Skip navigation

Mulleres en Loita 2023: primeiro congreso feminista galego

 27 de Nov de 2023

Esta é a traducción ao galego do artigo publicado por Nuria Salagre en salagre.com.

Para non gustarme viaxar, este ano teño a sensación de telo pasado en aeroportos. Despois da Rosario de Acuña e de FiliA 2023, o meu plan era voltar ao terfing eremita, que é o meu, mais o programa do primeiro congreso da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia era espectacular e apetecíame moito coñecer ás compañeiras galegas. A miña irmá xa estaba apuntada e en fin, en Galicia, non vos sorprenderá saber, hai comida galega.

Así que alá vou, de Zúrich a Santiago vía Madrid, porque voos directos só hai dous días á semana. Non che gustan os aeroportos? Pois toma dúas cuncas! E de Santiago, a Pontevedra, que é onde vive a miña irmá. A cidade é unha preciosidade e perfecta para camiñar e ruar, que é un concepto descoñecido aquí: a xente en Suiza fai cousas, usan a rúa para ir a de A a B, pero non a desfrutan. A cidade vella de Pontevedra é peonil, e hai xente paseando, tomando algo nas terrazas, falando en grupos, mirando escaparates, entrando e saíndo das tendas, gozando de estar fóra. Eu, que levo máis tempo fóra de España que dentro, estaba fascinada. E con morriña, non vos vou enganar.

O sábado recollemos a Carol e ímonos a teo, onde se celebrou a conferencia, a uns 6 km de Santiago. Dimos os nosos nomes e, a cambio, déronnos unha mochila co programa, a acreditación co noso nome e unha libretiña con boli que vin que moitas usaron ao longo da fin de semana. A sala de actos consistía nuha plataforma co escenario, dous grupos de cadeiras divididas por un corredor, e atrás butacas coa mesa de son no medio. As cadeiras xa estaban todas ocupadas cando entramos, así que nos sentamos nas butacas de atrás. O ambiente era bulicioso e expectante, moitas coñecíanse ou en persoa ou por redes, vin mulleres presentando a outras, apertas e risos.

E sae Tuxa ao escenario. Nunca a ouvira falar, e foi un pracer enorme poder escoitala, transmite calidez, sabedoría e bo facer.

Presentou a primeira conferenciante, Alicia Miyares, e arrancou a conferencia. «Transhumanismo, de teoría filosófica a novo paradigma social»:«As leis de identidade de xénero son a primeira vitoria xurídica do transhumanismo».«O obxectivo do transhumanismo é fragmentar a categoría mulleres ata disolvela». Alicia Miyares.

Despois foi a quenda de Silvia Carrasco e Ana Hidalgo, na foto con Dolores Varela, que falaron da «irrupción do transhumanismo nas aulas».

«A coeducación é o camiño para acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes por medio dunha ensinanza laica, libre de sexismo e de androcentrismo», Silvia Carrasco. «O transxenerismo está utilizando a infancia como ratas de laboratorio», Ana Hidalgo.

A encargada do último relatorio da mañá foi Juana Gallego, que nos falou da «cancelación do discurso feminista: a caza de bruxas».

«As feministas son o obxectivo preferido da cultura da cancelación, por erguérmonos e dicir NON. Non ás identidades de xénero, non ás leis que as apoian, non á neolinguaxe.» Juana Gallego.

Juana presentounos a Luz Castro, enxeñeira informática vítima da cancelación e acoso do lobby trans por darlle likes en X a mensaxes feministas.

O descanso para xantar foi demasiado curto, porque a oferta de restaurantes non era moi ampla. Chegamos ducias de mulleres ao máis próximo, todas ao mesmo tempo, todas con fame e con présa. A nosa mesa de 6 perdeuse a peza interactiva das 15:00, e chegamos case ao final do documental das 15:40.

Mais si puidemos escoitar a Paula Fraga, que nos falou da «pegada transhumanista na lei».

A última sesión do sábado foi a mesa de debate moderada por Uxía López Mejuto, con Laura Redondo, Paz Filgueira e Rosa Arcos: «Violencia de xénero: de vítimas a privilexiadas»: «Pasamos do nin unha menos, a morte ás radfems ou killtheterf», Laura Redondo.

Unha xornada moi intensa, pero estupenda. Parecéronme interesantísimas todas as charlas, a algunhas das compañeiras non as coñecía, supoño que por vivir fóra e elas non estar tanto en redes, así que me levei gratas sorpresas, foi como recibir agasallos inesperados.

Ao día seguinte, domingo, tivemos a Berta García en modo videoconferencia, que nos deixou coa boca aberta con conceptos como, e tomei notas, eclosión asistida, autofecundación, útero artificial, autoembrión, embrión quimérico, transferencia embrionaria… Palpábase o horror na sala. «Explotación reprodutiva, mercado transhumanista de seres humanos»:«Donación xestacional de corpo enteiro», Berta García.

Fixemos unha pausa ben merecida, eu creo que saímos medio en shock á luz. Agradecéronse o café e as galletas.

Despois, Paula Pérez entrevistou a Paula Dapena, que nos falou do «transhumanismo no deporte das mulleres e a súa coexistencia co machismo tradicional», e que ademais nos deleitou co seu maradonagate.

«Utilízase a categoría feminina como un frasco no que cabe todo». Paula Dapena.

E estabamos chegando ao final, coa entrega do premio Mulleres Imprescindibles, que se lle deu á xuíza Paz Filgueira, polo seu traballo pola xustiza para as vítimas de violencia de xénero e o seu esforzo por visibilizala.

Concluíu o congreso con E agora que? Agora, activismo.

Tuxa pechouno mandando subir ás voluntarias e facéndonos unha foto coas asistentes que quedaban. Había moitas máis o sábado, pero non todas puideron adicar a fin de semana enteira, o que quero dicir é que a foto final non fai xustiza ao número de asistentes.

E aquí as miñas impresións: pareceume unha marabilla. Teño entendido que a idea xurdiu en abril, é dicir, en pouco máis de medio ano e sen subvencións, un grupo de voluntarias organizaron un congreso dunha calidade impresionante. A notoriedade das conferenciantes é incuestionable. O tema, ademais de interesante, é moi necesario. O sitio, moi adecuado. A organización, impecable. O único problema que lle vexo é o futuro: como van poder, non só superalo, senón igualalo?.

Si, teño unha crítica, non sería eu se non a tivese: teríame gustado que non houbese homes entre as asistentes.

Non podemos pasar á sección Hola! sen antes advertirvos que sufro de revolto mental. Vou meter a pata coas caras e nomes, e dáme unha vergoña horrible, pero non sei como evitalo sen poñerme a facer fotos de todo o mundo, o que tampouco resolvería o problema porque non virían cos nomes, e sería de moi mala educación e posiblemente ilegal. Así que pido desculpas de antemán a próxima vez que nos vexamos se poño cara de poucas luces. Pedín permiso ás que non son (tan, ou aínda) famosas, pero se algunha cambia de idea, non tedes máis que avisar.

Cousas random: saúdos ás integrantes do Foro Feminista de Lugo. Ana Hidalgo é tan riquiña que a queres mirar todo o tempo. O Concello de Pontevedra ten lombos por riba das súas posibilidades. Encantoume poder saudar a Juana Gallego. As apertas de Sole son de 10, e xa sabedes que aínda teño un baremo. Os de Patricia, por outra banda, non valen nada, e así llo comuniquei. Púxenlle cara a Sesi e doulle as grazas polo que ela xa sabe. Coñecer ao continxente catalán foi un pracer co que non contaba. Silvia Carrasco ten a voz máis bonita do mundo. Presentáronme a Karina e ten pelazo. Os chipiróns de A Santa Sede están boísimos. Continúa a haber mulleres que non poden permitirse ensinar a cara. As camelias de Pontevedra están en flor a mediados de novembro. Quero foto con Lilith a próxima vez.

Xa estou de volta en Suiza, descansada e chea de enerxía, inspirada por todas as mulleres, as que subiron ao podio e as que escoitaron e aplaudiron. Quero darlles as grazas a todas as voluntarias e a Tuxa, que conseguiron sacar adiante un congreso magnífico co seu traballo e só cos cartos de doazóns. Imaxino que parecería un labor imposible ao principio, pero o resultado foi marabilloso, teñen que sentirse orgullosas. As miñas grazas tamén a todas as conferenciantes, que contribuíron a seu tempo e os seus coñecementos para facer desta primeira edición un éxito.

Podedes ver os vídeos das conferencias na páxina web de mulleres.gal. Ou podedes ir aquí directamente. Podedes seguilas en X (antes Twitter) e en Facebook.

Por certo, saín no artigo de Galicia Confidencial. Na última frase. Dío claramente. Son famosa.

No da Voz de Galicia non, perderon aí unha oportunidade de ouro.

Vémonos o ano que vén.