Por que nos afecta ás mulleres a Lei Trans?

O feminismo deberíase de ocupar da liberación da muller da opresión patriarcal e así conseguir a igualdade real dos sexos mediante unha sociedade xusta e equitativa. Debemos de centrarnos en loitar contra as opresións ás que están sometidas as mulleres e nenas: violacións, agresións sexuais, sexismo, asasinatos, prostitución, vexacións, discriminación, brecha salarial, violencia obstétrica, invisibilización, malos tratos… Por que entón levamos meses, anos quizais, falando dos trans e do transxenerismo? En que nos afecta ás mulleres que se aproben leis que lles garantan como un dereito a autodeterminación de xénero? Por que non imos ao noso?

Con data do 02 de febreiro, o Ministerio de Igualdade filtrou á prensa o borrador da chamada Lei para a Igualdade Real e Efectiva das Persoas Trans. Esta lei garante o dereito á autodeterminación de xénero e o consecuente cambio rexistral de sexo unicamente coa declaración expresa do interesado, sen necesidade de diagnóstico de disforia nin proceso de transición médico. É dicir, que calquera persoa pode realizar sen ningún requisito verificable, o cambio rexistral de sexo de nacemento ao sexo sentido, sendo isto, para todos os efectos, a súa nova condición legal. Pero resulta que o patriarcado sabe moi ben a quen oprimir porque o fai en función do que temos entre as pernas (sexo) cando nacemos. Así de simple e así de inxusto. Se entre as pernas hai un pene (sexo masculino), non se oprime, se hai unha vulva (sexo feminino), si. E iso é así porque esa vulva significa que o recentemente nado, cando creza e sexa adulto, vai posuír un diferencial biolóxico con respecto a quen non a ten, e vai a menstruar ou poder xestar e parir. Só por ese pequeno detalle tan arbitrario, o patriarcado xa lle asigna aos bebés con vulva un lugar secundario na sociedade (xénero feminino) e aos con pene, o principal (xénero masculino). O privado e o público. O dependente e o independente. O sometido e o dominante.

A pesar diso, e tras 300 anos de loita, o feminismo conseguiu que as mulleres e nenas, que son esas persoas que naceron con vulva (sexo) teñan unhas poucas leis que compensen esa desigualdade que supón que a sociedade lles asigne ese papel secundario (xénero). E así aos poucos, lograr nestes tres séculos que todas as persoas adquiran a mesma relevancia e importancia social, polo menos no papel. Se se aproba unha lei como a lei trans, que permite que esas leis que compensan a desigualdade non se establezan en función do sexo real, senón do sexo sentido (xénero), as persoas que adopten o sexo contrario ao observado ao nacer, tamén serán acollidas por esas leis compensatorias. E entón esas leis non valerán para nada, porque a súa única razón de ser (compensar as desigualdades que a sociedade patriarcal crea en función do diferencial sexual das persoas), deixaría de existir.

Cando o feminismo di que as leis de autodeterminación de xénero poñen en risco os logros feministas, é porque alteran a realidade dos feitos nos que están fundamentadas as leis baseadas en sexo real ou biolóxico. Non hai dereitos exclusivos para as mulleres, hai leis de protección e compensación específicas porque a muller é a que sofre a desigualdade estrutural no sistema patriarcal. Se desaparecen esas proteccións específicas, non hai forma de loitar contra a opresión. Que existan leis que permitan cambiar a categoría sexo en función da autodeterminación de xénero, vai en contra das políticas de protección e compensación ás mulleres, como o é a lei integral de violencia de xénero, as leis que garanten a paridade nas institucións, ou as leis que protexen o deporte feminino.

Non podemos ocuparnos de “o noso” se “o noso” deixa de existir. O Feminismo é como un camiño cheo de obstáculos, pero se un deles é unha bomba que petende dinamitalo, ou a apartamos ou non haberá máis camiño. Se unha lei non protexe a toda a sociedade senón só a un pequeno grupo prexudicando ao resto, é unha lei fascista. Nunha lei que protexe aos ricos fronte aos pobres (as leis tributarias en paises como EEUU), entendémolo perfectamente. A ver se tamén o facemos cunha lei que protexe aos nados homes de autodeterminarse do sexo do que senten fronte ás mulleres.


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *