| 13 de Maio de 2022

Transfobia ou narcisismo?

Fai tempo que as persoas defensoras e as detractoras da chamada lei trans manteñen un pulso enconado nas RRSS. Mentres as defensoras acusan ás detractoras (fundamentalmente mulleres) de tránsfobas, as detractoras acusan ás persoas defensoras de narcisistas. Narcisismo: trastorno mental no cal as persoas teñen un sentido desmesurado da súa propia importancia, unha necesidade profunda de atención excesiva e admiración, relacións conflitivas e carencia de empatía polos demais. Transfobia: conxunto de ideas, actitudes, sentimentos ou accións negativas cara ás persoas transxénero ou a transexualidade en xeral. Analicemos, pois, os argumentos:

  • As defensoras e defensores argumentan que esa lei, baixo a súa actual redacción, supón o recoñecemento de dereitos fundamentais, ata agora negados ás persoas trans.

  • As detractoras e detractores argumentan que esta lei non incorpora dereitos dos que no estean a gozar xa, como o cambio rexistral de sexo, senón que, en realidade, elimina as garantías establecidas na Lei 3/2007 de 15 de marzo reguladora da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo das persoas.

Pero, que diferenzas existen entre a lei do 2015 e a que se pretende aprobar baixo unha nova redacción?

  • A lei de 2015 define a transexualidade como un cambio da identidade de xénero e establece que *«a rectificación rexistral do sexo e o cambio do nome se dirixen a constatar como un feito certo o cambio xa producido da identidade de xénero, de maneira que queden garantidas a seguridade xurídica e as esixencias do interese xeral»*. O cambio «xa producido» refírese ás evidencias precisas para falar dunha persoa «transexual», é dicir, os pasos dados por esta, tanto médica como socialmente, que a acheguen a unha autopercepción máis acorde coa identidade pola que desexa ser recoñecida (entre os pasos dados non se inclúe a esixencia dunha cirurxía de reasignación).

  • A lei que se pretende aprobar en 2022 elimina calquera tipo de garantía ou condicionante, de xeito que a simple declaración, aínda que non exista ningún tipo de disforia acreditada nin vaia acompañada de ningún tipo de medida que harmonice a súa nova declaración, sexa abondo.

  • Outro dos puntos de fricción é o tratamento de menores. Na redacción da nova lei, ábrese a posibilidade de que os menores poidan tramitar o seu cambio rexistral e pedir amparo dos servizos sociais para continuar o seu tránsito médico e social, fronte a unha actitude máis cautelosa ou reticente das nais e pais, prohibindo expresamente calquera terapia psicolóxica (tanto para persoas adultas como para menores) que non teña carácter afirmativo. É dicir, que as nais e pais que desexen ofrecer aos seus fillos unha atención psicolóxica que descarte algún problema oculto polo que rexeiten o seu corpo, poderán chegar a perder a súa custodia, e os psicólogos e psicólogas que simplemente queiran avaliar outro tipo de posibles patoloxías poderán ser inhabilitados profesionalmente durante 3 anos e enfrontarse a multas de ata 150.000 €. Deste xeito, menores que teñan sido obxecto de abuso sexual ou bullying, entre outros, quedarán sen diagnosticar e iniciarán tratamentos innecesarios e irreversibles de cambio de sexo.

Pero entón, que problema existe en acceder ás pretensións de cambio rexistral de persoas adultas sen máis requisito que o desexo de facelo?

O problema é que existen dereitos e medidas compensatorias baseadas no sexo. Se este se desdebuxa, todas esas medidas quedan sen efecto. Poñamos algúns exemplos:

  • O deporte e o acceso aos corpos de seguridade teñen probas físicas diferenciadas para mulleres e homes, porque as capacidades físicas son moi diferentes. De non facelo, as mulleres desaparecerían de ambos escenarios.

  • Existen espazos diferenciados para mulleres e homes co obxecto de garantir a seguridade das primeiras, como vestiarios, baños, centros de auxilio para vítimas de agresión sexual ou violencia machista. A simple autoidentificación como muller permitiría o acceso a calquera depredador sexual a estes espazos, porque non se esixe ningunha garantía.

  • As cotas de participación das mulleres nos espazos de decisión están dirixidas a tentar paliar o enorme desequilibrio que existe nesta materia. Así, só un 5% de todos os estados legalmente constituídos no mundo están gobernados por mulleres. Dato que contrasta co censo mundial, no que se recolle que más do 51% da poboación son mulleres. Calquera home que quixera ter acceso a esas cotas non tería máis que autoidentificarse como muller, sen máis requisito (isto xa pasou en varios comicios).

  • A Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, establece que a violencia de xénero é «unha violencia que se dirixe sobre as mulleres polo feito mesmo de selo», é dicir, é un tipo específico de violencia baseado no feito de nacer muller nunha sociedade patriarcal como a nosa. Unha persoa transexual que inicie o seu tránsito social por identificarse como muller, estará exposta a outro tipo de violencia, pero non se tratará da mesma violencia. As súas vivencias non terán sido as mesmas, polo tanto, o exercicio das súas liberdades deberá estar defendido por outro tipo de medidas. Se a autoidentificación rexistral é arbitraria, como se pretende, calquera agresor poderá eludir o agravante de VX por non cumprirse a condición de seren a violencia exercida por un home sobre unha muller, coa simple autoidentificación rexistral previa do mesmo. Ao mesmo tempo, as vítimas perderían a cobertura legal establecida para elas se o seu agresor fai uso fraudulento da lei.

  • O mesmo sucedería coa aplicación da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Calquera medida establecida para paliar a desigualdade quedaría sen efecto se calquera puidera autoidentificarse como muller.

  • A nova lei trans establece, entre outras, medidas de acción positiva, como reserva de prazas na función pública para persoas trans, é dicir que acudiran ao Rexistro e declararan que desexaban cambiar a súa identidade rexistral. Deste xeito, calquera que desexe facer uso fraudulento desta xanela legal á arbitrariedade non tería que cumprir ningún requisito, o que suporía un enorme agravio ás persoas con discapacidade que si deben acreditar a súa condición con numerosas probas médicas para poder optar ás reservas de praza e que agora contemplarán con espanto como se perverte o sistema, ata agora garantista, de acceso á función pública.

En resumo, o novo texto legal non recoñece novos dereitos que non existan xa, o que fai é eliminar as garantías que poderían evitar o exercicio fraudulento dos dereitos recoñecidos. Ao mesmo tempo converte en punible calquera forma de cuestionamento ou actitude non seguidista, podendo supoñer a perda de custodia por parte dos pais, a inhabilitación profesional por parte de facultativos que cuestionen a procedencia dos tratamentos afirmativos e a imputación por delito de odio de calquera que pretenda expoñer un caso de fraude.

Así pois, defender unha medida legal que supón unha porta aberta á fraude, aceptando os danos que con total seguridade se van a producir, por entender que é máis importante o confort procedimental duns poucos que a seguridade xurídica de moitos, é narcisismo e falla de empatía, mentres que esixir garantías legais que impidan un retroceso enorme nos dereitos das mulleres e os menores, non é transfobia, é defensa propia.