MANIFESTO FUNDACIONAL*

Plataforma do Feminismo Radical de Galicia nace de forma autónoma para acoller a todas as organizacións, asociacións, colectivos e mulleres feministas galegas que pretendan lograr maior forza política para a consecución final dos obxectivos da axenda feminista.

A nosa única finalidade como feministas é acadar unha sociedade máis xusta e equitativa para as mulleres, onde nós tamén sexamos o centro. E para iso poñemos en marcha esta plataforma coa que perseguimos maior visibilidade e representatividade xuntando esforzos colectivos e particulares. Queremos que sexa un lugar de encontro onde cada colectividade e muller individual se sinta arroupada e representada en empresas comúns, pero sen perder en ningún momento a independencia e sen ningún tipo de renuncia. Móvenos a necesidade de unirnos para ser vistas e escoitadas. E, sobre todo, tidas en conta como parte esencial do feminismo na nosa terra.

Poucas persoas dubidan xa da existencia do patriarcado como modelo de sociedade no que as mulleres ocupan un lugar subordinado con respecto aos homes. E poucas mulleres hoxe en día non se recoñecen feministas, entendendo o feminismo como a consecución dos mesmos dereitos para homes e mulleres e a procura da igualdade. Con todo o feminismo non é só iso. O feminismo é un movemento social e político con máis de 300 anos de historia, que nace para teorizar sobre o lugar fundamental da muller no mundo e loita por conquistalo. Ao longo destes máis de tres séculos, o feminismo conseguiu, polo menos no papel e nas sociedades máis desenvolvidas, a igualdade formal. Pero iso, nin moito menos se viu reflectido nunha igualdade real. É polo que o feminismo define o seu obxecto, non como a igualdade de homes e mulleres dentro do modelo de sociedade patriarcal, senón como un movemento social e político colectivo de carácter transformador que busca a liberación da muller da opresión patriarcal dende a raíz da devandita opresión que non é máis que a existencia do propio patriarcado. A liberación que suporía a desaparición do patriarcado como modelo social, traería a igualdade real entre homes e mulleres.

Actualmente o Patriarcado adopta a deriva neoliberal e posmoderna da sociedade do século XXI ameazando os dereitos conquistados polas mulleres e os que aínda nos quedan por conquistar. É polo que consideramos indispensable non nos desviar dos obxectivos que acompañan ao feminismo ao longo destes tres séculos de historia. A axenda feminista, que permaneceu inalterable durante todo este tempo e que só foi modificada na medida que os novos dereitos para as mulleres foron conseguidos, sempre partiu do suposto de que a raíz da nosa opresión é o noso diferencial sexual respecto aos homes e que dita opresión execútase mediante o patrón social que para nós establece o xénero. Todo faise efectivo coa apropiación, por parte do patriarcado, das nosas capacidades sexuais e reprodutivas.

É por esa razón que a nosa axenda ten, entre os seus obxectivos irrenunciables:

  • A eliminación do sexismo, xa sexa a nivel social como laboral ou educativo
  • A eliminación de todas as formas de violencia contra as mulleres, como son a violencia machista ou a violencia obstétrica
  • A abolición das diferentes formas de explotación sexual, como son a prostitución e a pornografía
  • A abolición de todas as formas de explotación reprodutiva, como son os chamados ventres de alugueiro ou a doazón de óvulos
  • A abolición do xénero como ferramenta de opresión e control patriarcal.

Pero para lograr todos estes obxectivos e todos os demais que compoñen a axenda feminista, necesitamos unir os nosos intereses na causa común. De pouco serven os nosos esforzos se non somos conscientes da nosa forza. É por iso que a Plataforma do Feminismo Radical de Galicia pretende ser un vehículo que nos transporte a todas, colectiva e individualmente, nesta empresa cara ao éxito final.

Somos moitas. Fagamos o posible por ser grandes.

A muller é a femia humana. Se ese non é o teu caso, este non é un espazo pensado para ti.


O noso formulario de adhesión está fóra de servizo por un tempo. Pero non te preocupes, se queres unirte á Plataforma do Feminismo Radical de Galicia, só tes que enviarnos un correo a mulleresgal@gmail.com co seguinte:

  • Nome e apelidos
  • Correo electrónico
  • Provincia
  • Localidade
  • Teléfono

Prometemos que o formulario voltará pronto, pero mentres tanto estamos encantadas de recibir a túa adhesión por email!

Moitas grazas pola paciencia 💜