| 23 de abril de 2021

Máis libros e menos rosas

A tradición di que en San Jordi, as mulleres han de regalar un libro aos homes, e eles pola súa banda, han de corresponder cunha rosa. Pero as mulleres actuais tamén queremos libros, libros que nos fagan medrar e non rosas que murchen. Así que aquí deixámosvos as nosas propostas para que este Día do Libro ler feminismo sexa o mellor agasallo.


Para iniciarse no feminismo

Feminismo para principiantes (Nuria Varela)

Nuria Varela é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou como reporteira en diferentes semanarios e cubriu conflitos bélicos internacionais, así coma os feminicidios de Ciudad Juárez ou o Afganistán dos talibáns. Sempre vencellada á loita feminista, facendo parte de diferentes organizacións que traballaban neste eido, ten publicado diferentes libros desta temática.

Feminismo para principiantes, publicado por primeira vez no ano 2005, é unha guía básica, un manual de consulta, co que coñecer a historia do feminismo, dende as precursoras, pasando polas diferentes “ondas”, as sufraxistas, que é o feminismo radical ou o feminismo marxista, ata os nosos tempos. Explica, dun xeito moi ameno e sinxelo, o por que do feminismo e como se foi construindo este movemento político que, aínda hoxe, tres séculos despois, segue a ser imprescindible para a liberación das mulleres.

Dispoñible en idioma castelán, existe unha versión actualizada e ampliada, así como a versión en banda deseñada, que correu a cargo da ilustradora Antonia Santolaya.

Todos teriamos que ser feministas (Chimamanda Ngozi Adichie)

Chimamanda naceu en Nixeria e estudou comunicación e ciencias políticas en Filadelfia (Estados Unidos). Posteriormente cursou un mestrado en escritura creativa na Universidade John Hopkins de Portland e na actualidade vive entre Nixeria e os Estados Unidos.

Este libro é unha adaptación dunha conferencia que a autora deu no ano 2012 na TEDxEuston e que supón unha introducción ao feminismo a través de exemplos básicos, que a ela lle aconteceron ao longo da súa vida, baseándose en situacións contextualizadas en Nixeria, mais que sorprendentemente, coinciden con vivencias que todas e cada unha de nós, mulleres doutros puntos do planeta, vivimos dentro dos nosos propios contextos xeográficos. Explica, a través destes exemplos, como os roles de xénero, que nos rodean dende que nacemos e en base aos que somos socializadas e socializados, perpetúan a situación de opresión que padecemos as mulleres. E deixa claro como de sutís son na maioría dos casos e como custa aprecialos a primeira vista.


Para calquera idade

A mí no me iba a pasar (Laura Freixas)

Castelán | Ediciones B | 2019

Trátase dunha autobiografía da escritora con perspectiva feminista. Laura Freixas relata as súas experiencias vitais e como chegou a converterse nunha “maruxa de luxo” sen decatarse. Este libro toca moitos temas que nos afectan a todas: a relación coas nosas nais e pais, o mito do amor romántico, o matrimonio, a maternidade, as dificultades laborais, os desequilibrios de poder coa parella, a falta de corresponsabilidade no coidado da prole, etc.

Está escrito dunha forma tan viva, dinámica e sinceira que, non soamente podes sentirte identificada, senón que sentes que estás aí, na súa cabeza e nos seus zapatos. A sensación é que non está falando dela, senón de todas nós, como mulleres.

Non soamente é un pracer como lectura, senón tamén unha forma de entender e interpretar os pequenos xestos que configuran a sociedade patriarcal na que vivimos, guiada polas palabras doutra muller con conciencia feminista.

La mujer molesta: Feminismos postgénero y transidentidad sexual (Rosa María Rodríguez Magda)

Castelán | Ménades Editorial S.L.U. | 2019

Se precisas entender as controversias da chamada “Lei Trans”, as implicacións que ten para as mulleres e porque dende o feminismo se considera unha lei misóxina, este é o teu libro. Explica a través de termos filosóficos, pero de forma comprensible, a xénese da ideoloxía da identidade de xénero, a evolución do feminismo ao respecto, propón novas conceptualizacións como “fatriarcado” e “transmodernidade”, describe polo miúdo as trampas da diversidade e da apoloxía do diverso, etc.

En fin, un libro moi pequeno en tamaño, pero moi grande en contido. Imprescindible se queres afondar na comprensión desta ideoloxía, máis aló de slogans e o sensacionalismo co que habitualmente se trata nos medios.

Pioneiras 1 e 2: Galegas que abriron camiño

Galego | Edicións Xerais

Estes libros contan a historia de diferentes mulleres galegas que abriron camiño nunhas actividades e tempos nos que as mulleres tiñan moitas dificultades para saír do vieiro que a sociedade lles tiña reservado. É a historia de mulleres de diferentes ámbitos, que contribuíron a mellorar a sociedade e que conquistaron dereitos dos que hoxe todas gozamos.

Este libro serve para que as mozas teñan novos referentes autóctonos, que destacan pola súa intelixencia, traballo e tesón.

Corre, corre, Cabaciña (Eva Mejuto)

OQO | Galego e Castelán.

Unha avoa moi espelida que consigue enganar ao lobo, ao oso e ao león, sen necesidade de que a rescaten, empregando só o seu enxeño.


As teóricas

O segundo sexo (Simone de Beauvoir)

Galego | Cátedra | 1949

Cantas veces levas escoitado nos últimos tempos que xa o dixo Simone de Beauvoir: "non se nace muller, chégase a selo"? Se che entran dúbidas sobre se a filósofa estaba a prever unha proliferación masiva dos xéneros ou se, máis ben estaba a analizar a condición relegada a segundo plano da metade da humanidade, a lectura desta obra fundamental da teoría feminista sacarache de dúbidas para sempre. O segundo sexo viu a luz no 1949, causando unha forte polémica dende os primeiros momentos; non é sorprendente, nada lle molesta máis ó patriarcado que que se fagan patentes as súas incoherencias. E iso mesmo fai a autora: contrapoñer o concepto ilustrado da igualdade á realidade subordinada das mulleres, nunha análise holística relizada dende a perspectiva que aporta a bioloxía, a historia, a psicoloxía e a socioloxía. Unha obra fundamental que marcaría toda a teoría feminista producida despois da súa publicación.

O sometemento da muller (John Stuart Mill)

Alianza editorial

Esta obra fundamental pon os alicerces para construír a emancipación das mulleres partindo da consecución dos dereitos políticos e civís plenos. Escrito entre 1860 e 1861, enriqueceuse ca participación de Helen Taylor, fillastra de John Stuart Mill e sufraxista e activista polos dereitos da muller; cabe destacar que a colaboración de Helen foi sempre recoñecida e celebrada polo autor. O sometemento da muller supón unha forte crítica da sociedade patriarcal tradicional e unha defensa decidida da liberación das mulleres, un clásico dacabalo entre a primeira e a segunda onda que manterá toda a súa vixencia mentres aínda quede no mundo unha soa muller sen dereitos políticos e civís.

O contrato sexual (Carole Pateman)

Ménades editorial

A autora desentraña para nós o nó que se agocha nunha das metáforas máis exitosas dos relatos de orixe da actualidade: o contrato social, fundador do dereito político e da sociedade civil. A historia do contrato sempre se conta omitindo o feito de que na base de tal acordo subxace un contrato anterior: o contrato sexual, mediante o cal se atribúe capacidade política en función da diferencia sexual. Deste xeito a vida se dividirá en dous espacios: o público e o privado e, ó mesmo tempo, coa exclusión da vida política á que se condena ás mulleres, conséguese a súa suxección política e civil. No paso das sociedades modernas ás actuales prodúcese a herdanza das categorías patriarcais (individuo, cidadán, contrato e traballador, entre outras) aplicándoas agora indistintamente a homes e mulleres, naturalizando deste xeito as relación de subordinación implícitas nelas. A metáfora do contrato é sumamente perigosa para o feminismo porque pode valer para lexitimar relacións de dominación facéndoas aparecer como resultados da vontade de acordos entre suxeitos con igual poder. Partindo desta interesantísima base a autora analizará institucións coma o matrimonio e a prostitución, desenmascarando a súa auténtica natureza e orixe e concluíndo que feminismo e contrato non poden ir da man porque o contrato non é antipatriarcal, como ilustran a prostitución ou os ventres de alugueiro. As relacións libres e a autonomía das mulleres non atoparán o seu marco no liberalismo.


As históricas

Insolación (Emilia Pardo Bazán)

1889

Cúmprese este ano o centenario de dona Emilia Pardo Bazán e non podiamos esquecer neste recompilatorio de recomendacións literarias a unha das máis famosas escritoras galegas. Insolación foi na súa época unha novela escandalosa precisamente polo seu descarado feminismo. O tema dun encontro amoroso fortuíto entre unha dama viúva da alta sociedade, Asis Taboada, marquesa de Andrade e un mozo libertino, Diego Pacheco, considerábase escabroso e, por riba, nela se ventilaban asuntos como o da distinta moral sexual para homes e mulleres.

Atrevida, a novela comeza coa protagonista baixo os efectos dunha terrible resaca que ela se empeña en atribuír a unha insolación. Con todo, esa noite de resaca Pardo Bazán pon en marcha toda a maquinaria de xustificacións con  que as mulleres tentan mentirse a si mesmas sobre os seus actos.  O curioso é que a moralina que a marquesa de Andrade aplíca non a convence, e ese é outro acerto da narrativa da escritora galega; máis ben acontece que, contra as convencións dunha época na que non estaba permitido o desexo sexual feminino, Asís non confunde o desexo e o amor. En resumo, unha atractiva novela que escapa do estilo naturalista da autora para profundar nos pensamentos e sentimentos da protagonista.

A muller do porvir (Concepción Arenal)

1869

O pasado ano pasou case desapercibido o bicentenario do nacemento dunha de nosas máis grandes pensadoras e xornalistas e precursora do feminismo en España, Concepción Arenal.

A muller do porvir é un tratado onde Concepción Arenal analiza a inferioridade na que vive a muller en pleno século XIX e a marxinalidade que sofre respecto do home. Á vez, achega medidas e solucións para acabar coa devandita situación, como mellorar a súa educación ou fomentar o traballo e a independencia.

É un libro breve e de fácil lectura, con capítulos de títulos tan suxestivos como “Consecuencias para o home da suposta inferioridade da muller”, ou “Hai incompatibilidade entre o cultivo da intelixencia e os afaceres domésticos?”. Dunha forma irónica rebate as razóns polas cales crían á muller incapaz de aprender. Un exemplo é como se lle xulgaba igual que a un home ao cometer un delito e víase vetada a estudar ou traballar.

Xa só o seu inicio, anima á lectura: “Máis ben prevéxote hostil que cl te espero benévolo, lector, a quen por tanto non me atrevo a chamar amigo.” Todo un reto.

Mulleres bravas da nosa historia (Varias autoras)

2017

Mulleres bravas da nosa historia é unha pequena colección formada, ata o de agora, pola biografía de cinco mulleres galegas importantes no mundo da arte e a literatura tales como Rosalía de Castro, Julia Minguillón, Maruja Mallo, María Vitoria Moreno ou personaxes como Pepa a Loba. Conta coa autoría de premiadas escritoras xuvenís como Ledicia Costas e está destinado principalmente ao público infantil.


Benvidas sexan as recentemente chegadas

Agora, feminismo. Cuestións candentes e frontes abertos (Amelia Valcárcel)

1ª ed. 2019 – 6ª ed. 2020

Amelia Valcárcel é unha muller, filósofa, escritora, feminista, doutora e referenta de recoñecido prestixio internacional. Escribiu en total ao redor de douscentos artigos, libros e capítulos sendo galardoada en varias ocasións. Nesta obra fai un repaso que vai das primeiras vindicacións barrocas e ilustradas, desde a Modernidade ata o MeToo, conceptualizando o movemento feminista. Repasa a primeira, a segunda e a terceira onda, a súa axenda política, as conquistas acadadas e os problemas que as acompañan. Fai unha reflexión ética e histórica do feminismo, e fala sobre a produción artística, literaria e científica das mulleres dentro dun sistema como o patriarcal. Reflexiona sobre o que chama “axenda sobrevinda”, a relación que con esta ten a teoría queer e a aparición da súa aplicación lexislativa en varios países. Pronunciase sobre a autoconciencia das mulleres como suxeito, a internacionalidade; sobre a multiculturalidade e as relixións como condutores da opresión. Unha obra marabillosa que nos leva a viaxar pola historia do feminismo, as súas proclamas, dudas e conquistas, as súas loitas, vitorias e derrotas. Unha obra que invita a reflexionar e a repensar o lugar no que nos atopamos, aquel de onde vimos e ao que queremos chegar, aínda que moitas veces non resulte ser o inicialmente esperado.

Pornografía. O pracer do poder (Rosa Cobo)

1ª ed. 2020

Rosa Cobo é unha feminista española, que se licenciou en Ciencias Políticas e Socioloxía. É profesora na UDC, onde tamén dirixe o Centro de Estudos de Xénero e Feministas. É unha escritora de recoñecido prestixio, que publicou decenas de libros, artigos, colaboracións… Foi galardoada en varias ocasións pola súa labor no campo do feminismo. Esta obra pon no centro de atención un tema moi controvertido, e máis aínda nestes tempos, para a teoría e a práctica feminista: a pornografía. Como ela di “a pornografía é a pedagoxía da prostitución”. Fala sobre as realidade que subxace a esta “ficción pornográfica”, a aceptación de prácticas que forman parte da cultura da violación, que lexitiman e normalizan a violencia contra as mulleres. Esta obra é ademais de académica, feminista. Fala sobre os orixes da pornografía e intenta levantar unha conciencia crítica sobre os efectos que ten o seu consumo; así como da efectividade que ten á hora de construír un discurso e un imaxinario misóxino que se acerca perigosamente, a través de millóns de pantallas, ao sistema prostituínte e o seu funcionamento.

Practicas bo sexo? Como lograr unha sexualidade feminista (Iris Borda)

1ª ed. 2021

Iris Borda, tamén coñecida como Lola Lúpez en redes sociais, é unha divulgadora, filósofa e escritora feminista. Esta é a súa primeira obra, unha, espero, de moitas outras. Desde este libro acerca a todas as mulleres unha sexualidade, como ela di, feminista. Ben apunta, nas súas primeiras páxinas, que este escrito está adicado maioritariamente ás mulleres que manteñan relacións heterosexuais (aínda que todas e todos o poden ler e desfrutar, así como aprender con el, posto que é unha grandísima reflexión sobre a sexualidade e a normativizade asociada a esta). O libro consta tanto dunha parte teórica como dunha práctica, con exercicios tanto físicos como escritos. A través de ambas proponse desestabilizar a asimetría implícita en canto ao pracer e a sexualidade feminina, tan copado polas prácticas hexemónicas onde o falocentrismo e o pracer masculino sempre están un banzo por enriba, é dicir, onde se reproduce e ten lugar a xerarquía sexual. Un libro que invita a todas as mulleres a coñecer a súa sexualidade, fronte a outra sexista e patriarcal, acercándonos á nosa socialización feminina desde unha postura crítica e feminista.