| 17 de maio de 2021

Xela Arias dende a perspectiva feminista

O Día das Letras Galegas deste ano adícase á poeta Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003) e a Plataforma do Feminismo Radical de Galicia quere facerlle a súa pequena homenaxe como escritora, como muller e como feminista.

O Día das Letras Galegas é un día de homenaxe ás persoas que contribuíron á creación literaria, artística, cultural no territorio galego e na lingua galega. A primeira persoa á que se lle dedicou este día é Rosalía de Castro, no 1963, cen anos despois do centenario da publicación da súa obra Cantares Gallegos (1863). Este inicio, cunha muller reiteradamente referenciada pola súa contribución literaria, as súas reivindicacións feministas e de clase, parece abrir as portas a unha representación equitativa das homenaxes; é dicir, que tanto homes coma mulleres estarían igualmente presentes dentro deste galardón. Mais isto non foi así; das 58 persoas homenaxeadas (entre 1963 e 2021) só cinco foron mulleres (contando con Xela Arias), o que supón un 8,6% do total. Os homes están sobrerrepresentados cun 91,4%.

Xela xa podía sentir no seu contexto vital, co vivir da súa xeración, que as mulleres non atopaban un oco dentro da produción cultural. Como sinala Romaní “abóndanme os dedos das mans para cita-los nomes das que entre todos eran mulleres novas publicando naquel momento, e hoxe sóbranme os dunha man soa para contar as que sobreviviron daquilo”.

No 1991 Xela Arias presentou un artigo sobre mulleres e literatura no Encontro de escritores galegos e portugueses, celebrado en Santiago de Compostela. Neste, segundo recolle elDiario (2021), a homenaxeada destas Letras de 2021 criticou a recepción sesgada que sufriu como autora polo feito de ser muller, mentres escritores “pretendidamente feministas” seguían facendo “poemas amatorios onde eles son o lobo e elas as estáticas, inútiles e estúpidas carapuchiñas desexadas de sempre”. Este encontro realizouse despois da celebración, en días anteriores, de dúas xornadas sobre poesía e narrativa na que non había presente nin unha soa voz feminina.

Cabe falar a continuación, dunha das obras máis controvertidas de Xela: Tigres coma cabalos, posto que nela sae espida acompañando algúns dos poemas que a compoñen. O corpo feminino, visto historicamente como un produto de consumo, obxecto de mercantilización e cousificación, está socialmente en loita contra a corrente patriarcal que o empuxa a limitarse a ser un obxecto de consumo ou un mal insalvable (que debe de ser escondido, tapado). Está claro que a sexualización do corpo feminino é unha realidade, empiricamente contrastable en numerosos eidos. Para Rivas, Xela deixa claro que “non, non buscamos adrede un efecto erótico ou sexual nas fotografías. As fotografías non teñen esa intencionalidade evidente, case publicitaria, de Newton. Se quixeramos facer algo obsceno, fariamos outra cousa.” Facendo fronte a un contexto tradicional e sexista a autora arríscase e localízase na vangarda. Tamén apunta que sabe que “ten riscos e que (se) expón a moita frase estúpida, porque de entrada, no libro, a quedada vai ser coas fotos. Pero tamén (sabe) que haberá outra xente que irá máis alá, que valorará o que hai no libro de nova experiencia, de diálogo entre a imaxe e a palabra.” (Íbid)

Cómpre comentar unha entrevista realizada a Xela Arias por Manual Rivas, no diario La Voz de Galicia (25 de marzo 1990). Nesta a autora vese interpelada por varios comentarios sexistas que só se farían no caso de que a entrevistada fose unha muller. Por exemplo a pregunta “gústache ir de compras?”. Ao que Xela contesta, cun punto de picardía e sarcasmo “non, non me gusta ir de compras. Antes prefiro fregar a casa que ir de compras”. Outra resposta destacable, que fai palpable a súa opinión sobre a defensa dos dereitos e liberdades das mulleres é a que responde á seguinte pregunta: “escribícheslle poemas a algún mozo?”. Di Xela: “fixen moitos poemas a rapaces. E inventei personaxes a partir deses rapaces como fixestes os homes coas mulleres durante centos de anos”.

Xela Arias é considerada unha das voces “máis destacadas da poesía galega contemporánea” e conta tamén cunha importante carreira como profesora, editora e tradutora de clásicos. Forma parte dun grupo de poetas aos que a RAG “pretende recoñecer a través da súa figura: aqueles autores novos que renovaron a lírica en temas, estilo e forma a partir dos primeiros anos dos 80”. A que será a protagonista das Letras Galegas do 2021 “concibía a poesía como unha forma de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir “o que se aprende a ocultar” a través dunha poesía “singular, transgresora, sincera e comprometida” Retomaremos, para rematar, a realidade coa que comezamos. A representación e o recoñecemento feminino contraposto ao masculino. A importancia de dedicar e homenaxear ás mulleres, para que poidan ser referentas de todas as que veñen, a importancia da toma de conciencia como suxeitos activos e merecedores de visibilidade. Esta idea pode ser relacionada cunha postura teórica que Amelia Valcárcel toma da profesora García de León, chamada: “discriminación de elites” (Ahora feminismo. Cuestiones candentes y frentes abiertos (2020)). Valcárcel sinala que “algúns terreos parece que van admitindo mulleres, coa consabida táctica do pouco a pouco, pero non é tan certo. Blíndanse coa excelencia e toleran o xusto para non ser sinalados”. Neste sistema as mulleres non son concibidas dende a individualidade, paso esencial para poder tomar auto-conciencia de grupo. Así, “os iguais recoñécense coma individuos, polo tanto coma diversos, dotados de esferas propias de opinión e poder. As idénticas carecen xustamente de principio de individuación, de diferencia, de excelencia de rango” (Sexo y filosofía. Sobre mujer y poder (2020)).

A pouca representación das mulleres dentro de este día de homenaxe, o Día das Letras Galegas, deixa ver un sistema profundamente desigual onde o talento feminino non é considerado como equipolente ao masculino. Unha das razóns que se atopan baixo esta situación é que “o colectivo das mulleres soportou e soporta o peso dunha identidade que se resolve en figuras finitas, estereotipadas e inaceptables” (Íbid, p.133).

E é que, segundo Romaní “pois se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contradictoria e filla das miñas contradicións (…) a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entende-lo humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, calquera que sexa.” (Xela Arias. Declárome inconforme, 2021).

Xela Arias comezou publicando os seus primeiros versos, na altura dos anos 80, en xornais coma A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia, Faro de Vigo, Jornal de Notícias do Porto; ou revistas coma a Revista Cultural Dorna, da Illa de Arousa ou a viguesa Tintimán. Colaborou tamén, en Luzes de Galiza e no Boletín Galego de Literatura, importantes publicacións literarias e na Festa da palabra silenciada, publicación que destaca polo seu carácter feminista. O seu comezo no mundo literario coincide coa publicación do seu libro de poemas Denuncia do equilibrio, no ano 1986, que quedou finalista no certame literario Premio Losada Diéguez. Este libro caracterízase por ir a contracorrente da poesía galega daquel momento; nel cuestiónase a orde establecida e amosa o seu desacougo coa vida cotiá, as emocións e o amor, empregando unha sintaxe propia, radicalmente propia, independente e que contén unha importante forza simbólica. A autora anticipou nesta obra as liñas da poesía dos anos 90.

Luz no delirio dos sentidos!
e te preciso cando te agardo non vés nunca e a súplica que molla
desfai un labio
e outro labio que espira nun silencio
compártome
sei que no lonxe das parábolas das frases
cortadas e os puntos a parte son só
medos escorrentados polo teu corpo
soberano dunha idea poderosa que
tal vez suceda e eu non saiba quen es
ti cando te agardo
unhas mimosas podres
auscultadas da xanela ó xardín
hai tantos ruídos nesta rúa...
non tinga-lo cutis
pero ven, como te agardo 

Denuncia do equilibrio. (1986)

Precisamente, no 1990, publica Tigres coma cabalos, un volume cos versos e fotografía fusionados en 24 poemas acompañados de imaxes de espidos, entre eles o seu propio. Neste proxecto traballa man con man co fotógrafo Xulio Gil. Está considerado o seu libro máis transgresor (actualemente, podemos visitar esta exposición no Museo do Mar de Vigo, ata o 30 de xuño).

Acompáñame
Son dun tempo
de espectáculos,lanternas e acebeches comigo
Tamén sei dunha violencia de silencio
en serpe oculta de maligno
que maldigo.
Na raia da evidencia-tan ás claras
eu tributo,distraída dos pans,
cada pedazo entre o noxo das brasas,
no molestar do cotián ese
odioso caníbal dos meus ollos.
Porque
Sei de sereas verdadeiras tamén cantando venenos, e máis das inmensas prosas do descanso.
Pero é que as miñas zonas
Tamén son rostros conxestionados polo traballo.
Maldigo o precio da vida que arrastran,
e fusilo de min a disciplina da ordenanza

Tigres coma cabalos.(1990)

No 1996 publica Darío a diario, adicado ao seu fillo, que constitúe o seu terceiro poemario, no que aborda a maternidade desde unha mirada afastada do papel tradicional. Como a propia autora ten explicado, este libro foi no seu principio, “a necesidade imperiosa de explicarlle ao meu fillo o manifesto íntimo e interno de intencións maternas nas que el mesmo, polo feito de existir, me obrigaba a moverme; o compendio de contradicións que a maternidade me provoca”. 

Non me gustaban de nena os peluches
e lembran meus pais que non xoguei moito ás bonecas.
Non me deteño a cociñar e na química das quimeras
rocei un xeito de delincuencia xuvenil.
Un xénero feminino algo a desmán
das narracións para o ano en que nacín.

Darío a diario (1996)

O seu último libro, Intempériome (2003), editado por Miguel Anxo Fernán Vello no propio ano da morte da nosa autora, chegou como outro chanzo na súa exploración “para converter a desobediencia e a transgresión” en poesía, segundo explica a RAG. Neste libro, emprega unha vez máis a sintaxe propia, que tanto a caracteriza e coa que racha coas convencións lingüísticas, comezando xa polo propio título do libro. É unha exploración do territorio da existencia, do amor e da morte.

Ademais de poesía, escribiu relatos que publicou recollidos no libro Contos eróticos/Elas, no ano 1990. Un ano máis tarde, no 1991, colaborou co desaparecido grupo de rock vigués Desertores, aportando a letra das cancións dun dos seus discos, baseadas nos seus poemas.

No ano 1995, traduce ao galego o libro Cantiga de amor, do autor valenciano, Vicenç Beltrán Pepió. A súa faceta como tradutora, vaina desenvolver en moitas máis ocasións, traducindo ao galego as obras de autores como Jorge Amado, Camilo Castelo Branco, James Joyce, James Fenimore Cooper; Wenceslao Fernández Flórez, Carlos Oroza, Gianni Rodari, Roald Dahl; Juan Farias, Miguel de Cervantes, Jan Terlouw, Bram Stoker; Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys.

Ademais de como poeta e tradutora, Xela Arias buscaba novos espazos de manifestación en recitais de poesía, exposicións fotográficas ou espectáculos que combinaban poesía e música, como o que estaba a preparar antes da súa morte, co músico Fernando Abreu, sobre o seu poemario Intempériome, que nunca se puido chegar a realizar.

A súa obra poética tamén puidemos coñecela a través de libros colectivos como Palabra de muller (1992) e Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas (1997). Por outra banda, 15 anos despois da súa morte, no ano 2018, publicouse o libro Poesía reunida, no que se recollen os libros Denuncia do equilibro, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome, con anotacións da filóloga e ensaísta María Xesús Nogueira, quen destaca da obra de Xela Arias as indagacións nas contradicións do ser humano e da orde social.

Ademais do seu labor literario, formou parte do equipo de Edicións Xerais -onde traballou de 1980 a 1996- contribuíndo a fixar a normativa do galego como correctora de estilo e editora. Nos últimos anos da súa vida, tras licenciarse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa, foi docente nos institutos de Chapela (Redondela), no Álvaro Cunqueiro e Valadares II (Vigo), A Sagriña (A Guarda), Terra de Xallas (Santa Comba); Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Santiago).

Un ataque ao corazón foi a causa da súa morte, en Vigo na madrugada do 1 de novembro de 2003. A noticia da súa desaparición colleu de sorpresa ao mundo cultural galego. Acababa de publicar en Espiral Maior, Intempériome tras sete anos de silencio poético. 

Xela Arias protagonizou no final da década dos oitenta e nos primeiros noventa a progresiva incorporación das voces femininas ao panorama literario galego, moi especialmente no ámbito poético, no que os seus libros foron marcando un camiño para a poesía de muller. A autora será a quinta muller en protagonizar a celebración do 17 de maio, tras Rosalía de Castro —foi a primeira, en 1963—, Francisca Herrera Garrido —1987—, María Mariño —2007— e María Vitoria Moreno —2018—.