| 19 de decembro de 2021

España, a galiña dos ovos de ouro

España é un país solidario. Segundo un artigo da propia web da Moncloa, “España mantense en 2020, e xa son 29 anos de maneira consecutiva, como líder mundial en doazón”.

Falamos aquí da doazón de órganos, suposto que algúns comparan erroneamente coa doazón de gametos.

Fóra dos aspectos médicos e técnicos, a principal diferenza que atopamos entre ambas é a propia lexislación española que con respecto á doazón de órganos dita que “Respectaranse os principios de voluntariedade, altruísmo, confidencialidade, ausencia de ánimo de lucro e gratuidade, de forma que non sexa posible obter compensación económica nin de ningún outro tipo pola doazón de ningunha parte do corpo humano”.

A lei que regula a doazón de gametos tamén alude ao altruísmo e o anonimato da doante pero especifica o seguinte: "A doazón nunca terá carácter lucrativo ou comercial. A compensación económica por resarcimento que se poida fixar só poderá compensar estritamente as molestias físicas e os gastos de desprazamento e laborais que se poidan derivar da doazón e non poderá supoñer incentivo económico para esta".

Estamos a falar neste caso da existencia dunha compensación económica 'polas molestias'. Seica non hai molestias cando se doa un ril? Non supón unha contradición falar de altruísmo e, ao mesmo tempo, falar de compensación económica?

Falemos de Cifras

A contía da 'compensación' oscila entre 800 e 1000€ e vén marcada polo Ministerio de Sanidade e Consumo.

Se saímos deste Ministerio para entrar no Ministerio de Traballo atopámonos con que o Salario Mínimo Interprofesional é de 965€.

E, por último, un terceiro dato, o INE constata que as mulleres traballan máis en sectores peor pagos e tamén teñen máis contratos a tempo parcial e temporal con respecto aos homes. Ademais do sexo, hai que ter en conta o factor da idade, onde se atopa máis precariedade laboral canto menor é a idade da persoa traballadora.

Como conclusión obtemos que as mulleres novas son as máis precarias, circunstancia que as coloca nunha situación de especial vulnerabilidade.

Con este caldo de cultivo non é moi difícil de entender que unha muller nova (e fértil) precarizada expóñase a exercer o seu ‘altruísmo innato’ coas súas conxéneres doando óvulos cunha compensación polas molestias superior ao seu propio salario, e que probablemente nin se exporía a unha doazón solidaria real. Imaxinemos ademais a tentación que supón esa cantidade de diñeiro para unha universitaria, un dos principais obxectivos de captación de doantes das clínicas privadas que non dubidan en propagar a ovodoazón nos taboleiros de anuncios das facultades.

As mulleres somos heroínas, as mulleres axudámonos entre nós, as mulleres somos imparables. Con este tipo de frases é como conseguen captarnos apelando a esa suposta xenerosidade innata tan feminina, tan nosa. E é tanta a nosa xenerosidade, que poñemos en risco a nosa propia saúde para realizar actos de verdadeiro amor por xente á que xamais coñeceremos. O que nos leva ao seguinte punto.

Falemos de Ética

Existe en España un debate con respecto ao anonimato das doantes de óvulos. Actualmente a lei garante a confidencialidade da identidade da doante salvo caso de grave perigo para vida da criatura nada a través deste procedemento.

Tanto pais como fillos, poderán obter información xeral da doante se así o solicitasen. Non obstante, a decisión de comunicarlle ao fillo a súa procedencia queda suxeita exclusivamente á decisión dos pais. Desta forma podemos atoparnos con casos non pouco habituais de fillos que ignoran completamente a súa identidade, o que podería supoñer unha vulneración dos seus dereitos fundamentais.

A Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989 dedicou o artigo 8 especificamente a estes dereitos:

  1. Os Estados Partes comprométense a respectar o dereito do neno para preservar a súa identidade, incluídos a nacionalidade, o nome e as relacións familiares de conformidade coa lei sen inxerencias ilícitas.
  2. Cando un neno sexa privado ilegalmente dalgúns dos elementos da súa identidade ou de todos eles, os Estados Partes deberán prestar a asistencia e protección apropiadas con miras a restablecer rapidamente a súa identidade.

España atópase entre os países asinantes da devandita Convención tal e como aparece publicado no BOE con data de 31 de decembro de 1990.

A primeira lei en España sobre Reprodución Asistida data do ano 1988, e nela xa se especifica que se trata dunha doazón anónima que quedará custodiada no Rexistro Nacional de Doantes e que os fillos só poderán obter datos de carácter xeral. Podemos, pois pensar nun exercicio de inocencia, que promulgaron a lei en 1988, asinaron a Convención en 1990 e despois de avaliar os conflitos frontais que había entre ámbolos documentos, rectificaron.

Non foi así. A lei volveuse revisar no ano 2006 e nela ratifican case punto por punto o xa especificado na anterior engadindo, ademais, o famoso carácter retributivo da doazón.

En 2020 a postura do Comité de Bioética de España deu un xiro radical e recomendou modificar o artigo 5.5 da Lei de Reprodución Asistida para recoñecer aos nados mediante esta técnica o seu dereito a coñecer as súas orixes.

Non obstante, esta recomendación sería sen efecto retroactivo, o que abriría unha brecha entre os fillos nados por ovodoazón; uns terían dereito a coñecer a súa identidade e outros, nados antes da posible modificación, non.

Isto se os pais deciden comunicar aos seus fillos as circunstancias da súa concepción xa que, como se expuxo neste artigo, queda ao seu criterio persoal.

Podemos predicir o rumbo que tomará este criterio segundo os datos dun estudo que afirma que máis da metade dos proxenitores de fillos nados grazas a doantes anónimos non lles revelarán a estes a súa orixe.

O anonimato na ovodoazón é un tema espiñento. Desde as clínicas expoñen o medo a que unha doazón non confidencial faría que o número de doantes baixase substancialmente. Os seus temores non son infundados xa que precisamente iso é o que pasou no Reino Unido, que se viu obrigado a importar material xenético doutros países para cubrir a demanda.

Sen anonimato garantido e sen diñeiro polo medio, non haberá doantes.

Falemos de Negocio

España sitúase no segundo posto como exportador de óvulos a nivel mundial unicamente superado polos Estados Unidos. Esta industria move aproximadamente 600 millóns de euros ao ano e a súa tendencia é á alza.

Calcúlase que unha clínica especializada en fertilidade pode chegar a cobrar ata 10.000€ por unha fecundación in vitro por ovodoazón e, segundo a embrióloga Rocío Núñez Calonge, inviste uns 3.000€ en extraer óvulos da doante.

Cunha lei tan permisiva como a nosa (e a palabra ‘permisiva’ utilízana as propias clínicas de fertilidade e diferentes organizacións favorables á ovodonación) España converteuse nun paraíso reprodutivo. Isto quere dicir que somos destino turístico reprodutivo para mulleres procedentes de países cunha lei máis restritiva. Calcúlase que un terzo dos óvulos doados en España son destinados a mulleres estranxeiras.

O mercado de óvulos nútrese, por unha banda de mulleres en situación de precariedade económica ás que manipulan para que pensen que están a gañar diñeiro axudando a outras mulleres para cumprir o seu desexo de ser nais e, doutra banda de mulleres con baixa ou nula fertilidade que teñen o desexo de ser nais custe o que custe.

Cando digo custe o que custe, non me refiro soamente a comprar óvulos alleos para o útero da compradora, senón tamén á posibilidade de implantalos noutra muller alugando o seu ventre. É importante sinalar que a industria de compravenda de óvulos está estreitamente relacionada coa dos ventres de alugueiro.

Toda esta información óbviase cando tratan coa doante e ao non ter por que informala, tampouco teñen por que pedirlle permiso. Así, unha industria que afirma que somos heroínas e axudámonos entre nós, en realidade o que fai é que nos explotemos a nós mesmas e mesmo axudemos a explotar a outras nunha industria millonaria que se nutre de dispoñer e comerciar cos corpos das mulleres.

Mentres nós somos altruístas e coidamos, eles fan negocios millonarios nunha industria desapiadada.

Fontes consultadas: