| 4 de enero de 2022

A realidade das mulleres en tempos pándemicos e pospandémicos

Cronoloxía dunha pandemia

O 31 de decembro de 2019 detéctanse en Wuhan algúns casos de neumonía, o virus que a causa aínda é un descoñecido. O 11 de xaneiro de 2020 a Comisión de Saúde Municipal de Wuhan anuncia a primeira morte provocada por coronavirus. A partires de aquí a enfermidade traspasa as fronteiras de China deica Tailandia, Xapón, EEUU, Francia… O 30 de xaneiro dese mesmo ano a OMS declara o coronavirus como emerxencia internacional en materia de saúde pública. O 5 de febreiro o coronavirus xa se cobrara 500 vidas, dentro e fóra de China. O 11 de febreiro, con máis de mil mortos, o coronavirus é bautizado pola OMS como actualmente todos e todas o coñecemos: covid-19. O 25 de febreiro o bloqueo chega a Italia, a rexión de Lombardía, o 8 de marzo o movemento en 14 provincias italianas está restrinxido para case 10 millóns de persoas. O 11 de marzo de 2020 a OMS declara que o novo brote de coronavirus é unha pandemia mundial. Os gastos dos Estados chegan a límites históricos (2 billóns por exemplo en EEUU) e ata se chega a pedir, o 23 de marzo, un alto ao fogo inmediato a nivel mundial. O egoísmo sigue campando as súas anchas, as guerras proseguen ao igual que os conflitos e o, en aquel momento, presidente de EEUU, Donald Trump, suspende os fondos de axuda humanitaria para a OMS (14 de abril). O 4 de maio os líderes mundiais organizados a través da UE comprométense a establecer un gasto de 8.000 millóns para o diagnóstico, tratamento e investigación da covid-19 (CNN Español, 14 maio 2020).

No caso de España o primeiro caso diagnosticado foi o 31 de xaneiro, na illa de La Gomera, non foi ata o 24 de febreiro que o virus chegou a península. O sábado 20 de marzo entra en vigor o Real Decreto que aproba o estado de alarma en todo o país, para o 23 dese mesmo mes as cifras de contaxios rozan os 14.000, afectando sobre todo a Comunidade de Madrid. Tal e como puidemos ver, os números fálannos de cifras moito mais elevadas co paso do tempo xa que Madrid segue á cabeceira con 68.852 casos, e Galicia ocupa o posto 8 con 9129 persoas contaxiadas (Arroyo, 23 marzo 2020). Pode dicirse que se nos trasladamos a ese primeiro caso de coronavirus en Wuhan ninguén podería ter imaxinado que, uns meses máis tarde, a enfermidade tería levado ao peche de fronteiras, o confinamento, e ao contaxio de mais de 5 millóns e medio de persoas en España, máis de 91 millóns en Europa e case 271 millóns no mundo (Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, consultado 21 decembro 2021).

Pandemia e violencia contra as mulleres

"“Tras os peores meses da pandemia, é posible que España se atope á fronte dun repunte de asasinatos e violencia de xénero” (Feriás, s.f.).

“O Ministerio de Igualdade rexistra un aumento do 61,5% nas peticións de axuda aos servizos de asistencia a vítimas de violencia de xénero durante o estado de alarma” (López, 20 maio 2020, párr. 1)

Unha vez realizada esta pequena introdución sobre a cronoloxía da pandemia por covid-19, falaremos sobre a posición que ocuparon as mulleres ao longo deste tempo. Que nos din os datos e como debemos de interpretar devanditas cifras. A opresión das mulleres deixou, durante esta etapa pandémica, innumerables probas que confirman o que xa sabíamos, seguimos na inmanencia como diría Simone de Beauvoir “só se lle permitiu ao masculino o aceso ao estatus de suxeito e de liberdade” (López, 2010, p.140). Seguimos a sufrir o ostracismo, e a invisibilización dos problemas que nos afectan ante a inacción, cando non cooperación, das institucións e organismos supranacionais.

“A escala mundial, incluso antes de que comezara a pandemia de covid-19, unha de cada tres mulleres sufría violencia física ou sexual, na súa maioría por parte da súa parella. Dendeque se desatou a pandemia, os novos datos indican que en moitos países se incrementaron aschamadas ás liñas de atención de casos de violencia no fogar”. (ONU MULLERES, 21 de decembro 2021, párr. 6-7)

A cuestión sanitaria ocupou toda a atención mediática e tamén levou consigo os recursos dos que os Estados dispoñían, pasando incluso por encima de cuestións dedicadas á protección das mulleres da violencia que contra elas se exerce; “nalgúns países, os esforzos e os recursos que se empregaban para dar resposta á violencia contras as mulleres destináronse a brindar alivio inmediato aos efectos da covid-19” (ONU MULLERES, 21 de decembro 2021, parágrafo. 10). Neste artigo repasaranse aqueles eidos que, en relación cas mulleres, se viron esquecidos durante este tempo, así como os efectos que este esquecemento produciu. Falarase, pois, sobre a violencia obstétrica acaecida durante este tempo, así como da violencia de xénero e o terrorismo machista (acoso, violencia física e psicolóxica e feminicidios), a situación laboral de ambos sexos e os efectos desta diferente situación, e a desigual distribución do traballo doméstico xunto coa carga da reprodución e mantemento do fogar -nun contexto tan excepcional coma este-.

O Secretario Xeral da ONU afirma que o confinamento e a cuarentena poden implicar que as mulleres se vexan atrapadas con parellas abusivas. As medidas de prevención dos contaxios, pois, aínda que mitigan a propagación da covid-19, exacerban a violencia tanto contra as mulleres como contra as nenas. As vítimas atópanse encerradas contra a súa vontade cos seus agresores e teñen unha limitación moi grande á hora de saír dos seus fogares en busca de axuda. Por mor disto as chamadas ás liñas de axuda, ás webs ou ás direccións de correo ascenderon -entre o 14 de marzo e o 15 de maio- a 18.700 peticións de axuda, o que supón un incremento do 61,5% -do ano 2020 ao 2019-. Falando agora dos datos disgregados, no tocante só das chamadas ao 016 pódese confirmar que se incrementaron un 44% con 16.518 chamadas. No referido as consultas vía correo electrónico aumentaron un 460%, de 90 en 2019 a 504 en 2020 (só en dous meses). Que nos din estas cifras? As mulleres non tiñan tempo para chamar? Ou é que ao vivir permanentemente co seu agresor víanse impedidas á hora de establecer un contacto directo coas liñas de axuda? Falar, por último, dun novo servizo incorporado este ano: a atención a través de WhatsApp. Este novo elemento de axuda recibiu entre o 14 de marzo e o 15 de maio de 2020 1.678 consultas. Esta realidade ven acompañada dun dato moi significativo e digno de mencionar: ata o 31 de marzo do ano pasado había 30.103 mulleres con protección policial por risco apreciado (Nota: cantas habería sen risco apreciado, canto aumentarían as cifras que observamos?). Estes datos poden ser o efecto dun illamento das mulleres con homes violentos, separándoas así da súas redes de apoio e dos recursos dos que poden botar man para que as axuden -tal e como declaraba a ONU- (López, 20 maio 2020).

Estas cifran deberían de facer reflexionar ás institucións pertinentes e non só ao Ministerio de Igualdade, xa que a saúde física e mental destas mulleres estaba e continúa estando en risco, “a violencia non é só a física, senón tamén a psicolóxica, e agora mesmo isto pode levar a unha situación aínda máis límite” (López, 21 de marzo 2020, parágrafo 8). Tal e como sinala a investigadora Laura Otero a atención ao coronavirus provocou que se esquecesen outros problemas como a violencia contra as mulleres, que está completamente desatendida xa que non é considerada vital dende a óptica biomédica (López, 21 de marzo 2020).

Para continuar, falar sobre un dos grandes apoios do sistema para detectar e intervir en casos de maltrato: o sistema de saúde -como se estableceu na lei 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero-. Neses momentos, o sistema sanitario, atopábase totalmente colapsado e, dende as propias institucións, se invitaba a non acudir ao médico a non ser unha situación de extrema necesidade; como ía unha muller pedir unha cita para unha revisión e así comunicar ao persoal sanitario a súa situación, ou a dos seus fillos e fillas cando llo prohibían desde as mesmas institucións sanitarias e gobernamentais? E, que mulleres se ven mais afectadas? Pois, seguindo os datos da ONU que poden verse na seguinte imaxe, estas son: as máis novas -entre 18 e 29 anos sendo un 48% das afectadas-, aquelas que teñen fillos -unha de cada dúas mulleres sufriron ou coñecen casos de violencia-as que están desempregadas -cun 52% fronte a un 43% das empregadas- e as mulleres que viven en zonas rurais -un 44% síntese menos segura ao camiñar soa pola noite fronte a un 39% en zonas urbanas- (ONUMUJERES).

Imaxe 1: Que mulleres se viron máis afectadas?

Fonte: ONUMUJERES

Como víñamos vendo a violencia contra as mulleres aumentou desde a pandemia. Un 45% de mulleres reportan que elas, ou algunha coñecida, sufriron situacións de violencia desde a pandemia de covid-19, un 65% afirma sufrila na súa vida persoal. Por outra beira, 4 de cada 10 mulleres din sentirse menos seguras en espazos públicos, 1 de cada 5 durante o día e 1 de cada 2 durante a noite. 1 de cada catro mulleres di que os conflitos no fogar se volveron máis frecuentes e que se senten menos seguras nas súas casas. 7 de cada 10 cren que a violencia psicolóxica se volveu máis común por parte das súas parellas e 3 de cada 10 pensan que a violencia contra as mulleres se incrementou dende o inicio da pandemia.

Imaxe 2: Desde a pandemia a violencia contra as mulleres aumentou

No tocante á cuestión do emprego falar sobre a investigación de Vives-Cases e os seus compañeiros e compañeiras, no artigo Intimate Partner Violence against Women during the COVID-19 Lockdown in Spain (2021) onde se descubriu unha relación estatística significativa entre as provincias con máis desemprego masculino e o incremento, nesas mesmas, das chamadas ao 016 e das peticións de protección, ademais nestes territorios foi onde houberon vítimas mortais durante a pandemia. Outra realidade que nos debería facer reflexionar é que durante os meses de confinamento rexistrouse a taxa mais alta de chamadas ao 016, mentres que as ordes de protección e as denuncias policiais, así como os feminicidios, minguaron. Unha vez finalizado o primeiro estado de alarma os indicadores revertéronse sendo menos as chamadas e mais significativas as outras variables.

No momento no que deixan de estar confinadas co seu agresor e deciden rebelarse, hai un factor de risco importante. É aí onde non se está traballando o suficiente no sentido de que non se están dando as medidas de protección que se requiren (Fariás, 2 agosto 2021, párr. 9).

Á luz destes datos non podemos dicir que a xestión institucional da situación das mulleres no relacionado coa violencia sexista e o terrorismo machista sexa boa, mais si que existen varias dirección e regulamentos aos que acudir en caso de vivires nesta circunstancia. A nivel nacional o documento de referencia para as mulleres vítimas de violencia durante o estado de alarma é a seguinte: (https://violenciagenero.igualdad.gob.es/informacionUtil/covid19/home.htm)

No caso de Galicia tamén existe un protocolo específico que ignoro se chegou ou non a aplicarse, xa que iso requiriría unha investigación por si só, de todos os xeitos poden consultarse no seguinte enlace as medidas que pretendían levarse a cabo: (https://violenciagenero.igualdad.gob.es/informacionUtil/recursos/estadoAlarma/docs/ravg_GAL.pdf).

Maternidade e parto: mulleres, hospitais e pandemia por covid-19

Como foi o proceso de xerar vida durante a pandemia? Que violencias asociadas, ademais das que xa coñecemos, tiveron que superar as mulleres embarazadas e que tiveron que dar a luz durante o estado de alarma ou durante a pandemia por covid-19? Moitas mulleres non puideron vivir plenamente o momento do parto ou dos primeiros contactos pel con pel a raíz da situación provocada pola pandemia.

As novas nais e os recentemente nados serán recibidos por unha crúa realidade, segundo UNICEF, e deberán enfrontarse a medidas de contención a nivel mundial, como os illamentos e os toques de queda; o desbordamento dos centros de saúde debido á resposta á enfermidade; a escaseza de equipos e suministros; e unha falta de parteiras cualificadas, xa que os traballadores sanitarios, incluídas as matronas, están sendo recolocados para tratar aos pacientes con COVID-19 (Sidhu, 7 maio 2020, párr. 2).

            

Unha das recomendacións é asistir soa as citas médicas -cando non se poden realizar por teléfono -citas que antes eran sempre persoais- e incluso algunhas mulleres se viron obrigadas a dar a luz sen as súas parellas ou achegados/as, estando as visitas completamente prohibidas.

A muller ingresa nunha planta COVID e non pode estar acompañada nin no parto nin no postparto. E nalgúns centros ata se fai unha cesárea á muller que dá positivo, sen maior indicación clínica. É algo realmente grave que non ten xustificación. (Oliver, 14 marzo 2021, párr. 10)

Fronte a esta realidade hai profesionais que afirman que o parto se debe de asistir do mesmo xeito e cos mesmos protocolos xa que o persoal ten que levar un equipo adecuado para a súa protección e a dos/as pacientes. Non existen evidencias, din, para que non se poida acompañar á nai no parto ou nas visitas xinecolóxicas -independentemente do estado da PCR-; e moito menos que unha nai positiva se teña que someter por protocolo a unha cesárea innecesaria (Oliver, 14 de marzo 2021). Con todo iso, instábase a retrasar o máximo posible a chegada ao centro sanitario polo que nos atopamos relatos como o seguinte:

"Pedín a epidural, pero xa era demasiado tarde; si chego a tardar un pouco máis, teño á miña filla en casa. Tocoume dar a luz como facían as nosas nais, unha experiencia complicada, pero, a pesar da dor tan grande, todo saíu moi ben". (Villegas, 27 marzo 2020, parágrafo 3)

Neste novo mundo as nais temen ir aos centros de saúde, tanto por medo a infectarse como por non poden recibir coidados de urxencia debido á sobrecarga dos servizos e os illamentos. Está claro que a pandemia do coronavirus transformou, dun xeito ou outro, a maternidade e a maneira de vivir varios dos procesos que esta implica (Sidhu, 7 maio 2020). Os efectos non son só físicos, pola imposibilidade de saír a camiñar ou facer exercicio -debido ao confinamento- senón tamén sociais -imposibilidade de estar en contacto cos teus seres queridos ou coas túas redes de apoio- e emocionais -ansiedade ou estrés provocados pola intranquilidade ou a incerteza-. Por outra beira, no momento do parto “non poder ver ben ao seu fillo e non poder bicalo a el ou á súa parella. No aspecto emocional o parto sería diferente noutras circunstancias. Poder bicarnos, vernos as caras nese momento... Apéname un pouco ese recordo” (Oliver, 14 marzo 2021, párr. 4). No relacionado co tema da máscara expor aqueles argumentos en contra do seu uso á hora do parto. Seguindo as palabras da matrona, e autora de Guía para un embarazo consciente, Laia Casadevall a máscara pode ser molesta xa que limita a comunicación e é unha forma máis de medicalizar o parto, asociándose con sensacións de claustrofobia e falta de osíxeno. Ademais levala por períodos longos de tempo pode dificultar o intercambio de gases en situacións de esforzo o que pode ter unha repercusión directa para o bebé. Tendo en conta estes motivos o Royal College of Midwives emitiu, en xullo de 2020, un comunicado en contra do uso xeneralizado durante o parto da máscara (Oliver, 14 de marzo 2021).

Unha das solucións propostas ante esta circunstancia é facilitar que o persoal sanitario chegue ás mulleres embarazadas a través de redes de visita a domicilio e que se innoven estratexias de saúde móbiles que faciliten as consultas a distancia. Algunhas voces propoñen, tamén, os fogares maternos de espera -sobre todo para países en vías de desenvolvemento- xa que contribúen a salvar a vida de mulleres e nenos recentemente nados, facilitando o aceso a un parto limpo e con persoal capacitado. Tendemos a ver a realidade dende o máis próximo pero é imprescindible ver máis alá das nosas fronteiras e pensar como se está xestionando a maternidade e o embarazo, así como o parto, en outros lugares do globo onde os recursos son moito máis limitados. Por esta razón pódese consultar no enlace que aparece a continuación un artigo que trata sobre a os efectos indirectos da pandemia de COVID-19 na mortalidade materna e infantil en países de ingresos baixos e medios (file:///C:/Users/Usuario/Downloads/UNI328995.pdf)

Por último, falar sobre os e as profesionais da saúde. Contaxiáronse, si, pero quen? Do total de contaxios un 16,3% corresponde a persoal sanitario. De ese 16,3% do total poblacional que representan os e as profesionais da saúde un 76,2% son mulleres, fronte a un 23,8% de homes; segundo a Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE). Seguindo os datos, para España, expostos polo INE o número de empregados nesta rama é de 852.481, dos cales un 68% son mulleres. Se nos vamos algo mais lonxe, as cifras calculadas pola ONU din que o 70% do persoal sanitario so mundo son mulleres, superando -na maioría das rexións- o 80% no colectivo de enfermería. Concretamente, o persoal de enfermería, foi o mais afectado polos contaxios e a razón é que non só traballa en centros de saúde, está en moitos máis ámbitos como as residencias de maiores ou a atención a domicilio. Dende a plataforma de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE) reivindícase a prioridade a médicos/as e enfermeiras antes que ao persoal auxiliar, cando, din, son os que máis tempo pasan co paciente, realizan tarefas de coidado continuo como a hixiene a roupa de cama, o estado da pel, etc. (López, 11 maio 2020).

Por todo o exposto debemos de reflexionar: víronse as mulleres igual de afectadas pola pandemia que os homes? E, porque razóns? En que eidos? Contra quen se exerce a violencia física, psicolóxica, institucional e simbólica? Quen estivo ao pé do canon? E, cales foron as consecuencias? É, isto tamén... unha cuestión de sexo?

Fontes consultadas: