| 17 de xuño de 2021

Pornografía e prostitución: dúas caras da mesma moeda

O pasado mes de maio, UNICEF publicaba o seguinte informe: «Ferramentas de seguridade dixital na infancia e dereitos dixitais no mundo. Documento de debate» (2021), no que realizaba unha serie de aseveracións bastante polémicas.

No devandito informe realizaba afirmacións de esta envergadura: que non hai consenso en afirmar os efectos negativos do consumo de pornografía na infancia, que os contidos pornográficos restrinxidos por idade poden negar á infancia o acceso a «materiais educativos vitais» ou, falando de pornografía, que os esforzos dirixidos a impedir que a infancia acceda a, o que denominan educación sexual e reprodutiva e información sobre LGBTQ na internet, catalogado como pornografía, poderían estar infrinxindo os dereitos humanos.

Recordemos que UNICEF é unha axencia especializada da ONU na protección da infancia baseada nos principios da Convención dos Dereitos da Infancia. Este informe parece ignorar o que conteñen estas webs. Non fan falla mais de cinco minutos de exploración das páxinas de material pornográfico para percibir o abxecto dos seus contidos: os nomes dos portais (petardas, guarras.com, muyzorras.com) mulleres descompostas en partes dun corpo (cus, tetas, rubias, gordas), por razas (negras, asiáticas,) idade (vellas, mociñas); nos que se erotiza a violencia contra as mulleres (os contidos con violacións son dos máis visitados) e a pedofilia (colexialas, teens), incluso na que se aloxan imaxes e vídeos reais de abuso e violación de menores.

A pesares de que o informe de UNICEF sinala que non existe consenso nos efectos negativos do consumo de pornografía na infancia, si que existen estudos moi recentes que apuntan exactamente ao contrario.

O informe español de Save the Children (2020) “(Des)información sexual: pornografía y adolescencia”, sinala que 7 de cada 10 adolescentes consumen pornografía en Internet, accedendo por primeira vez de media aos 12 anos. O 68,2%, é dicir, 7 de cada 10, consumen contidos sexuais de forma frecuente por medio do móbil a través de contidos gratuítos online (98,5%), pola súa gran accesibilidade. O tipo de material que visualizan son maioritariamente contidos con violencia e desigualdade. Para o 30% da adolescencia consultada, estes vídeos son a súa única fonte de información sobre a sexualidade.

O 54,1% dos adolescentes, maioría mozos, sinala que toma ideas da pornografía para poñer en práctica nas súas propias relacións sexuais. O 54,9% gustaríalle poñer en práctica o visto na pornografía e o 47,4% afirma que xa levou algunha escena á práctica.

Ilustración 1: Save de Children 2021

Save the Children considera especialmente preocupante que, cando intentan imitar o que ven, non sempre solicitan o consentimento da parella. O consumo continuado de pornografía de contido violento provoca que o 36,8% non distinga entre a ficción das escenas e as súas propias experiencias sexuais. O 38% non percibe a desigualdade e amosan predilección polos vídeos nos que se amosan relacións de humillación. No caso concreto das mozas, o 27,1% non é capaz de identificar prácticas de risco, como a ausencia de preservativo.

Ilustración 2 Save de Children 2021

Outro estudo recente moi interesante é o de Ballester, Orte e Pozo (2014), no que sinalan os vínculos existentes entre as novas formas de pornografía e os efectos na xuventude. As novas formas de pornografía fan referencia a proliferación dos smartphone e as novas posibilidades de conectividade que ofertan, como a gratuidade e a accesibilidade, que facilitan o inicio e o aumento de consumo de pornografía en internet, reconfigurando as súas relacións persoais.

Este estudo, en primeiro lugar, sinala as características da industria pornográfica, que serve para contextualizar a magnitude do tema que se está a tratar.

  • Para comezar, sinala como é un negocio moi lucrativo que non deixa de medrar, superando o das drogas e o da venta de armas.
  • A industria do porno, que soe ofertar contidos de forma gratuíta, está realizada por empresas do sector da prostitución.
  • Amósanse contidos violentos, prácticas de risco (fisting, penetración sen preservativo), ou actividades ilegais como o incesto e a pedofilia, sen ningún tipo de filtro.
  • A pornografía está mediatizada polos novos dispositivos, nos que, por medio da localización, recomendan outros “servizos” como as páxinas de contactos ou directamente a prostitución.

As conclusións deste estudo son preocupantes: o consumo temperán e habitual de pornografía condiciona as actitudes sexuais da mocidade, que inflúe en tódolos momentos das relacións sexuais; dende a elección da parella, ata o inicio da relación, nas demandas sexuais, as prácticas, etc. As repercusións de visualizar a cotío contidos pornográficos son, por unha banda, que se normaliza a violencia e a cousificación das mulleres e, pola outra, danse escaladas nas condutas, como son a aparición de tipos de violencia nas relacións interpersoais e o inicio no consumo de prostitución para satisfacer os desexos creados pola pornografía.

Polo tanto, é incomprensible que o informe de UNICEF manifeste que os contidos pornográficos presentes en internet poidan ser inofensivos e incluso que os considere como materiais educativos! Como ben sinala Ana de Miguel (2015), a única “educación” que preconizan é unha idea destorcida da sexualidade, un imaxinario pornificado da sociedade; na que as mozas aprenden a interiorizar a submisión aos homes sen importar o seu pracer, a sexualización dos seus corpos e a someterse a tiranía da beleza patriarcal. Pola súa parte, os mozos aprenden que as mulleres están no mundo para satisfacer os seus desexos, a custa do que sexa.

Como sucede coa prostitución, non hai unha pornografía boa e outra mala; unhas lexitiman ás outras. Ningunha pornografía é nin feminista nin educativa; nin ficción nin arte. A pornografía agroma no imaxinario simbólico, dende a máis tenra infancia, a lexitimación da violencia e da explotación sexual de mulleres.

Fontes documentais

  • De Miguel, A. (2015). Neoliberalismo sexual y el mito de la libre elección. Ediciones Cátedra.
  • Ballester, L., Orte, C. e Pozo, R. (2014). Estudio de la nueva pornografía y relación sexual en jóvenes. En Anduli. Revista Andaluza de Ciencias Sociales, (13). DOI: http://dx.doi.org/10.12795/anduli.2014.i13.1