Mulleres no cine e nas series. Dende e para a mirada masculina

Nun mundo no que o poder lles pertence aos homes, como é lóxico, estes utilízano para perpetuar un sistema que lles beneficia e,sempre que poden, procuran “perfeccionalo”, adaptándoo aos tempos para asegurar o seu éxito. Isto vémolo con moita claridade nas películas e series que levamos consumindo dende o inicio mesmo desta cultura. Este contido audiovisual está tan presente e o temos tan instaurado e aceptado que se require dun esforzo importante para poder ver con claridade o que está a pasar e o que nos quere dicir. Porque sería moi inxenuo pensar que a constante visualización de historias e personaxes coas que empatizamos, coas que nos divertimos e coas que nos emocionamos non supón unha erosión, moitas veces sutil, na nosa percepción da realidade e no xeito no que vemos o mundo. Así que é a arma perfecta.

Deste xeito, debemos ver o perigo que implica para a nosa saúde como sociedade e, ao mesmo tempo, o éxito que supón para o patriarcado o feito de que asumamos certas escenas con total normalidade, sen que nos chamen a atención o máis mínimo. Escenas nas que aflora a misoxinia dos creadores beneficiando ao concepto que se ten dos homes en detrimento das mulleres, acusándoas en numerosas ocasións de aproveitadas e calculadoras, en definitiva, malignas. De feito, os personaxes masculinos adoitan ser complexos, con moitos matices e diferentes en cada peza, mentres que as mulleres na maioría dos casos teñen un número limitado de personalidades, segundo o estereotipo que nese caso representen.

Co obxecto de analizar isto, imos centrarnos aquí en tres tipos de tramas ou temáticas moi recorrentes: as entendidas como “de sedución”, as que tratan sobre pais comprometidos e as protagonizadas por homes románticos e aparentemente sensibles cuxos amores non son correspondidos.

ESCENAS DE SEDUCCIÓN

Existe un tipo de situacións moi repetidas e que adoitan pasar desapercibidas que, ademais, se poden contrapoñer para observar a diferenza de discurso segundo veñan dun sexo ou doutro. Referímonos aquí ás escenas nas que se relata unha sedución (entendendo como tal situacións nas que unha persoa mostra sinais a outra de que esta lle atrae sexualmente).

Estamos cansas de ver como tantas veces preséntansenos mulleres que utilizan as súas “armas de muller” para conseguir que algún home caia “nas súas garras”, incluso tras ver como eles verbalizan que non sería o correcto, que non deberían, que non queren, etc. Pero elas insisten ata un punto que é imposible resistirse para un home. A carne é débil. E, por se non fose suficiente, é tamén desproporcionadamente común que a muller teña un obxectivo a lograr con esa relación sexual, xa sexa para proveito propio ou para utilizar o feito posteriormente en contra do home. Incluso nalgúns casos para declarar que o home a violou ou a agrediu. É dicir que a lectura sería que as mulleres utilizan as súas armas, propias da súa condición de muller, ás que ningún home se pode negar para utilizar a estes e danalos.

Respecto a isto, é especialmente problemático que a maioría de nós observemos nas nosas pantallas este tipo de tramas sen ser conscientes de que estamos bebendo e asumindo un sistema que nos prexudica enormemente ás mulleres e que alimenta os estereotipos máis profundos nos que se sustenta o machismo. Ademais fai que nos auto-situemos no lugar ao que nos están indicando que pertencemos; e é un lugar, ando menos, inxusto. Polo tanto poderíase ver tamén como unha forma de control, de ensinarnos quen somos e cal é o noso papel.

Algúns exemplos de películas coñecidas nas que se inclúen tramas de este tipo son Perdida (David Fincher), onde se descobre que a muller do protagonista, que finxe un asasinato machista, tamén finxira unha violación no pasado, sempre co obxectivo de estragarlle a vida ás súas parellas;La vida de David Gale (Alan Parker) na que unha alumna seduce ao protagonista para despois acusalo de violación e acabar coa súa reputación e provocar o seu despido; El Buen Patrón (Fernando León de Araona), onde a becaria seduce ao xefe para chantaxealo; Las seductoras (David Mirkin), onde nai e filla se dedican a estafar a homes ricos; Los Ángeles de Charlie, onde en numerosas ocasións as protagonistas utilizan o seu físico para seducir a homes e utilizalos para chegar aos obxectivos das súas misións; ou American Beauty (Sam Mendes) respecto á relación da amiga da filla do protagonista con este.

Por outra banda, as escenas ás que estamos acostumadas nas que un home tenta seducir a unha muller, son percibidas de xeito asombrosamente diferente.Nestas observamos como a muller “se resiste” ao principio, o home insiste (ignorando as negativas) e, ao final, descóbrese que a muller si que quería, polo que a escena acaba sendo unha historia romántica na que o mozo sabía o que ela quería e necesitaba.

Neste vídeo, no que se mostran extractos de diferentes películas protagonizadas por Harrison Ford, obsérvase perfectamente este modelo de comportamentos.

Obviamente, ambas perspectivas alimentan o que os homes queren ver: na primeira, situar as mulleres como persoas con malas intencións que se queren aproveitar deles e, na segunda, fomentar a cultura da violación ensinando aos homes que, aínda digamos que non queremos, no fondo sempre queremos. Así que non se teñen de que preocupar nin hai motivos para sentirse mal ou ter remordementos, simplemente son uns románticos. Mulleres no cine e nas series. Dende e para a mirada masculina.

TRAMAS SOBRE PAIS COMPROMETIDOS

Outro tipo de trama moi presente nos argumentos das películas e series é a que nos mostra a pais moi comprometidos con facerse cargo dos seus fillos e exercer como pais modelo, xa sexa en situacións de familias monoparentais ou loitando pola custodia contra unha ex-muller que quere quedar cos fillos e afastalos do pai.

Tamén resulta curiosa a sobrerrepresentación deste tipo de personaxes e historias, xa que as cifras reais sinalan, por unha parte, que practicamente a totalidade de familias monoparentais son certamente monomarentais; e, por outra banda, que na inmensa maioría das familias son as nais as que soportan a carga mental da responsabilidade dos fillos e, nos casos de divorcio, se algún dos proxenitores non cumpre a súa parte, este adoita ser o pai (por exemplo, non pasando a correspondente pensión alimenticia).

Polo tanto, tendo presente esta realidade, resulta algo estraño estar tan acostumadas a ver nas pantallas tantos pais comprometidos e con tanto sentido da responsabilidade. Temos que deixar claro aquí que isto sería ideal se a motivación fose mostrar como os homes se poden facer cargo da responsabilidade familiar para incentivalo. Pero, polo contrario, nestas situacións adoitan aparecer ou nais malvadas que, como xa mencionamos, queren inxustamente afastar aos fillos dos pais, ou, no caso dos pais solteiros, aparecen personaxes femininas, como amigas da familia que axudan a limpar a casa, a facer a comida, etc. Así que, claramente, non pretenden alterar o status quo nin loitar contra roles sexistas.

O que nos leva á conclusión de que os creadores deste contido o que buscan é limpar a mala imaxe que se ten dos homes en canto a responsabilidades familiares, sempre apelando á compaixón cara eles, e alimentar os falsos mitos de mulleres aproveitadas e mal intencionadas que queren estragarlle a vida aos homes.

Entre os exemplos de películas e series onde podemos atopar este modelo de pais comprometidos, podemos salientar: La vida de David Gale (Alan Parker), tamén neste apartado, onde o pai modélico está desesperado porque a muller escapou co seu fillo; Señora Doubtfire (Chris Columbus) na que o pai, tras perder a custodia compartida dos fillos, decide disfrazarse e facerse pasar por unha muller e así ser contratada pola nai para coidar dos fillos; Kramer contra Kramer (Robert Benton), onde a nai abandona á súa familia e o pai pasa a facerse cargo dos fillos; Historia de un matrimonio (Noah Baumbach), onde a muller pon obstáculos na relación entre o pai e o fillo mudándose con el a outra cidade; ou Everwood (Greg Berlanti) onde se nos presenta a historia dunha familia a cargo dun pai viúvo que, sendo un ciruxano famoso, deixa o traballo e se muda a unha pequena vila cos seus fillos, cumprindo así un desexo da muller falecida e exercendo de pai exemplar.

TRAMAS SOBRE HOMES ENAMORADOS NON CORRESPONDIDOS

Unha situación á que asistimos habitualmente nas nosas pantallas é a de homes que se presentan como sensibles, bondadosos, pouco masculinos e moi románticos que están permanentemente en busca do grande amor da súa vida, pero que teñen mala sorte coas relacións. É dicir, os seus amores non son correspondidos, polo que é aquí onde se xenera a trama.

El namórase dunha muller, pero esta non está interesada nel ou nunha relación con el, así que el se deprime e decide intentar convencela a través da demostración do moito que a quere. Ás veces, ambos acaban xuntos e visiblemente felices, pero outras non. Aínda que en ámbolos casos o mozo sempre sufre no proceso de rexeitamento, é importante sinalar que nas historias onde non acaban xuntos o proceso é máis complexo. Nestes casos, os personaxes chegan a ter algún tipo de relación, xa sexa de noivado ou máis informal, froito da insistencia do home e o seu convencemento de que están feitos para estar xuntos. Polo que se fai fincapé no xogo que leva a cabo a muller, dándolle primeiro falsas esperanzas para finalmente, rexeitalo ou abandonalo, quedando el tremendamente deprimido e abatido animicamente. Aquí vemos outra vez a tendencia de pintar ás mulleres como interesadas e aproveitadas. A pesar de todo, como o final da historia ten que ser feliz, o home acaba coñecendo a outra muller que realmente o valora, namóranse e acaban xuntos.

En definitiva, estes personaxes masculinos aparecen nas historias como uns “partidazos” que as mulleres non valoran e dos que se aproveitan, xa que eles están tan namorados que farían calquera cousa por elas.

O problema nestas tramas é que se vende como amor algo que é obsesión e puro egoísmo. O homes aquí non respectan os desexos e decisións das mulleres, senón que, polo contrario, insisten e chantaxean. Só importa o que eles queren e o que cren que é o correcto. Pero, curiosamente, é con el co que empatizamos, xa que é o personaxe bo da historia, presentándose como o mozo perfecto e responsable que todas deberíamos querer, en contraposición co “malote”.

Deste xeito, chegamos a crer que o protagonista non está atravesado pola masculinidade cando, en realidade, é tan masculino e ten unha actitude tan nociva como os personaxes típicos masculinos que o manifestan de forma evidente. O noso home exerce a violencia de xeito tan sutil e normalizado que non a vemos, pero sempre aparece algún momento no que sinte tanta frustración que estoupa e se pode observar a súa agresividade, fisicamente cara algún obxecto, ou a través de insultar á muller que o rexeitou, directamente á súa cara ou cos seus amigos.

O perigoso aquí é que se vende por situación romántica unha relación tremendamente tóxica con dinámicas relacionadas co concepto de posesión baseada na obsesión de “se me gusta unha moza teño que ir por ela e tentalo de todos os xeitos posibles ata convencela”, onde non se está respectando nin está importando o que quere a muller.

Para ilustrar isto, podemos nomear películas e series como: 500 días juntos (Marc Webb), onde o protagonista, convencido de que son almas xemelgas, namora profundamente da outra personaxe protagonista, pasando así por varias fases nas que sofre moitísimo pola falta de reciprocidade; El Diario de Noa (Nick Cassavetes), na que o chico coñece á chica, gústalle e se obsesiona tanto con ela que non para ata que esta tamén se namora del; Love Actually (Richard Curtis), respecto á historia na que se axuda a que un neno de 11 anos se declare á que se presenta como “o amor da súa vida”; Ted Mosby en Cómo conocí a vuestra madre (Carter Bays, Craig Thomas), que se nos mostra como un home sensible e romántico que se obsesiona con Robin á que tenta conquistar intensamente, pero ela non acaba de estar nunca tan namorada coma el, Ross en Friends (David Crane, Marta Kauffman), e canto á súa relación con Rachel; ou Seth Cohen en The O.C. (Josh Schwartz), un chico friki obsesionado con Summer, a chica popular do instituto que nunca se fixaría nel.

CONCLUSIÓN

Tras esta análise sobre contido audiovisual, cabe reflexionar que, se vivimos nunha sociedade onde mulleres son violadas e acosadas a diario sen denuncialo, onde segue habendo constante violencia contra as mulleres e ata asasinatos machistas e onde as mulleres son as que continúan a lastrar coa carga mental das responsabilidades familiares, como é posible que a alguén lle pareza boa idea xerar un contido audiovisual con repercusión social co obxectivo de perpetuar os estereotipos que alimentan estas situacións?

A resposta a esta cuestión radica en que estas películas e series están feitas por homes cuxo concepto das mulleres está cheo de estereotipos misóxinos sen revisar ou, o que é peor, que activamente queren auto convencerse de que estes estereotipos son reais, polo que habería un fundamento para seus comportamentos machistas. Isto significaría que deliberadamente deciden non ver a realidade porque, se quitan a venda dos ollos, terían que reflexionar sobre os seus comportamentos e comezar a tratar ás mulleres como seres humanos de igual categoría a eles, o que implicaría que terían moito que cambiar. Ao final todo vai dos famosos privilexios.

Finalmente, o que podemos extraer desta análise é que o patriarcado sempre se encarga á perfección de perpetuarse e de que a misoxinia nos entre nos cerebros por todas as fendas posibles e dende tódolos marcos de actuación.

Así que o plan mestre é imaxinar un mundo, vendelo como real e así xa non haberá que cambialo porque todo o mundo tomará ese como real.

FONTES

  • Segundo o Informe anual de 2021 de CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales) a presenza de mulleres no cargo de dirección en España medrou de media un 4% ese ano, chegando a un 21% na representatividade de directoras.
  • Porcentaxe familias monomarentais: no 2019 en España era do 82% segundo o INE con respecto ás encabezadas por homes.
  • O balance de criminalidade de xaneiro a xuño de 2021 publicado polo Ministerio do Interior reflicte que se cometeron 7.898 delitos sexuais.
  • Información extraída de feminicidio.net: segundo a “Macroenquisa de Violencia contra a Muller” do 2019 elaborada pola Delegación do Goberno, o 13,7 % das mulleres maiores de 16 anos en España sufriron violencia sexual nalgún momento da súa vida; a porcentaxe de denuncia da violencia sexual fóra da parella, pola vítima ou por outra persoa ou institución é do 11,1%; e, respecto ao acoso sexual, do total de mulleres maiores de 16 anos residentes en España, o 40,4% sufriu acoso sexual nalgún momento da súa vida.

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *