| 26 de xuño de 2021

Frases trampa

É ben sabido que a dialéctica é unha arte e que hai especialistas en retorcer as verbas para que pareza que din unha cousa cando en realidade están a dicir a contraria, na política seguro que se revisas atopas fácil algún exemplo.

Agora ben, na comunicación hai dúas partes, unha que emite e outra que recibe, e nestes casos quen emite tamén xoga coa predisposición de quen recibe, porque o sesgo de confirmación fará, previsíbelmente, que quen recibe a mensaxe lle dea a esta o sentido desexado. É dicir, se temos simpatía por quen fala (ou vémolo como igual a nós) tentaremos facer que o que di cadre co que nós pensamos e, do mesmo xeito, se non temos simpatía por quen fala tentaremos invalidar a súa mensaxe.

Así me pasou hai algo máis dun ano nunha manifestación feminista. Atopei unha pancarta cunha mensaxe que me pareceu moi axeitada, dicía algo así: O QUE EU SON ESTÁ NO MEU CEREBRO, NON ENTRE AS MIÑAS PERNAS.

Naquel momento eu era descoñecedora absoluta de certas teorías que xa estaban en auxe, estaba nun entorno amigábel xunto a outras mulleres que, entendía eu, tiñan as mesmas reivindicacións ca min e vin unha única interpretación daquel cartaz.

Si, interpretación, porque un cartaz nunha manifestación é moito máis cás verbas que contén, vai moito máis aló do que propiamente ten escrito, detrás destes anacos de cartón agóchanse explicacións moi profundas e exixencias para rematar con problemas, vémonos na necesidade de condensar reivindicacións, argumentos e teorías moi traballadas no espazo dunha cartolina e con letras de bo tamaño para que se vexan ben de lonxe… vamos, que o exercicio non é doado, de feito é máis compricado condensar unha reivindicación nunha pancarta que facer un bo chío.

E para min naquel momento e naquel lugar, aquela frase so tiña un sentido, seguindo as miñas conviccións feministas, aquela frase entendín que dicía: MALIA QUE TEÑA CONA PODO FACER O QUE ME PETE, ninguén me pode dicir que por ter cona non me póde gustar o futbol, ninguén me pode dicir que por ter cona teño que ser “modosita”, … en xeral, ninguén me pode dicir que cousas me teñen que gustar, que cousas teño que facer nin como me teño que comportar ou vestir polo feito de ter cona, é dicir: EU SON COMO SON, E COMO EU SON NON ESTÁ ENTRE AS MIÑAS PERNAS SE NON NO MEU CEREBRO… que condensando aínda máis chegaría á frase en cuestión que vin naquela manifestación.

Basicamente, entendino así porque isto forma parte do ABC feminista, é un dos principios nos que se basea a sociedade non sexista á que aspiramos, unha sociedade onde non existan estereotipos sexistas nos que ninguén teña que encaixar segundo o seu sexo. Porque o conxunto de estereotipos sexistas que segundo o parecer da sociedade temos que cumprir por nacer con cona (tamén chamado xénero), desde o feminismo xa hai ben de tempo que está identificado como problema a combater e extinguir para conseguir unha igualdade plena entre homes e mulleres.

Polo tanto, tendo claro que o xénero non é bo e estando nun entorno amigábel, non puiden naquel momento atopar outro sentido á frase daquel cartaz.

No entanto, a día de hoxe, tendo maior coñecemento destas teorías, que están a calar na sociedade, e que mesmo atopan recursos públicos para entrar nas escolas das nosas crianzas a dicir cousas totalmente contrarias á evidencia científica e totalmente en contra da educación non sexista, pregúntome se aquel cartaz viña dicir outra cousa: Será que aquel cartaz tentaba dicir que non somos mulleres pola nosa cona senon polas cousas que nos gustan, que queremos facer, polos nosos intereses ou por como nos comportamos?

Será que aquel cartaz quería dicir que somos homes ou mulleres segundo o noso cerebro?

Dicir que o que somos está no noso cerebro nese sentido, é dicir que hai cerebros de home e cerebros de muller, e dicir isto supón aceptar as teorías misóxinas do neurosexismo e dos “grandes pensadores” que como Freud ou Darwin, entre outros, aproveitaban a súa autoridade científica e o seu recoñecemento social para engadir nos seus discursos teorías totalmente infundadas sobre a diferencia neuronal entre sexos (Podes ler máis sobre isto en Reflexión Crítica Frente Al Neurosexismo de Sonia Reverter-Bañón).

E dáme medo pensar que un cartaz nunha manifestación feminista puidera dicir isto.

Porque afirmar isto, non sería afirmar que hai intereses de homes e de mulleres?

E afirmar que hai intereses de homes e de mulleres non sería aceptar que hai asuntos onde as mulleres non temos que meter o nariz?

E aceptar que hai asuntos onde as mulleres non temos que meter o nariz non sería validar que hai cousas que as mulleres non somos quen de facer?

Dáme noxo pensar se será que aquel cartaz quería dicir que se non che gusta a cor rosa e che gusta a cor azul non es muller, senon home.

Como imos poder aceptar isto se pensamos que os nosos nenos e nenas deben xogar como queiran e cos xoguetes que elixan, se pensamos que os xoguetes non deben ter un sexo ao que estar dirixidos, se non dicimos aos nosos nenos “non fagas isto que é de nenas” nin ás nosas nenas “non xogues así que semellas un neno”, como poderiamos logo aceptar todo o anterior?

Teorías como a queer ou o transxenerismo defenden este tipo de ideas e estanse espallando coma a pólvora.

Claro que, facendo un estudado uso da dialéctica, non van ás súas charlas nas escolas afirmando en crú as miñas preguntas, teñen un discurso moito máis cociñado e din cousas como que hai persoas que naceron con cerebro de home e xenitales de muller, ou que naceron con cerebro de muller e xenitales de home; e que para seren felices necesitan cambiar de sexo, quen pode negar a felicidade ás outras persoas?

Pero, se os cerebros de home e muller non existen, que é o que lles pasa a estas persoas?

Isto me preguntei eu, fun buscar as súas testemuñas e, depois de escoitalas, para min queda claro que o que lles pasa a estas persoas é que sinten que non encaixan no “seu” xénero (no que se asocia socialmente ao seu sexo), ou mesmo que sinten que as veces queren facer cousas dun xénero e outras veces doutro, e este non encaixar (normal en idades temperás, no desenvolvemento infantil e na adolescencia) pode chegar a provocarlles infelicidade.

E as teorías queer e o tranxenerismo dilles a estas nenas e nenos (e tamén á adolescencia) que se non encaixan no seu xénero deben adoptar outro xénero, que deben transformar os seus corpos para encaixar no xénero (nos establecidos e nos novos que están a definir) que máis lles guste para seren felices.

Pero sendo o xénero un conxunto de estereotipos sexistas o axeitado non é cambiar ás persoas para encaixaren dentro deles senon eliminar os xéneros.

E se o problema é o xénero como vai a ser a solución crear máis xéneros?

A maiores, tentan facer crer que o que pretenden vai enfocado ás persoas con estas infelicidades e que non afectan a ninguén máis, facendo que moitas mulleres sintan que non deben preocuparse ou inmiscuirse en asuntos que non son de seu. Nada máis lonxe da realidade: reforzar os xéneros é reafirmar os estereotipos sexistas nos que debemos encaixar, eses estereotipos que como mulleres coñecemos ben e sufrimos desde que nacemos mulleres, e que, malia extistir tamén en versión masculina, teñen unha aplicación totalmente asimétrica na sociedade. E reafirmar os estereotipos sexistas é malo para a sociedade en xeral e para as mulleres en particular.

Estas teorías, que máis ben merecen o nome de doutrinas, carecen de base científica, apelan aos sentimentos e chegan vestidas dunha suposta modernidade para facer crer que son ideas progresistas, cando supón un retroceso abismal en todo o avanzado nos dereitos e recoñecementos ás mulleres.

A maiores, igual que dicía antes de Freud e Darwin, quen difunde estas teorías conseguiu nas institucións grandes prescriptores que lles dotan de recoñecemento e autoridade, conseguen chegar ás escolas e institutos das nosas crianzas e dar charlas (mesmo pagadas con cartos públicos) da man de ANPAs, Deputacións, Consellerías,..., e claro, nun entorno amigábel como é a nosa comunidade educativa e con estes prescriptores, como imos pensar que van dicir nada malo para as nosas nenas e nenos?

E así, con frases trampa, da man de quen lles dota de autoridade e recoñecemento e invadindo os nosos entornos amigabeis é como as teorías queer e o transxenerismo estánse coando nas nosas vidas, na nosa sociedade, no feminismo, e, actuando como un Cabalo de Troia, tentan cambiar os nosos principios e o rumbo das nosas prioridades.

É máis, estas teorías pseudocientíficas xa están recollidas en leis autonómicas, normas automáticas educativas e mesmo están entrando no ordenamento xurídico do Estado, que pretende aprobar a que chaman "Lei trans" en breve e adaptar todas as leis para reflectir a doctrina queer.

Por todo isto, se defendes unha sociedade sen estereotipos sexistas, se queres evitar que as doctrinar neurosexistas rixan as nosas vidas, convídote a unirte ás vindeiras mobilizacións contra as Leis Trans.