación sexual pásase a “industria do sexo” e “empresarios do sexo”.

En Europa, os maiores representantes do modelo laboralista son Holanda e Alemaña, esta última quizais menos coñecida no sur de Europa, pero destino habitual e preferente de puteiros do mundo enteiro, pola súa “oferta” e “calidade”.

Posto que unha parte do “feminismo” avoga pola legalización e a laboralización da prostitución, apoiándose nos supostos beneficios asociados a este modelo para as “traballadoras sexuais", en vez de especular, observemos os efectos reais da laboralización no país teutón.

Alemaña, o bordel de Europa.

A prostitución era legal en Alemaña dende o século XIX. É dicir, era unha actividade permitida pero non regulada. O punto de inflexión que fixo que se convertera no gran “bordel de Europa” foi a normativa implantada no 2002 na que laboralizaba a actividade, é dicir, convertíaa nun traballo máis, regularizando a “industria do sexo”.

A “Lei de Prostitución” (Das Prostitutionsgesetz) foi aprobada co apoio dos SPD (socialistas), Grünen (Os Verdes), FDP (liberal de dereitas) e PDS (partido de esquerdas, agora dentro de Die Linke), e en contra votaron os conservadores CDU/CSU ( partido popular).

Ilustración 1: Celebrando a aprobación da “Lei de prostitución”. Christine Bergmann (Partido Socialdemócrata, SPD), a propietaria do bordel Felicitas Schirow (Café Pssst, Berlín) e A Portavoz do Grupo Parlamentario Verde (GRÜNE) Kerstin Müller.

Os motivos que alegaron para promover esta lei foron que a regularización laboral melloraría, en xeral, a seguridade das prostitutas e as súas condicións de vida posto que terían dereitos laborais como calquera outro emprego.

Esta lexislación contemplaba os seguintes dereitos laborais para as prostitutas: seguro de desemprego, seguro médico, seguro de dependencia, de xubilación e de accidentes.

É dicir, as prostitutas teñen que pagar impostos, e en moitos casos tamén teñen que pagar o alugueiro da habitación na que “traballan”, co cal, cos primeiros 2-3 “servizos” non obteñen ningún rendemento económico.

Polo tanto, a lei de prostitución redefiniu o proxenetismo e despenalizou moitas actividades que antes eran ilegais. De este modo, na actualidade, só a trata se considera delito, isto é, cando os proxenetas quedan con máis do 50% das ganancias.

No 2017 promulgouse outra lei para frear os excesos dos proxenetas; a denominada Lei de Protección de Prostitutas (Das Prostituiertenschutzgesetz). Algunhas das novidades máis polémicas que introduciu foron as seguintes:

As “Traballadoras sexuais” teñen que rexistrarse en persoa (Anmeldepflicht) antes de iniciarse na prostitución. Ao rexistrarse, as mulleres reciben información sobre os seus dereitos e deberes, así como sobre ofertas de asesoramento sanitario e social e sobre a obtención de axuda en situacións de emerxencia. Tras esta visita emítese un certificado que sempre deben levar con elas cando proporcionen “servizos sexuais”.

Este certificado é coñecido como o "Carné de Puta” (Hurenpass). Esta medida causou “malestar” no sector. Para algunhas prostitutas afectadas, partidos políticos como Die Linke (esquerda) e organizacións como Amnistía Internacional, esta obriga atenta contra os dereitos humanos e a privacidade. Con absoluta perplexidade vemos como estas organizacións consideran que a prostitución debe ser considerada como un traballo máis, pero un carné que o acredita resulta unha ofensa á privacidade e aos dereitos humanos… Non se nos ocorre forma máis grave de vulneración dos dereitos que aproveitarse das necesidades humanas para mercantilizar o corpo das persoas, nin maior prexuízo á privacidade que pasearse espida, ser tocada e violada por estraños, aos que lles pertences por un módico prezo.

Non son os únicos que opinan así. A presidenta da Asociación profesional de servizos eróticos e sexuais (Berufsverband für erotische und sexuelle Dienstleistungen), Fabienne Freymadl, sinalaba que “a obriga de rexistrarse é discriminatoria, preocupante en canto á protección de datos e comporta o risco de que as persoas sexan descubertas sen querer. Desta forma, empuxarase a moitas traballadoras e traballadores do sexo cara a ilegalidade, onde están máis expostos á vulneración dos seus dereitos humanos”.

Desde “Sisters”, unha asociación para facilitar a saída da prostitución, sinalan a importancia desta medida porque a pesar de que "a obriga de rexistro non é do interese dos propietarios de bordeis, nin das ‘traballadoras do sexo’ a tempo parcial, é importante e necesaria para a gran maioría que practica a prostitución por motivos de pobreza ou de forma forzada”, explicaba Sisters nunha opinión escrita ao Bundestag, o Parlamento alemán, durante o proceso lexislativo.

Outras medidas estipuladas eran as seguintes: a obriga de usar preservativos e a prohibición expresa das “tarifas planas”.

Estas medidas protectoras foron necesarias para frear os excesos dos proxenetas que de contado explicamos.

A teoría versus a realidade

Manuela Schon, socióloga e activista pola abolición (Abolición 2014: Por un mundo sen prostitución), relata os terribles efectos dunha lei que, ao fin e ao cabo, facilita a explotación sexual das mulleres.

Dende a aprobación da lei de Prostitución 2002 multiplicáronse o número de grandes prostíbulos, que normalmente operan baixo etiquetas falsas como “clubs de sauna”.

Un dos máis coñecidos é o mega-bordel “The Paradise”, en Stuttgart. Como na mesma páxina web informan, teñen 150 prostitutas “autónomas”. É un club nudista, pero os homes van en albornoz e as mulleres van espidas.

Antes da lei de 2017 extendérase a práctica da “tarifa plana” entre os proxenetas, mediante a que os clientes podían ter sexo con varias persoas a un prezo fixo, oferta coloquialmente coñecida como “all you can fuck”. Nunha lóxica puramente liberal, ofrecíase en moitas ocasións baixo o slogan “Wurst, Bier und Sex”, é dicir, “salchicha, cervexa e sexo”, nun proceso de cousificación extrema e explotación das mulleres.

Ilustración 2: Todo incluído. Por 70 euros desfruta da oferta completa. Todas as bebidas incluídas.

Esta cadea de prostíbulo de tarifa plana chamada “Pussy Club” foi noticia cando, no seu día de apertura, o 5 de xuño de 2009, 1.700 homes fixeron cola para entrar nas habitacións. Moitas das mulleres esvaeron por esgotamento, dor, lesións e infeccións, incluíndo erupcións dolorosas e infeccións por fungos que se estendían dende os xenitais ata as pernas. Este “club” pechou un ano máis tarde por tráfico de persoas.

Outro servizo que se puxo de moda nos prostíbulos de Alemaña eran os chamados “tabuslos” ou “sen tabús”, o que significa que se ofrecía a posibilidade de ter sexo sen preservativo. O resultado desta práctica foi que as enfermidades de transmisión sexual foron en aumento en Alemaña, despois de varios anos de estancamento, no que era común que os homes ​​infectasen as súas parellas.

Tamén existen empresas que realizan poxa de mulleres a través de portais web, como o caso de “gesext.de.”. A oferta é variada e a imaxinación o límite; embarazadas, virxes, mozas, etc. Nos perfís, amais de fotos espidas ou en roupa interior, descríbense polo miúdo talle e peso; idade e grado de feminidade, alimentación e incluso idiomas e estudos.

A saúde das mulleres prostituídas

Só 1 de cada 10 mulleres ten un seguro de saúde. As inflamacións dos órganos sexuais das mulleres prostituídas son extremadamente graves e as enfermidades de transmisión sexual danse en maior medida que na poboación xeral, segundo un estudo da Universidade de Lübeck.

As mulleres teñen abortos espontáneos tardíos, discapacidades graves a causa da sífilis, seguen atendendo a clientes a pesar da inflamación dos órganos sexuais e a miúdo volven á prostitución días despois de dar a luz.

No ano 2005 publicouse en Alemaña un estudo exhaustivo sobre as condicións de saúde das prostitutas.

Os resultados sinalan claramente como teñen máis problemas de saúde física e psicolóxicas que o resto da poboación.

1. Dor menstrual 2. Problemas do ciclo menstrual 3. Dor abdominal

Teñen maior incidencia de problemas psicolóxicos.

a. Falta de autoestima b. Ansiedade/ataques de pánico c. Adiccións ao consumo d. Autolesións e. Pensamentos suicidas

Sofren máis situacións de violencia que a poboación xeral.

a. Asaltos na casa b. Roubos c. Restricións no movemento libre.

Rexistro

En canto ao rexistro, apenas tivo éxito. Só unhas 7.000 mulleres se rexistraron no primeiro ano inmediatamente despois da súa entrada en vigor. Pero, segundo as estatísticas, en Alemaña hai entre 200.000 e un millón de mulleres que se prostitúen. Entre o 80 e o 90 por cento das prostitutas proceden do estranxeiro. Moitas de estas mulleres estranxeiras traballan forzadamente e baixo condicións inhumanas.

Como sinala Schon, as mulleres véndense como produtos, polo que, como produtos, deben ser tan baratos como sexa posible. Os propietarios dos bordeis compiten entre eles mesmos tratando de ofrecer o mellor prezo.

Ilustración 3. 20 minutos, 20 euros; 30 min, 30 euros.

A laboralización da prostitución... mellor calidade de vida para as mulleres?

O primeiro que chama a atención é que apenas existen estudos gobernamentais sobre se a lei tivo os efectos desexados. A teor do visto podemos extraer unhas cantas conclusións.

Se un dos argumentos principais para promulgar esta lexislación era que melloraría a calidade de vida das prostitutas, claramente non se cumpriu, case máis ben o contrario: a súa lexitimación favoreceu o tráfico de mulleres, a violencia e escravitude sexuais.

A regularización da actividade favoreceu a competencia e que os “servizos sexuais” foran cada vez máis baratos, repercutindo directamente no aumento da explotación das mulleres e legalizando unha serie de prácticas que anteriormente estaban prohibidas como prostitución, fomento da prostitución, proxenetismo e explotación.

En canto a outra das súas principais teses, o aumento da seguridade, tampouco se cumpriu. Os resultados da investigación realizada por Schon e Hoheide de 2021, sinalan que a despenalización da prostitución non a fai máis segura para as mulleres, senón que cambiou de lugar e forma. Agora os asasinatos e as agresións estanse cometendo dentro dos apartamentos, en vez de nas rúas. Dende 2017 diminuíu o número de vítimas mortais, con todo, o número de intentos de asasinato e agresións aumentaron dramaticamente e tamén a violencia coa que se exercen, como o estrangulamento con instrumento ou apuñalar repetidamente á vítima. A hipótese que manteñen as autoras, é que as vítimas teñen máis posibilidades de sobrevivir ás agresións pero non que sufran menos.

Coa aprobación da lei non aumentaron significativamente o número de prostitutas rexistradas, porque moitas delas queren obter eses ingresos en negro, pero si o fixeron, e de maneira descomunal, os macroclubs de prostitución.

O modelo legalizador aséntase en varias falacias. Primeiro , en considerar que só a trata é unha practica social indesexable. Non hai unha prostitución boa. As mulleres que se ven abocadas a esta actividade, fano por necesidade dun ou outro tipo. O lema liberal da libre elección, non ten en conta as condicións socioeconómicas das mulleres que se ven abocadas a esta mercantilización dos seus corpos. Unha vez dentro é difícil saír e sofren todo tipo de violencias.

Da prostitución obtéñense innumerables ganancias, das que se benefician tanto os proxenetas como o Estado, que a través dos impostos recadados aos clubes e a costa das prostitutas pode considerarse un Estado proxeneta, por pouco que recaude. Pola contra, as mulleres non son precisamente as máis beneficiadas por este sistema, posto que son usadas mentres que se obteña beneficio con elas.

Nun país onde as liberdades sexuais están garantidas por lei, a única forma de que exista prostitución é principalmente por medio da trata e pola demanda dos puteros. Por iso o modelo nórdico que sanciona ao “Cliente” é o camiño e a abolición da prostitución a meta.

Fontes