| 5 de Abril de 2022

Violencia Vicaria: vouche dar onde mais dóe

En 1994 estreouse Río Salvaxe. A trama da película vira ao redor dun matrimonio en crise que, con motivo do aniversario do seu fillo maior e nun intento de salvar a relación, a nai (Meryl Streep), antiga campioa de rafting, decide organizar o descenso dos rápidos de montaña do río Kootenai. Todo vai perfecto ata que a familia tropeza cun grupo de mozos á deriva, aos que deciden axudar, pero que en realidade son uns criminais liderados por un psicópata que interpreta Kevin Bacon, e que tentan fuxir da xustiza.

Nun momento dado do filme, Bacon dille ao marido que o vai a matar porque lle estorba no seu plan de fuxida, xa que só necesita a Gail (Streep) para que os guíe polo río e ao seu fillo para controlala. A violencia vicaria existe desde que o mundo é mundo e dende que as nais focalizamos todos os nosos afectos cara aos nosos fillos e fillas, máis mesmo que cara a nós mesmas. Por iso é tan efectiva.

Ata o ano 2017 considerábase un tipo de violencia intrafamiliar que o exdelegado para a violencia de xénero, Miguel Lorente, definía como a violencia que se exerce cara a alguén a través dunha persoa interposta, que non teñen porque ser os fillos senón persoas ao seu cargo ou familiares, aínda que no caso de ser exercida de parte do pai cara á nai mediante os fillos e fillas, ten carácter de violencia estrutural, xa que se usa como forma de exercer poder e control sobre a muller. Pero o termo violencia vicaria como un tipo específico de violencia machista acuñouno en primeira instancia a psicóloga Sonia Váccara fai case unha década. O concepto refírese á concepción de "vicario". Este fai referencia á substitución dun individuo por outro no exercicio dunha función. Un dos campos onde máis se desenvolve o vicario é no campo da psicoloxía da aprendizaxe. O condutismo desenvolve a teoría do condicionamento clásico, e dentro dela, o condicionamento vicario. O concepto de condicionamento vicario fai referencia xeralmente a un tipo de aprendizaxe que se produce a través da observación das consecuencias que ten unha conduta para outra persoa. Aínda que poida parecelo, non é o mesmo que o exemplo ou a aprendizaxe por imitación. No condicionamento vicario non se aprende dos feitos, senón dos resultados. A natureza destes resultados aumenta ou reduce a probabilidade de que o observador leve a cabo o mesmo comportamento. É dicir, o que o observador ve é o que lle ocorre a outra persoa como resposta a unha determinada acción que se lle practica, e a partir de aí reacciona, neste caso reproducindo ou non o mesmo comportamento.

Pois coa violencia vicaria ocorre o mesmo: o observador pasa a ser vítima, xa que as actos de violencia que unha persoa exerce sobre unha terceira, prodúcenlle unha reacción de dor ou sufrimento ou lle levan a evitar ou ou modificar un comportamento (lembremos que a coacción e a chantaxe tamén son formas de violencia)

A violencia vicaria é unha forma de violencia na que un dos membros da parella, en concreto o home, realiza unha serie de condutas dirixidas aos fillos e fillas co obxectivo de danar, chantaxear ou facer que a muller, cumpra a súa vontade. Trátase dun mecanismo polo cal o home exerce presión sobre a súa parella muller para manter o poder sobre ela.

Este tipo de violencia afai utilizarse en determinadas situacións, por exemplo un proceso de separación ou divorcio, ou cando a muller desexa refacer a súa vida con outra persoa. Nestes casos, o agresor utiliza a violencia sobre os fillos da propia parella co obxectivo de coaccionar ou impedir algúns actos, xa que considera que a parella pode ser “da súa propiedade” ou non ter dereito a elixir outro tipo de vida. O maltratador sabe que a mellor forma de facer dano á outra persoa é danar ou mesmo matar aos seus propios fillos, para producir o maior dano posible na nai.

A violencia vicaria é en realidade unha forma de terrorismo machista. E o é por dúas razóns. Primeiro porque a principal finalidade da violencia vicaria é causar unha situación de terror nas mulleres que a padecen mediante un sufrimento eterno. As mulleres nais vítimas de violencia vicaria sofren pola perda e sofren pola culpa. Pola perda dos seus fillos e pola culpa de non podelos salvar. E segundo porque a violencia vicaria pretende ao mesmo tempo provocar un cambio de comportamento nas vítimas. As mulleres nais vítimas de violencia vicaria en moitos casos renuncian a separarse ou a refacer as súas vidas sentimentais precisamente para evitar males maiores, provocando así a prolongación dos malos tratos sobre elas mesmas.

Pero o máis aterrador da violencia vicaria é que o grao de instrumentalización dos pais sobre a propia vida dos fillos. É tal a instrumentalización que chegan a facer sobre eles que chegan a perder a noción real do dano que lles están causando. Curioso foi o caso de José Bretón que nunha entrevista no cárcere chegou a declarar que os seus fillos non sufrirán, porque el queríaos moito e que nunca sería quen de facerlles dano. Iso despois de asasinalos e de de calcinar os seus corpos. A violencia vicaria é unha das formas máis extremas de violencia machista precisamente porque utiliza aos propios fillos da parella, en moitos casos nenos dun ano de idade, como instrumentos para realizar o maior dano posible á nai. É unha deshumanización total con respecto ás criaturas e unha ensañamiento cruel con respecto ás nais.

A violencia vicaria é en realidade un tipo de violencia psicolóxica, con todo afecta a dous tipos de vítimas. Por unha banda sobre as que se executa a violencia física, que neste caso serían os fillos e doutra banda sobre quen se executa a violencia psicolóxica propiamente dita, que neste caso sería a nai. É dicir, a violencia vicaria é dobremente criminal. Os pais maltratadores cometen dous tipos de delitos: un parricidio con agravante de asasinar aos seus propios fillos, nenos e nenas pequenas en moitos casos, e un delito de maltrato psicolóxico hacia a sua parella. Chamar á violencia vicaria polo seu nome non minimiza o parricidio, agrava o crimen.

En España, sete menores foron asasinados en mans dos seus pais o ano pasado co obxectivo de causar dano á nai, o que se sitúa como a segunda peor cifra desde que se teñen rexistros en 2013, e que fai ascender a 46 o cómputo total de nenos e nenas asasinados cruelmente polos seus pais en menos de 8 anos coa única finalidade de causar o maior dano posible á nai.