Mulleres, homes e os seus espazos

Unha das peticións do movemento feminista nos últimos tempos é a nosa entrada en espazos que sempre foron propiedade dos homes. É dicir, que non se nos vete de certos espazos polo feito de ser mulleres.

Aquí hai dous ámbitos de acción e dous debates diferentes.

AS COTAS E OS ESPAZOS DE PODER E DECISIÓN.

Neste apartado a análise é arredor de ámbitos de poder e autoridade, como son os gobernos, parlamentos ou órganos de decisións nas empresas, os cales ata hai unhas poucas décadas estaban acaparados por homes. Como sabemos, nos últimos tempos, grazas á presión do movemento feminista na sociedade, estase tentando reverter esta situación de desigualdade aumentando en consecuencia o número de mulleres.

Actualmente existe un debate arredor da nosa incorporación obrigatoria a estes espazos para compensar a infrarrepresentación que se arrastra dende o inicio mesmo da sociedade. Hai xente que opina que as persoas deben ocupar estes espazos segundo a súa valía, e non o seu sexo. Defenden que isto pode derivar en que unha persoa polo feito de ser muller lle quite o seu posto a un home, que pode estar mellor preparado. Din, incluso, que é unha medida condescendente e paternalista coas mulleres.

Este argumento perde sentido facilmente, xa que se aceptamos que as mulleres son potencialmente tan intelectualmente válidas como os homes, queda demostrado que se se deixa a decisión das composicións dos grupos á medida da valía das persoas ignorando o seu sexo, os homes copan case o 100% dos postos. Así que iso non funciona a non ser que defendamos que os homes si que son intelectualmente superiores ás mulleres, polo que si merecerían ocupar todas as posicións de autoridade.

Unha vez situadas, o que estipula a nosa lexislación en canto a isto é a obrigatoriedade en moitos ámbitos de cumprir cunha composición equilibrada de sexos. E expón que se entenderá por composición equilibrada de xeito que, no conxunto a que se refira, as persoas de cada sexo non superen o 60% nin sexan menos do 40%. Estas porcentaxes, comúns en todas as lexislacións deste tipo, séguense mantendo no proxecto de lei de representación paritaria que acaba de aprobar o PSOE.

É dicir, actualmente cada sexo ten un tope dun 60% de representación. Polo que pasamos dun escenario onde os homes ocupaban case a totalidade dos postos de autoridade a outro no que, co obxecto de compensar a historia da humanidade, a nós se nos coloca un tope. Ou sexa que eles levan miles de anos sendo o 100% e agora nós non podemos superar o 60. Isto é entendible porque os homes se molestarían se agora a lei determina que eles non pode superar unha porcentaxe “x” e nós podemos chegar ao 100%. Enténdese, mais, é xusto? Ás veces parece que a sociedade segue tendo incrustado que somos intelectualmente inferiores e por iso lle dá medo que poidamos ter o mando.

Un exemplo ilustrativo deste dilema é que o concello de París foi multado por superar o tope do 60% de representación no goberno local no ano 2018, xa que contaba cun 69% de mulleres.

Esta mentalidade vese de forma clara e continúa a perpetuarse en titulares como este ou como este outro, que destacan que os HOMES teñen unha cota máxima do 60%, sen facer referencia a que a porcentaxe tamén afecta ás mulleres.

Neste aspecto, é interesante tamén comentar que hai moitas compañeiras que se cuestionan a utilidade e necesidade destas esferas, defendendo máis ben dinamitalas, avogando por un cambio radical do sistema de poderes.

OS ESPAZOS NOS QUE REXE A LEI DA COSTUME.

Paralelamente ao debate das cotas e á nosa busca pola entrada en postos de responsabilidade e decisión, existen moitos espazos que sempre foron territorio dos homes e outros territorio das mulleres, que se atopan lonxe do ámbito de acción das leis e nos que tamén deberíamos reflexionar.

Nos espazos historicamente pertencentes ao mundo das mulleres, como son as clases de ioga, de cerámica ou de manualidades, certas actividades do ximnasio, espazos de costura, etc. sempre houbo inclusións puntuais de homes que por saúde ou por interese se apuntan e incorporan a ser un membro máis. Estes homes non experimentan rexeitamento por parte das súas compañeiras, senón que estas adoitan tentar que eles se sintan cómodos e incluídos, e no caso de homes homosexuais, este comportamento inclusivo é aínda máis evidente. Nós coidamos ao diferente, encargámonos de que se sinta ben e non excluído.

Pola outra banda, cando pensamos nos espazos dos homes, véñennos á cabeza os típicos bares de xogar a partida, os campos de fútbol e as pistas de baloncesto para xogar a pachanga, a zona da mesa onde se fala de política ou o patio do recreo. E, como mulleres, tamén nos vén a cabeza a sensación de percibirse incomodamente observadas ao entrar nese bar, sentir que se queremos avanzar e temos que loitar contra unha forza transparente que nos empurra cara fóra. Tamén nos lembramos de como temos que impoñernos para conseguir que nos escoiten con respecto cando están falando de política entre eles. E, evidentemente, recordamos a loita que as nenas teñen que atravesar para conseguir estar no centro do patio do recreo.

Non imos negar que nos últimos anos as mulleres conseguimos ter máis presenza nestes ambientes, pero este cambio non se está producindo porque os homes tivesen unha revelación e cambiasen a súa actitude para acollernos por xustiza, senón que está sucedendo a forza da nosa loita, porque nos estamos impoñendo, porque somos conscientes de que tamén temos dereito a estar aí. E esa consciencia é a que nos leva a pisar con forza e a deixar que as súas miradas non nos intimiden.

En contraste con estes espazos de segregación por sexos derivados de estereotipos e de xerarquías, están eses outros espazos nos que as mulleres sempre demandamos exclusividade por pura seguridade e integridade, como son os vestiarios ou certos tipos de baños.

Agora preguntámonos, deberían ser as clases de ioga, por exemplo, tamén espazos exclusivos para manter a nosa liberdade e protección? Isto xa se empezou a considerar e a levar á práctica. Antes desta última explosión do movemento queer, víamos como se comezaban a crear sen complexos por parte de moitas mulleres espazos seguros non mixtos, dende festas ata clubs de lectura, onde explicitamente se prohibía a entrada de homes. Evidentemente isto tiña que facerse cunha grande valentía, aguantando moitísima presión social e moitas críticas e reproches, xa que os homes se senten excluídos e ofendidos, en vez de interpelados para que reconsiderasen a súa conducta que nos leva a ter que tomar estas accións para sentírmonos seguras.

Desgraciadamente, o patriarcado, vestido agora de falso progreso, está convencendo ás mulleres de que a súa seguridade xa non é tan importante e que se se senten menos libres debido á presenza dalgún home no seu espazo o problema téñeno elas e deben traballalo. Isto fai que ás feministas nos invada unha grande desolación porque vemos a que a sociedade xa non recoñece o que é un espazo seguro para as mulleres e, o que é peor, xa non lle interesa sabelo. Este é un escenario que non nos esperabamos e sobre o que temos que seguir traballando dende unha posición aínda máis hostil e máis difícil, porque os conceptos básicos xa tampouco están claros. Temos que volver definilo todo.

Con relación a todas estas cuestións temos tamén que poñer o foco no porqué de que as mulleres nos atopemos con tantos obstáculos ao querer formar parte dos espazos que os homes están ocupando. O único motivo posible que explica estes impedimentos que sufrimos é o feito de que eles non queiran que descubramos as cousas que fan e din “na intimidade”, porque saben que están mal. Saben que carecen de ética cara as mulleres e que por iso se teñen que protexer entre eles. Saben que se entramos e o descubrimos denunciaríamolo e sairía á luz e, como consecuencia, acabaríaselles a impunidade e terían que renunciar á súa liberdade de propagar a súa misoxinia sen remordementos. Pensan que cambiando o debate e poñendo o foco en que se senten ofendidos e excluídos van conseguir que empaticemos con eles, que é posible que pase desapercibido ata o feito de que teñen prácticas tan aberrantes como a de xuntarse para ir explotar sexualmente mulleres. Pero nós xa os descubrimos e somos conscientes de que a nosa loita está aí. Por moito que o intenten, nós pensamos seguir traballando para que se acabe a súa impunidade.

Como conclusión e como xa todas sabemos, este é un camiño difícil no que o esforzo e a pedagoxía teñen que saír de nós. Neste percorrido, como xa estamos vendo, incidir no ámbito lexislativo é crucial e imprescindible, pero para que o cambio real se produza temos que ser máis ambiciosas, introducirnos en moitos máis espazos e insistir con isto ata que a nosa presenza se vexa como algo normal e que o espazo público sexa tan noso como deles. Isto sen deixar de ser conscientes de que, para chegar a este horizonte, os que realmente teñen o papel de modificar as súas conductas son eles, xa que son os homes os responsables de que nós vexamos mermada a nosa liberdade de ocupar o espazo público. En definitiva, a nosa axenda, aínda que se vaia adaptando ás diferentes circunstancias, segue tan vixente coma sempre e temos que seguir perseverando por ela.


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *