| 25 de setembro de 2021

A muller en Irán

Este artigo é escrito antes da decisión de EEUU de abandonar Afganistán e deixar a milleiros de persoas sen protección contra os talibáns. Mulleres, nenos e nenas abandonadas ás decisións dos fanáticos que sabemos todas e todos da crueldade, o odio ás mulleres, a escravitude de nenas e a violación de todos os dereitos humanos son o seu modo de vida.

Aínda que este escrito non se refire a Afganistán, si hai paralelismos con Irán, país do que trato nesta ocasión. So vou deixar unhas anotacións de aquel, dende o periodo de 1919 a 1929 á independencia do Reino Unido, e o interés democrático do reinado de Amanullah Khan que logrou a lealdade da maioría dos líderes tribales, exército, e tesorería en Kabul, producíndose grandes avances que afectaban ao país en xeral e as mulleres en particular, éstas tiñan u obxetivo de liberarse do control que exercía a familia sobre elas. Así por exemplo, creouse a primeira constitución do país no 1923, aboliuse a escravitude, creouse a educación para homes e mulleres separando relixión do estado, abolíronse os privilexios da realeza e dos líderes tribais, o que produciu un malestar de fondo que chegou ata hoxe, coa intervención de países occidentais, entre eles USA, coa excusa de levar unha moderna democracia a unha terra de costumes brutais.

Escribiu Simone de Beauvoir que bastaría cunha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres fosen cuestionados. As súas certeiras palabras seguen estando, anos despois, de actualidade. As mulleres, aínda que levamos 300 anos na loita feminista intentando rabuñar dereitos aos estados para a nosa liberación do xugo patriarcal e masculino, seguimos sendo invisibilizadas, cuestionadas, maltratadas, vendidas, violadas e asasinadas. Pasa en todas as partes do mundo, en países ricos, en países pobres, en países con distintas relixións, con distintos signos políticos, con distintas formas de goberno, en toda a faz da terra, as mulleres e as nenas seguen a ser mercadoría, moeda de cambio, man de obra esclava, sexual e son usadas como incubadoras tamén, aínda que o espellismo liberal e as comodidades que produce o capital, nos fagan crer ás que vivimos en países «ricos» que somos libres, que somos nós as que decidimos o noso destino, que eleximos onde imos e o que facemos.

Pensaba nas mulleres dun país en concreto, que tiveron ata certo punto unha esquiva, enganosa e paulatina liberdade, a partir dos anos trinta do século pasado, que se ben nunca foi total nin unha liberdade xenuina e auténtica, era aparentemente unha transición a unha apertura na vida das mulleres, ata que un suceso político, mudou os «dereitos» adiquiridos ata ese momento. Refírome a Irán, á revolución de 1979 que deu ao traste coas ilusións de autonomía e un cruento retroceso en todos os aspectos da vida, para as mulleres deste país.

Durante tres décadas, dende mediados dos trinta do século pasado, as iranianas foron adquirindo dereitos, dereitos que decidía o Estado, iso si. Todo en función do Estado, para engrandecer ó Estado, económica, social e culturalmente… e tamén como lavado de cara cara o exterior. Irán ía construíndo país con políticas influenciadas por Occidente, no seu querer parecerse ás democracias e ao progresismo económico dos países ricos, estaba disposto a que as mulleres desfrutasen dunha liberdade similar á das mulleres europeas e norteamericanas, como unha das condicións para mellorar a súa imaxe cos países aos que quería parecerse. Era o reinado de Rezah Kahn Palavhi, unha monarquía absoluta, xa que, aínda que houbo intentos dunha monarquía constitucional en Irán, a meirande parte do tempo as monaquías foron absolutas.

A monarquía de Kahn Palavhi (1925-1941) distínguese por tres decisións: as mulleres teñen que estar integradas na vida social, prohibición do velo islámico en espazos públicos, e a posibilidade de traballaren fóra da casa se o desexaban; ademais o Estado poría os medios para que así fose. Pero que as mulleres participasen na vida pública e social non quería decir que o seu papel fundamental non seguira sendo o de nais dos futuros cidadáns e boas donas, coidadoras da familia patriarcal e as responsábeis de salvagardar a honra da familia de cara a sociedade. Elas son o soporte da familia.

A autoridade relixiosa é a encargada de crear as normas de como debe ser unha familia, e que se cumplan, o control é privilexio daquela. O Estado permite que as mulleres participen da vida social, na construcción do país, na educación e no traballo, pero sometidas ás leis da familia.

En 1941 Irán foi invadido por forzas británicas e soviéticas. Intentaban asegurar os xacementos petrolíferos e o subministro para as forzas soviéticas que combatían contra as forzas do eixe na Fronte Oriental. Aínda que Irán se declaraba neutral, en realidade o monarca era afín ás potencias do eixe e nunha posterior ocupación de Irán, este foi deposto e reemplazado polo seu fillo Mohammad Reza Pahlevi 1941-1979) .(Wikipedia, invasión anglosoviética de Irán).

A nova familia real vai ser o exemplo a seguir, o Shah representa aqueles valores que teñen que ver cos homes: masculinidade, poder e xefatura familiar. A muller para el ten un papel fundamental que é o de ser nai e dona, pero poderá seguir participando da vida social, traballando, na cultura… O réxime propón para construír un modelo de muller, apoiarse en tres puntos distintos: difusión na televisión e nos medios de comunicación de imaxes de mulleres sexualizadas, a lexislación sobre a familia segue controlando a sexualidade da muller, e o Estado propón medidas emancipatorias para as mulleres. En 1963 un decreto real otorga o dereito de voto de elexibilidade ás mulleres. En setembro dese ano, as mulleres iranianas votan por primeira vez na historia de Irán, e seis son elexidas deputadas e dúas, designadas polo rei, senadoras. Tamén se legaliza o aborto.

Pero o contraditorio é que as mulleres seguen sen ter certos dereitos que deberían ser básicos, unha muller pode divorciarse pero non ten dereito á manutención, segue herdando a metade que un home e se quere, por exemplo, viaxar, ten que pedir permiso. Como di na sua tese Dª Sepideh Labani Motlagh «LOS MOVIMIENTOS DE MUJERES Y FEMINISTAS EN IRÁN, UN ANÁLISIS DESDE LA PERSPECTIVA DE LA TEORIA CRíTICA FEMINISTA»:

«Aínda que as liberdades que van adquirindo por medios oficiais fai que se abra unha fendedura para «reivindicacións feministas… que suporán novas posibilidades para as mulleres, como a constitución dun movimiento feminista autodefinido, pero por outro lado, crearán tamén limitacións e contradiccións inherentes ao proxecto de modernización nas relacións de xénero e Estado en Irán. En efecto, como sinalaron as feministas poscoloniales nas súas análises dos proxectos de modernización no Terceiro Mundo, as reformas modernizadoras de Mohamad Reza Shah crearon novas formas de control sobre a vida das mulleres e non cambiaron esta situación paradóxica. Seguían creando exclusións e conflitos identitarios e sociais».

As clases medias tradicionais eran excluídas por motivos culturais e as clases desfavorecidas o eran por motivos económicos. Aínda traballando fóra da casa e sendo as serventas das clases altas, ou en fábricas, non tiñan recursos para beneficiarse das vantaxes das mulleres de clase alta. Estas vivían en barrios ricos e modernos, vestían e vivían como as occidentais, consumían, ían de festa, a restaurantes e de compras, viaxaban , veraneaban; na praia usaban bañador e bikini, consumían cultura occidental e tiñan servizo que cuidaba das súas crianzas e das tarefas da casa.

Mentres, as mulleres de clase media apenas saían á rúa e tiñan que vestir un «chador» cando saían para reunións familiares ou actos relixiosos ou a baños públicos con outras mulleres. Estas mulleres encargábanse das tarefas domésticas, cuidados e organización de festas ou rituais relixiosos nos seus núcleos familiares. Separadas por sexo en espazos distintos ou usando o «hijab» en presenza de homes da familia.

As mulleres de clase media e baixa vivían segundo valores tradicionais, pero as mulleres de clase baixa tiveron que saír a traballar para axudar na economía familiar. Isto permitiulles estar en contacto cos novos valores e estilos de vida asociados á modernidade, movíanse en espazos onde había máis mezcla de sexos e segundo sinala Kian-Thiébaut, tiñan unha mente máis aberta á mestura de sexos e estaban moi valoradas como nais e traballadoras. Numerosas autoras, como Kian-Thiébaut, Najmabadi o Adelkhah, sosteñen que as reformas modernizadoras en realidade tiveron pouco impacto sobre os valores, os estilos de vida e as oportunidades das mulleres dos ámbitos tradicionáis, de clase media ou máis pobres. Labani_Motlagh Sepideh.

A estas mulleres non chegaba a información sobre os dereitos que proporcionaba o Estado e por outro lado, si aceptaban os novos dereitos, entendíase como que estaban a favor do réxime contra o que cada vez estaba peor visto e máis en desacordo co mesmo, e deixando por outra banda abandoadas prácticas e crenzas relixiosas que socialmente estaban moi valorizadas. Pero tamén había contradiccións respecto ás mulleres de clase alta. Así como o Estado permitíalles ir a universidade, ter un empleo asalariado, e ir conseguindo novos dereitos, o obxetivo non era a liberación da muller, igualdade entre homes e mulleres, senón unhas novas mulleres afíns ao Estado. Os roles de xénero non mudaran, aínda que elas aportaran a economía familiar, seguíanas vendo como inferiores, controladas polos homes e o principal era que cumpliran co seu rol doméstico. Como sinala Adelkhah, «a actitude das mulleres dos devanditos ámbitos socioculturais tampouco era moi clara con respecto aos valores da modernización a pesar da educación, da integración no traballo asalariado, as súas posturas fronte ao matrimonio e á maternidade.»

Nos anos 60-70 o Sha de Persia, acumula máis poder… mentres por unha parte intenta secularizar e modernizar o país, pola outra comeza un control férreo das libertades políticas, creando una policía secreta: a SAVAK. Vai levar a termo nestes anos a chamada «Revolución Branca»: reformas sociais, económicas e culturais e unha reforma agraria que provoca un éxodo rural e a desesabilización do réxime feudal no campo.

Coa prosperidade do país grazas ao petróleo, a xuventude comeza a diferenciarse dos pais tanto en mentalidade como en educación. Mocidade con estudos e fillas e fillos dunha clase media que se enriqueceu con negocios relacionados co petróleo; a clase alta máis rica e máis alonxada da realidade das clases populares. Paralelamente vai xurdindo unha nova oposición ao poder de ideoloxías de extrema esquerda, marxismo e islamismo. Pero no ano 1976 prodúcese unha grande crise económica e cada vez Irán vai depender máis de forzas estranxeiras, o que provocará protestas e máis represión por parte do poder. Máis autoritarismo e un enorme despilfarro van provocar que as forzas opositoras e a xuventude preparada empecen a organizarse e levar a cabo protestas, comenzando a xurdir unha mentalidade nacionalista e antioccidentalista cunha crítica á mala xestión económica e falta de liberdades.

Todo isto levou á Revolución de Irán en 1979. O Sha fuxiu do país e Jomeini, que estaba exiliado en Francia, voltou como xefe supremo para liderar o novo rumbo do Estado, e case sen darse conta, os cambios sucedéronse dun xeito vertixinoso, no que ás mulleres se refire polo menos. Mulleres que tamén loitaron pola liberación do país de mans estranxeiras, mulleres que loitaron e saíron nas marchas e nas concentracións; que sufriron as consecuencias e a represión por oporse ao réxime como os demáis cidadáns, estaban a punto de ver como o país mudaba coa súa participación tamén, neste soño nacionalista e de liberación, unha nova vida nun escenario propio.

Unha das miñas entrevistadas, quen na época da revolución era estudante, tiña 19 anos e formaba parte de grupos de esquerdas : «o que sentín neste momento era alegría e felicidade… Unidade nacional e o feito de que conseguísemos botar o Shah, ao ditador… Tiñamos a sensación de participar na construción dun novo país, un país libre. A sensación de que iamos establecer unha democracia e cambiar as mentalidades, mellorar a cultura… A ilusión caeu moi rapidamente».

Laleh, escritora e pintora, compárao co sentimento do amor: «sabes, era como estar namorado, cando te entregas por completo e estás disposta a dalo todo por amor. O amor conleva unha parte de incógnita e de cegueira. Cando te namoras de alguén, pode ser que os demais che digan: ‘pero este é moi feo, ou é moi malo, ou é un parvo, como podes namorarche deste tipo?’ Pero ti contéstaslles: ‘xa o sei, pero quérolle’. É dicir, é realmente difícil explicar por que. Así eramos os mozos que participamos na revolución: namorados dun gran movemento, namorados do feito de darlle un sentido ás nosas vidas… Queriamos deixar a nosa pegada na historia». Labani_Motlagh_Sepideh.

Máis de 100.000 mulleres reclamaron o 8 de marzo de 1979 contra o código de vestimenta que as obrigaba a usar o hiyab.

Os acontecementos sucedéronse a unha velocidade vertixinosa:

  • O 1 de abril de 1979 Irán converteuse nunha república…pouco a pouco os dereitos das mulleres comezaron a ser reprimidos e eliminados.
  • 26 de febreiro de 1979, Jomeini anuncióu que a lei de protección de familia ía ser derogada.
  • 27 de febreiro, revogouse a lei de servicios sociais para mulleres.
  • 28 de febreiro, a discriminación de xénero extendeuse ó ámbito deportivo, os torneos atléticos femeninos foron cancelados.
  • 2 de marzo de 1979, prohíbese as mulleres ocupar cargos xudiciais. Centos de xuízas e pasantes xurídicas quedaron nun limbo laboral.
  • 4 de marzo, otorgouse o dereito o divorcio exclusivamente aos homes.
  • 7 de marzo, Jomeini emitiu unha fatua sobre o velo obrigatorio, esixindo ás mulleres que traballaban en oficinas gubernamentais a cubrir o pelo no traballo.
  • 22 de maio de 1979, primeira vez que unha muller foi azotada en público.
  • 12 de xullo de 1979, primeira vez que tres mulleres foron executadas baixo o cargo de cometer vicio.
  • 29 de xuño de 1980, primeira vez que dúas mulleres foron apedreadas ata a a morte en kerman, sur de Irán.
  • Finais de 1981, a segregación de xénero implementouse no transporte público, centros recreativos, na costa e outras áreas públicas.
  • No 1988 según o artigo 1041 do Código Civil reformado o 5 de novembro de 1991: o matrimonio de nenas antes dos 13 anos solares e de nenos antes dos 15 está condicionado ao permiso do tutor a condición de que un tribunal cualificado o considere oportuno.
  • O artigo 102 da lei de Castigos ratificada en 1983, as mulleres que se presentan en público e na rúa sin velo relixioso son castigadas con 74 latigazos.
  • O artigo 8 da Constitución dos mulás institucionalizaron o deber de «promover a virtude e prohibir o vicio» en 2010 o presidente dos mulás puxo maior énfase nesta lei completándoa con outro proxecto de lei, para difundir a cultura da castidade e o hijab. En 2012 o réxime implementou un amplo plan en todas as universidades, designando cuotas de xénero para a admisión de estudantes mulleres. Segundo este plan ás mulleres en 77 campos de estudo prohibíuselles por completo solicitar unha licenciatura.

Hoxe en día: ser muller en Irán

As mulleres poden conducir, ter seu negocio, e ter unha vida case normal dentro da súa casa e ir a universidade. Segue a existir segregación por sexos na rúa, nos autobuses, nas praias e piscinas e nas celebracións.

A lei segue estando totalmente a favor dos homes, que poden decidir que facer con unha muller apoiados por normas misóxinas , machistas e de revancha por ciúmes, ou calquera outro motivo que eles consideren e que seguen vixentes. O velo é obrigatorio na rúa, pero cada vez máis mulleres desafían ás autoridades e ás normas nas grandes cidades. O máis normal é ver ás mozas con roupa informal e moderna «É a mellor maneira que temos de rexeitar a este réxime de mulás», cóntanos Shirin, unha estudante de 22 anos que non ten ningún inconveniente en falar cun home non musulmán estranxeiro que a aborda en plena rúa. A premio nobel Shrin Ebadi alegou na BBC que «o Goberno quería restrinxir o acceso ás mulleres á universidade para que deixen de ser activas na sociedade e para que volvan ao fogar». Vaise a unha involución? Fonte, El Diario.es

Pero a presenza das mulleres en todas as esferas na vida social é cada vez maior, están conseguindo lidar coas autoridades, derribar algunhas barreiras e están moi preparadas intelectualmente. De feito son maioría nas universidades e, polo tanto, cada vez únense máis en grupos feministas para reivindicar os seus dereitos, aínda moi soterrados pola tradición islámica.

Non podemos deixar de seguir alerta, como dicía Beauvoir.