Skip navigation

A coeducación secuestrada: transxenerismo e protocolos educativos

 1 de Feb de 2022

Na loita por acadar unha sociedade libre de discriminación por razón de sexo sabemos que a coeducación é o principal instrumento para acadar o cambio social e así reflíctese en numerosos textos normativos dende a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero ata a actual Lei Orgánica 3/2020 pola que se modifica la Lei Orgánica 2/2006 de Educación. Este artigo faise eco da preocupación polo benestar e os dereitos da poboación menor xa manifestada pola organización británica Safe Schools Alliance, a organización internacional Transgender Trend así como, no territorio estatal, pola plataforma educativa Docentes Feministas por la Coeducación. Estas organizacións están a alertar sobre a utilización dos sistemas educativos, ao longo de todo o mundo, para introducir a ideoloxía transxenerista vulnerando o libre desenvolvemento da infancia e opoñéndose aos obxectivos da coeducación.

Coeducar consiste en encamiñar a educación cara a eliminación de barreiras que impiden e restrinxen a igualdade de oportunidades das mulleres respecto aos homes por razón de sexo. Denunciamos que os recursos necesarios para implementar as reformas que permitiríanos acadar a escola coeducativa (reforma do currículum, sensibilización de todos os actores educativos na violencia cara a muller, desenvolvemento de programas contra a violencia cara a muller e de igualdade entre mulleres e homes....) están a ser redirixidos para instaurar nas nosas escolas a ideoloxía transxenerista. Resulta doado comprobar como os sindicatos e os cursos de formación do profesorado están a substituír o termo “coeducación” por “diversidade”, ou ben conservan o nome, pero non os seus contidos. Estase a baleirar de contido o termo coeducación e utilizándoo para acadar intereses contrarios á igualdade real entre mulleres e homes.

Os esforzos dirixidos a loitar contra a discriminación das nenas e mulleres, baseados no movemento feminista, os seus 300 anos de historia e no impacto positivo deste movemento para mellorar a situación das mulleres en todos os países do mundo; están a ser desviados para impoñer ideas posmodernistas que falan do sexo como un “espectro” e da existencia de nenas e nenos en “corpos equivocados”. Unha ideoloxía que atopa na mutilación dos corpos de menores, a vía para poñer fin a problemas derivados da sociedade sexista.

Por outra banda, debemos destacar que a obxección por parte das docente a formarse ou abrir protocolos trans, así como reflexionar sobre o xénero como ferramenta patriarcal a abolir co alumnado; considérase transfobia e, co avance da “Lei Trans”, delito de odio. Ao mesmo tempo asistimos, perplexas,a como docentes doutros territorios son despedidas por estes mesmos motivos.

Este documento pretende reflectir as preocupacións compartidas polas feministas sobre o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero aprobado pola presente administración da Xunta de Galicia en Abril de 2016, non sendo este unha excepción, senón un exemplo máis do avance das doutrinas transxeneristas en todo o Estado Español.

As advertencias das nosas compañeiras noutros territorios alertan de que a aprobación de Protocolos, similares o aprobado en Galicia, ao longo de todo o país preparou o camiño para a aprobación dunha nova Lei Trans. Unha lei á imaxe e semellanza de textos lexislativos que están a ser revisados e paralizado noutros países, ao facerse evidente as consecuencias previamente alertadas polas feministas.

A continuación recóllese unha análise das inconsistencias que presenta o Protocolo educativo de identidade de xénero coa lexislación educativa vixente ( Decreto 86/2015 polo que se establece o currículo da ESO e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 105/2014 polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 330/2009 polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia. Ley Orgánica 3/2020 por la que se modifica la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación; Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la mejora de la calidad educativa; Ley Orgánica 8/2013, de 9 de diciembre, para la mejora de la calidad educativa.).

1. Introdución de termos acientíficos como: “expresión de xénero”, “identidade de xénero”, “identidade rexistral”, “transexualidade”, “cisexualidad”.

A normativa educativa recolle entre os fins, principios e obxectivos educativos a adquisición de coñecementos, destrezas e actitudes relativas ao método e coñecemento científico. A ensinanza debe basearse en feitos cientificamente probados, como no recoñecemento do sexo biolóxico como unha realidade que nos define en termos de mulleres e homes.

Polo contrario permítese que as aulas sexan a vía de entrada de crenzas de ámbito filosófico que negan a realidade observable. Impoñendo así interpretacións do mundo, concretamente dos seres humanos, baseadas en ideas e sentimentos en substitución do coñecemento científico e do sentido común.

Denunciamos a utilización dos Centros Educativos para promover a aceptación social de dogmas contrarios á realidade e ao coñecemento científico.

2.Promoción de ideas que fomentan o rexeitamento do propio corpo entre poboación vulnerable, como son as e os menores

Toda a normativa educativa faise eco dos problemas relativos coa aceptación do corpo especialmente entre as e os adolescente. Este mesmo grupo presenta un elevado risco de adquirir conductas potencialmente prexudiciais sen unha adecuada valoración das consecuencias a corto e longo prazo. Por isto entre os obxectivos educativos recóllese a promoción do coñecemento, da aceptación e do coidado do propio corpo como obxectivos da educación.

Tanto as experiencias noutros países como as recollidas entre o profesorado español destacan a influencia que as Redes Sociais e os talleres que adoutrinan na creza da existencia de corpos equivocados teñen sobre o autoconcepto do alumnado. Observándose un incremento de nenas que rexeitan o seu corpo e se identifican como trans con posterioridade á asistencia a “talleres” impartidos por activistas e membros de organizacións LGTBI, así como grazas á información que reciben das Redes Sociais e dos medios de comunicación. Estas organizacións promoven como solución ás familias de nenas e nenos “identificados como trans” a medicalización dos seus corpos sans, primeiro con bloqueadores da pubertade e posteriormente con hormonas sexuais, encamiñándoos irremediablemente á mutilación dos seus corpos.

Estas institucións ocultan deliberadamente os efectos secundarios da utilización desta medicación experimental en menores. Ao mesmo tempo defenden o tratamento como a única solución para evitar o suicido das/dos menores, manipulando ás familias.

Denunciamos o fomento da inconformidade co corpo en menores e, consecuentemente, da medicalización, modificación e/ou mutilación do corpo san.

3.Papel do profesorado na apertura de protocolos.

Os protocolos analizados autorizan aos equipos docentes a implementar protocolos de identidade de xénero se detectan no alumnado conductas que manifesten unha “identidade de xénero non coincidente co sexo asignado no nacemento”. Dirixíndose con posterioridade ás familias para informarlles das accións “pertinentes” ou, se así o desexa a menor, sen informar ás súas familias. As docentes alertan de que os centros educativos están a levar a cabo transicións sociais de menores sen a autorización nin o coñecementos da súas representantes legais.

O profesorado está formado para acompañar ao alumnado no seu desenvolvemento evolutivo pero que a detección e o tratamento de problemas graves do desenvolvemento corresponde a equipos especializados en saúde mental e externos ao centro educativo.

A Constitución española recolle no seu artigo 27.2 o mandato de que a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana e así se reflicte nos principios da educación. Tendo en conta o período de construción da personalidade que son a nenez e a adolescencia, con altísima capacidade de influencia, introducir estas ideas é un ataque ao libre desenvolvemento da personalidade da infancia e adolescencia.

Nos protocolos prómovese a intervención do persoal docente sobre as e os menores, sen que elas ou eles nin as súas familias manifesten a necesidade de dita intervención; baseándose no xuízo persoal, subxectivo e arbitrario do que un ou outro docente considere comportamentos de xénero “non coincidentes co seu sexo”.ç

Denunciamos a vulneración do dereito das e dos menores ao libre desenvolvemento da personalidade ao autorizar ao persoal docente a intervir no seu desenvolvemento en base a consideracións sexistas.

4.Defensa dos estereotipos sexistas como conductas innatas e diferentes para mulleres e homes.

O currículo educativo da Comunidade Autónoma de Galicia insta a evitar nas aulas comportamentos, estereotipos e contidos sexistas, indicando ademais a importancia de evitar na poboación infantil “a instalación prematura dos estereotipos de xénero”. Desta maneira a normativa educativa recoñece que os estereotipos de xénero (o conxunto de expectativas que a sociedade pon en mulleres e homes de maneira diferenciada en base á situación de inferioridade á que historicamente relegouse ás mulleres) limitan o libre desenvolvemento, a autoconfianza e as aspiracións das nenas.

A pesar do recollido na normativa os estereotipos sexistas están a ser fortalecidos dende as aulas por esta ideoloxía transxenerista que busca localizar ás menores disidentes que se rebelan contra eles, para tratar de axustalas ao “esperado”, a través da “adecuación” dos seus corpos. Introducir esta ideoloxía nas aulas impide de maneira flagrante a loita contra o sexismo.

Denunciamos a validación dos estereotipos sexistas ao defender a idea acientífica de que estes son innatos.

Para rematar esta exposición non podemos evitar mencionar a afirmación da páxina 5º do Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero de Galicia:

“o cerebro é un órgano sexuado cuxo criterio prima sobre todos os demais órganos, mesmo os sexuais e reprodutivos. A identidade de xénero tamén reside no cerebro, formándose ao redor dos 3-4 anos de idade. Unha vez determinada é irreversible e invariable.”

A defensa da idea de que existen “cerebros de muller e cerebros de home” oponse á consecución dos obxectivos educativos. Estas ideas, coas que se defendeu a inferioridade da muller fronte ao home durante gran parte da nosa historia, foron rexeitadas pola evidencia científica. A idea da existencia de cerebros sexuados é un estereotipo sexista e discriminatorio que non debería formar parte dos materiais nin protocolos educativos e que reflexa á perfección a misoxinia que esconde o transxenerismo.

Denunciamos a introducción de ideoloxía sexista nos protocolos educativos vulnerando a consecución dos principios da coeducación.

Esperamos con este artigo evidenciar o modus operandi da introdución da ideoloxía transxeneristas na educación co obxectivo de adoctrinar en ideas filosóficas profundamente sexistas ás novas xeracións. Idéntico modus operandi co que xa teñen sido colonizados sistemas educativos ao redor de todo o mundo. Así a entrada nas aulas unida á campaña de difusión orquestrada polos medios de comunicación tradicionais e as redes sociais, está a captar a menores que confían na modificación hormonal e quirúrxica dos seus corpos sans como solución ás súas problemáticas. Unha ideoloxía que atenta principalmente contra as nenas, recordamos o aumento de nenas que se identifican como trans dun 4000% en Reino Unido dende a introdución de protocolos e normativa transxenerista, en Barcelona xa se ten observado un aumento do 400%.

Como acabamos de expoñer as escolas teñen servido como campo de cultivo dunha doutrina aparentemente transgresora, propagándose nos menores a validación dunha ideoloxía contrarias á realidade material e profundamente misóxina. Somos conscientes de que este avance progresivo permitiuse en aras da defensa da tolerancia pero non podemos obviar que se está a poñer en risco a saúde física e mental de toda a sociedade como lentamente vaise evidenciando tamén no noso país. Por iso solicitamos aos representantes políticos que teñan o valor de facer aquilo ao que os defensores do transxenerismo se opoñen: abrir o diálogo. O xénero non é identidade, é unha ferramenta patriarcal de opresión da muller e debe ser ABOLIDO.

Fontes consultadas:

-Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero

-Lei Orgánica 3/2020 pola que se modifica la Lei Orgánica 2/2006 de Educación